viernes, 30 de diciembre de 2011

XUSTIFICANDO CON ERROS


              Sempre é o mesmo. Cada vez que hai mortes inocentes, axiña o achacamos a un erro ou a varios erros. Sempre é o mesmo. O erro é coma un perdón. E xa se sabe que pedir perdón é fácil. E todos cometemos erros, principalmente nas guerras; dende os que se entenden que van de bos pola vida (chámense ianquis, europeos ou occidentais) ós que axiña catalogamos coma malos (chámense islamistas, africanos ou do terceiro mundo) Neste relato tócalle a quenda á aviación turca, que masacrou (por error, faltaría máis) a trinta e cinco civís kurdos en Iraq. Logo, o Goberno (que neste caso é dos bos) desculpouse por confundir ós contrabandistas con rebeldes (que se entende que son os malos) E coa desculpa xa está todo aclarado; os mortos irán ó cemiterio (ou a unha fosa común) e aquí paz e despois gloria. O caso é ganar algo (unha batalla, un terreo, unha fronteira, unhas ideas), a costa de quen sexa, é dicir, a costa sempre dos máis inocentes, dos civís. Iso aconteceu e seguirá acontecendo sempre en todas as guerras; líbrenas os bos ou provóquenas os malos. E, sinceramente, non vale desexar paz neste ano que comeza, porque en moitos lugares do mundo non a haberá. Polo que morrerán civís e, o que é peor, nenos. Pero todo se seguirá xustificando con erros.

              Finca Fierro. Venres, 30 de decembro de 2011

PATA DE PAU


              Quero ser pata de pau nunha novela de piratas. As catro patas negras da cadeira do Café Aitana 39 sobre as que estou sentado aguantan algo máis dun parágrafo que se está a escribir nun conto chino. Hai novelas de piratas e hai contos chinos. Tamén hai adornos de Nadal sobre a mesa e tres ou catro pantallas de televisión (unha non a vexo) que emiten as mesmas imaxes de publicidade. Tamén hai televisións no café Aitana 39. Os clientes toman cafés, len xornais e deséxanse felices festas. Parece que só se pode pasar ben nas festas. Nos días laborais seica hai que choiar e, semella que, amargamente. Certo, agora moitos xa desexan un feliz día no Facebook. Non só nas festas. Un servidor deséxalles a todos un feliz día e unhas felices festas. Xa son pata de pau nesta miña novela.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 29 de decembro de 2011

jueves, 29 de diciembre de 2011

CON FALTAS DE ORTOGRAFÍA


              Un ano que remata é o recordo que traspasa a fronteira do presente para o pasado. É o tempo que xa foi. É o tempo no que a memoria sobe ó tren dos instantes. Porque a vida transcorre a base de instantes. Na noitevella e no ano novo é cando a memoria viaxa no AVE das présas. Son eses días nos que, un, repasa o ano transcorrido como se fora o derradeiro suspiro. Un ano que remata tamén serve de lección polos erros cometidos. Os seus días son páxinas escritas coas súas faltas de ortografía. Agora, dende a perspectiva do que xa pasou, les con parsimonia cada instante, cada momento e intentas borrar con típex, cun corrector aquelas faltas que mancharon os días. O bo do típex é que podes escribir sobre el. Certo que se notará sempre, pero… Pero o futuro será a esperanza da convivencia.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 29 de decembro de 2011

martes, 27 de diciembre de 2011

CAMIÑO DA ALDEA


              Ás dez da mañá os tellados das casas do barrio de Argimiro Rochela Suárez brillaban a causa da impresionante xeada existente aínda a esa hora. Argimiro vestiuse de tal maneira que se pode dicir que nin unha bala o traspasaba. Subiu ó seu vello coche e deixou durante uns segundos que rosmase para que quecese un chisco. Pero aínda así, cando empezou a manobrar, o freo non respondeu ás primeiras pisadas. Menos mal que non había ningún obstáculo por diante no que impactara o coche. Tras varias pisadas abrandou e o pedal xa baixou ata o fondo. Argimiro Rochela Suárez colleu camiño cara á aldea con moito coidadiño; non fora o demo que a xeada o mandase a unha cuneta. Chegou san e salvo para traballar durante todo o día na viña que ten na aldea.

              Finca Fierro. Martes, 27 de decembro de 2011

QUEIXAS PARA AS ESTATÍSTICAS


              Dende que eu saiba, o programa televisivo de Telecinco “Sálvame” ou “Sálvame Deluxe” (sinceramente, non me importa cómo é o seu auténtico título ou se son dous títulos distintos); digo que este programa sempre asomou nos medios escritos pola cantidade de queixas e de denuncias dos espectadores. Ata aquí, perfecto. A imperfección chega cando, unha e outra vez (xa digo, dende que eu saiba), en cada estudo anual ou trimestral ou como fagan eses estudos ou estatísticas, sempre é o programa con máis queixas e denuncias. E digo eu, ¿de que vale denunciar se segue a cometer os mesmos improperios? ¿Qué pasa?; ¿multan a ese programa? Pagarán a sanción e punto. ¿Qué significa para eles unha multa? Págana cun spot publicitario e xa está. ¿Por que non o eliminan da grella, da programación? ¡Esa é a solución! Mentres non fagan isto, seguirán coa mesma tónica. Saben que as queixas quedan para as estatísticas.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 27 de decembro de 2011

viernes, 23 de diciembre de 2011

SALTAR AS NORMAS


              Acabo de ver unhas imaxes nas que un porteiro de fútbol repele a agresión na que se viu envolto cun espectador. O árbitro amosoulle ó porteiro a tarxeta vermella, que foi moi protestada polos seus compañeiros e polo adestrador, ata o punto de retirar do campo, do partido ó seu equipo. Non sei a normativa ó pé da letra, pero creo que o árbitro actuou ben. Así e todo, chapeâu ó porteiro. Ás veces hai situacións nas que temos que saltar as normas. Xa me parece deprimente que os espectadores vaian ós campos de fútbol a desafogar as súas penas, imaxinade cómo me sinto vendo a un deles mallando a un porteiro, a calquera persoa porque si, porque a algúns as penas sábenlle nadar. Hai que empezar a asumir que ós campos vaise a ver fútbol, vaise a ver xogar, e non a esbardallar nin a insultar a tododeus. Moito menos a soltar labazadas e golpes. Creo que o árbitro actuou dentro do regulamento, pero tamén creo que o porteiro actuou como faríamos calquera de nós e con forza ou nervio para facelo. Algúns non nos atrevemos nin cunha mosca. Pero isto xa é outra historia. (No momento de mandar o relato a este xornal, a Federación Holandesa xa lle quitou a cartolina vermella ó porteiro, alegando defensa propia. Tamén aquí, este organismo actuou ben)

              Café Tizona de Ourense. Xoves, 22 de decembro de 2011

O SOÑO DO RAPAZ


              Déitate sobre a casca dun amieiro e abrázate ó sombreiro dun cogomelo. Logo soña co fouciño que corta as sebes daquela parcela, na que pasabas as mañás de inverno. A Turina pace por entre uns codesos e xa pensas que abeirou por Sudalomba abaixo. Cando te alporizas para saír a buscala, empeza o Uriarte a ladrarlle e a sacala daquel escondedoiro que chegou a angustiarte. Pero é realmente o burro o que che amarga a mañá; nun abrir e cerrar de ollos deixou de estar presente e sabes que ó chegar á casa, tes que seguir camiño do muíño do Dositeo. Alá o atoparás roldando á burra do muiñeiro. Esperta, rapaz, que a carapela, a casca do amieiro empeza a arrefriarche a alma. Colle a cesta e complétaa cuns boletos.

              Café Tizona de Ourense. Xoves, 22 de decembro de 2011

jueves, 22 de diciembre de 2011

FEDERICO, O BIBLIOTECARIO


              Poida que moitos xa non lembren que Federico Ferro Ferreiro foi, durante moitos anos, o encargado da biblioteca de Baños de Molgas. Un servidor non se esquecerá nunca. Porque, grazas ás facilidades que me deu ese home, convertinme nun auténtico tragalibros. Era a etapa na que empezaba a ler. Era a etapa na que non tiña nin unha cadela para mercar libros, nin tan sequera novelas do Oeste. A salvación estaba na biblioteca que rexentaba O Federico. Axiña me convertín no seu “cliente” máis habitual. Grazas á súa amabilidade, devorei nun chiscar de ollos as obras completas de Pérez Galdós e de moitos clásicos españois, ou descubrín a un tal Emilio Salgari cando lin a súa primeira novela, “Sandokán”, e axiña caeron todas as coleccións relacionadas con misterio, crimes, novela negra, Agatha Christe, Dashiell Hammett, Wilkie Collins e un longo etcétera. Cheguei a ler libros segundo estaban por orde de estantes. O meu “clientelismo” era tal que non tardei en ir na procura das chaves da biblioteca á propia casa de Federico Ferro Ferreiro con horas de antelación á apertura diaria da sala de lectura. E sempre estivo disposto a ofrecermas sen un pero. Aínda hoxe o vexo sentado naquel “mazadoiro da burga” e tan axiña como notaba a miña presenza, metía a man no seu peto, sacaba as chaves e “ale, vai abrindo, Chito”. Deume tantas facilidades que rematou por “traspasarme” a biblioteca municipal. Ás veces ruborízome cando leo necrolóxicas abondo melindrosas, pero eu hoxe teño que usar o tópico de que sinto a súa viaxe eterna. De verdade e de corazón. Tamén sei que cando, algún día, chegue á súa beira estará a esperarme co talonario de préstamo aberto (na nosa época aínda non existían os arquivos informáticos) para anotar o libro ou libros que queira ler. Grazas, Federico, polo que significaches para min. Eras máis que amigo e veciño.

              Maceda. Xoves, 22 de decembro de 2011

DETRÁS DUNHA PORCA


              O paspán de Veriano Couce Rodríguez corría detrás dunha porca que acababa de fuxir do cortello. A porca respondía ó nome de Loída, que Veriano lle puxera cando decidiu criala. Os veciños preguntábanlle o por que dese nome. E el tan só dicía que porque si, a maiores de ollar de mala maneira ó que lle preguntaba, pois xa estaba farto da maldita pregunta. ¡Que lles importaba!; puxéralle Loída e punto. E cando a algo se lle pon nome, hai que chamalo desa maneira. Aínda que ás veces, ou quizais moitas veces, escapábaselle o de “¡maldita porca!”, cada vez que non obedecía as súas ordes. Axiña arrecunchou a Loída contra o muro do cemiterio e conseguiu botarlle o lazo polo pescozo. Con parsimonia e con moitas palabras cariñosas levouna ó seu curral. Claro que alí, xa sen escapatoria, pegoulle unha boa patada no xamón dereito, acompañado por un “¡maldita porca!” Nos cabreos saíalle o primitivismo.

              Maceda. Xoves, 22 de decembro de 2011

miércoles, 21 de diciembre de 2011

PARODIA DO TEMPO EXCESIVO


              1, 2, 3... responda vostede outra vez. Así se podía parodiar con este título televisivo o derradeiro pleno do ano no concello de Barbadás. O señor alcalde tivo o “gran detalle” de poñer un reloxo sobre a mesa de presidencia municipal para controlar os tempos de resposta da oposición. Por cincuenta céntimos de euro, ¿canto subimos a taxa de lixo este ano?; 1, 2, 3... responda vostede outra vez. Xe por cento. ¡Ben! Outra pregunta: por cincuenta céntimos de euro, ¿cando rematamos o pavillón municipal?; 1, 2, 3... responda vostede outra vez. ¿Non saben contestar? Que se lles acaba o tempo. ¡Tempo! Non hai máis preguntas; quedaron vostedes eliminados. ¿Para que esta parodia? Se ten maioría absoluta e pode cortar cando queira. Co sinxelo que é dicir: veña, a votar, e xa está. ¿Para que gastar pilas nun reloxo dixital?

              Maceda. Mércores, 21 de decembro de 2011

viernes, 16 de diciembre de 2011

MACHISMO PURO E DURO


              Díxeno sempre; a muller é merecente dun monumento en todas as prazas de todas as vilas, e a muller labrega galega non precisa de ningún monumento porque xa ten o ceo máis que ganado. Agora mesmo, a miña está pasando o ferro e eu, faltaría máis, estou fochicando no ordenador para matar o tempo. E púxose a pasar o ferro xusto cando chegou de facer un traballo de dúas horas. Mañá, se o tempo o permite, botarame unha man na viña para que un servidor nona teña que acusar de nugallá ou de cómoda. Sinceramente, non temos perdón de Deus, non teño perdón. Algúns pensarán que é lei de vida, que así é a costume dende que o mundo é mundo. ¡Mentira!; é o machismo puro e duro. Pero ante esta afirmación, eu sigo a mirar cómo lle pasa o ferro a, precisamente, as miñas camisas. Deixo que a miña ollada percorra toda a súa cara e a pesar dos rictos de horas de traballo seguidas, segue fermosa e, para máis aquel, cando aprecia que a estou mirando con intensidade, a moi celestial muller vai e diríxeme un sorriso de complicidade. Cos meu ollos pídolle perdón polo meu machismo. Pero sigo a fochicar co ordenador.

              Finca Fierro. Venres, 16 de decembro de 2011

jueves, 15 de diciembre de 2011

ABUSAR


              Abusar: Usar con exceso, mal ou indebidamente, unha cousa (abusou do poder) ¡Que definición máis bonita para os políticos! Abusar: Aproveitarse de algo ou de alguén (abusa da súa confianza) Seguen sendo os políticos os que entran nesta definición moi perfectamente, xa que se aproveitan dos nosos votos. Dámoslles a máxima confianza e págannos como xa sabemos todos. Abusar:  Tratar deshonestamente a alguén de menor experiencia, forza, poder, etc. (sempre abusa dos máis pequenos) Aquí ¡ata tamén os políticos entran a saco!, pois mírante por enriba do ombreiro e, para máis aquel, aínda se mofan da súa forza, do seu poder. Abusar: Obrigar a prácticas sexuais non desexadas (abusou sexualmente da veciña) E das que non son veciñas. E tamén moitos políticos usan eses actos delituosos. E os que non sabemos. Abusar... ¡como odio esta palabra!

              Maceda. Xoves, 15 de decembro de 2011

martes, 13 de diciembre de 2011

UN MAR ETERNO


              Déitase a auga sobre o negro asfalto e seguen as nubes coa súa maratón polo ceo do Medo. Quero ser pinga de auga para acariñar á miña dona cando percorre as rúas sen cobertoira, sen chuvasqueiro ningún. Mais son sombra namorada que camiña á súa beira ante as luces de neon de calquera rúa enchoupada de espírito do nadal. Ás veces as pingas de chuvia levan consigo un cantar, cheo de ansiedades que buscan os recantos da casa nos que unha vida familiar vai e vén entre os fillos e a felicidade acochada entre as sabas brancas nas noites de silencio. Déitase a auga sobre a rúa empinada e corre na procura dun río, dun mar que semella a vida eterna; a miña vida ó lado dela, desa muller que recorre comigo os minutos do día. E os fillos son os segundos dese reloxo diario.

              Maceda. Martes, 13 de decembro de 2011

viernes, 9 de diciembre de 2011

FALLOS NA ADMINISTRACIÓN


              Esta administración nosa... E o peor de todo é que pertenzo a ela. Pero hai que asumir os fallos. E fallo grande, moi grande foi e aínda é o da administración cos seus problemas de coordinación. Non estamos a pagarlle cincocentos noventa e dous euros ó mes de viuvez ó asasino da súa muller. ¡Vaia incongruencia! ¡Realmente insólito! Ata a data cobrou máis de corenta mil euros, ¡e iso que non tiña con que pagar a indemnización á familia da finada! ¡Manda truco! ¡Como se pode cometer tal erro! Pódese asumir un desatino nun momento concreto, pero durante tantos anos ou en asuntos tan transcendentais, non é de recibo.
              Fallo grande tamén é que o Ministerio de Educación facilite este ano os trámites para solicitar unha beca universitaria por medio da internet, pero na realidade algo fallou e agora moitos estudantes están a velas vir. Aquí, e por experiencia, podo ratificar que, ás veces, a administración en vez de axilizar os trámites por medio da informática, ármase tal zarapallada que acabas facendo unha morea de tramitacións. Tan só quedar pedir moito máis coidadiño nas tramitacións que levamos a cabo.

              Maceda. Venres, 9 de decembro de 2011

jueves, 8 de diciembre de 2011

A ÁRBORE DO NADAL


              Quere a árbore do Nadal ser guía espiritual no camiño cheo de mentiras e bulleiro, pero as súas luciñas non alcanzan máis alá dunha cobiza malparida. As bolas de prata que colgan das súas gallas quixeron rodar pola estrada das présas, pero este frío de inverno mantenas na inercia de querer e non poder. Hai vida máis alá desta estación invernal e a árbore do Nadal sabe que terá que esperar dentro dunha caixa ata que a inocencia dun cativo brinque entre campás e folerpiñas de neve. O tempo pasa. Todo cambia. As luces acéndense. E tamén se apagan. O Nadal brilla nas luces de neon e a súa árbore acouga entre os agarimos da inocencia. Brilla a árbore nos ollos do neno.

              Café Tizona de Ourense. Mércores, 7 de decembro de 2011

NO OLLO DO CU


              A planta de residuos que a Xunta instalará no Irixo “ten que ir en algún sitio”, segundo o presidente da nosa Deputación e ante as críticas da oposición. E claro, ese sitio será, cómo non, en Ourense. ¡Faltaría máis!; como Ourense é o ollo do cu (lembrar que Galicia é o cu do mundo), ¡qué mellor sitio que ese! Para iso son residuos. Semella que vai crear unha morea de postos de traballo (creo que uns 250), aínda que xa veremos ó remate cántos repercuten no propio concello. Claro que, cando caian da burra (que caerán), xa será tarde, Rosa. E teremos xa a peste na nosa provincia per secula seculorum. Pero ¡que máis dá!, o caso é que o señor alcalde do Irixo cumpriu co seu peloteo político. Os veciños, o concello, a comarca e a provincia é o de menos. Como xa é o ollo do cu, tan só vai apestar un chisco máis.

              Café Tizona de Ourense. Mércores, 7 de decembro de 2011

miércoles, 7 de diciembre de 2011

UN GARABATO NA PEDRA


              Remata o balón en córner e plana a laverca sobre as carpazas de Sudalomba vixiando o seu niño. Unha pedra branca roda polo outeiro abaixo e nela vai escrito un garabato que ninguén sabe ler. Tan só algún xogador coas zapatillas furadas por abaixo será quen de marcar entre esa pedra branca e un penedo gris que está asentado entre unha toxeira e unha carpaza. A carpaza na que asenta o niño da laverca. O xogador deixa a súa chaqueta sobre a pedra branca e pensa no garabato que está alí para que o identifique el. Non atina co seu significado ata que o balón lanzado dende o córner penetra por entre o penedo gris e a pedra, agora, tapada coa chaqueta. O xogador cae na conta de que o garabato ten que significar gol. Olla para a laverca que planea e ensínalle un sorriso de complicidade.

              Maceda. Mércores, 7 de decembro de 2011

lunes, 5 de diciembre de 2011

A PORCA MAL CAPADA


              ¡Ai, ai, ai!; que os políticos tamén deberían ter coidadiño co que din, que despois, xa se sabe, ou son promesas que se rompen ou palabras que se volven en contra ou que leva o vento. O noso “excelso” Celso Delgado, deputado do PP por Ourense, esbardallou o 26 de decembro de 2009, vai para dous anos, sobre o paro na provincia de Ourense, que alcanzaba a suma de 24.558 persoas sen emprego. ¿Que dirá agora o homiño sobre os 28.069 parados e co seu partido gobernando na Xunta? ¡Ai, ai, ai!; coidadiño co que se fala, que xa sabemos que moitas veces sae a porca mal capada, sae o conto furado. Menos mal que xa estamos acostumados a que Galicia sexa o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Fomos a comunidade onde máis creceu o paro. É igual; eles seguen a cobrar abondo.

              Maceda. Luns, 5 de decembro de 2011

viernes, 2 de diciembre de 2011

OS QUE PAGARÁN A MARAGOTA


              Non fai falta ser un gran mago para adiviñar quén vai pagar a maragota nos recortes da crise. ¡Os funcionarios! ¡Que descubrimento! Claro que moitos xa estarán co sorriso aberto porque tododeus sabe que este colectivo ten o soldo seguro e, para máis carallos, non rañan bola. Poida que si. Pero tamén poida que non. Poida que algúns funcionarios si traballemos abondo para que unha tal Isabel Carrasco, do PP, presidenta da Deputación de León duplique os seus soldo con dietas e acumule once cargos máis. Repito, once cargos. Agora digo eu; cómo se pode traballar en once cargos. ¡Iso é imposible! Se traballas nunha cousa, ou en dúas ou en tres, non podes facelo en once… ¡non hai tempo! E xa non digo nada dos horarios normais dun traballador; a ver de ónde sairían as hora para once postos de traballo. A xente nos bares fretarase as mans coas novas dos recortes dos funcionarios antes de facer pensar á súa “intelixencia” neses soldos vitalicios dos grandes capitostes dos bancos ou nesas pensións abusivas que lles quedan ós que foron presidentes “de algo”. Contra estes ninguén se botará. Para qué; se están os funcionarios para o escarnio.

              Finca Fierro. Venres, 2 de decembro de 2011

PROMESAS QUE SE ROMPERÁN


              Un escano no parlamento. Mentiras cuspidas sobre micrófonos dourados ou papeis en branco. Promesas que se romperán. ¡Que máis dá!; o caso é ter poder para enganar, para confundir. Despois xa as escusas apousentarán con parsimonia sobre cidadáns incrédulos que chegarán incluso a entender as promesas rotas. É máis, moitos enganados incluso se romperán o peito para defender o indefendible. O cidadán enganado tamén sabe buscar escusas. ¡A ver!, de algo ten que valer o poder do seu voto. Só é unha papeleta, pero na que vai escrita a súa opinión, aínda que saiba dende un principio que será enganado. Somos burros mallados que seguimos levando a carga dunhas promesas que se romperán para que nos sigan mallando. Un voto. Unha mentira. Unha promesa rota.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

UN VÍDEO MUSICAL


              Vai o negro correndo pola estrada e un coche vermello asoma na distancia. O negro corre co torso nu e os seus peitorais bailan ó ritmo do sprint. O sol brilla con forza para que a cámara se relamba sobre as pingas de suor que caen da cara do negro. Axiña, o coche vermello se pon á súa altura e uns golpes de batería transportan a imaxe a unha fermosa muller que baila sobre un piso mollado de estrelas brancas. Volve o negro ó seu vídeo musical para cantar aquilo que non entendo. É igual; toda música acelera o son dos meus oídos. Non preciso de ningún vídeo para gozar coa arte musical. Ás veces é incluso mellor escoitar tan só a canción.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

QUINCE ANOS


              Quere o vento ser cabalo de batalla sobre o seu corpo de princesa, pero a pel da miña conciencia, da miña felicidade dálle calor e abrigo á nai dos meus fillos. Acariño cos meus ollos quince anos de casados e deito sobre o seu ferido peito esquerdo todos os momentos bos cos que me recompensa. Noto o latexo do seu corazón e bebo da melancolía da súa alma. Toda ela sabe a amora madura ou a marmelo untando no pan cocido do meu propio forno. Hai amores que se amasan co paso do tempo. E canto máis se amasan, máis se baila na felicidade, na bonanza dunha vida que non sería igual sen ela. Quince anos feliz á súa beira.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

jueves, 1 de diciembre de 2011

PENSAMENTOS DUN ESCORNABOIS


              Pensaba o escornabois que o gato con botas era un can descalzo que evitaba os toxos para non se picar. A leira estaba chea de toxos arnais e tan só os burros con orellas pequenas se atrevían a fincarlle os dentes. Ai animais que semellan peixes ó voar, porque levantan o rabo e abeiran por Sudalomba abaixo. Pensaba o escornabois que a lagarta que tomaba o sol no Penedo de Vide era unha pomba branca chocando os ovos que tiña no niño dun petroglifo. O sol queimaba de carallo e aínda así a gata de Laureano Diéguez se esparramou por enriba do capó do coche de Nicasio Sanjuán. Pensaba o escornabois que, a causa de levar tanto tempo pensando, a vida era eterna; pero a roda dun carro que pasaba xusto naquel momento esmagouno nun requiescat in pac eterno.

              Café Congana´s de Ourense. Mércores, 30 de novembro de 2011