viernes, 30 de marzo de 2012

MALA COMPAÑEIRA


              Doen os ollos de tanto percorrer a pantalla do ordenador. Doe o pescozo de tanto ler. Arde o estómago por estar dobrado. Unha pastilla Secrepat axiña apagará ese pequeno incendio. Os ollos refrégoos coma se tivese sono. Pero non é sono. É canseira. Non sempre un está espelido a todas a horas. Quito os anteollos para refregar toda a cara, incluso remexer o pelo branco da cabeza. Estou canso. Teño dereito a estar canso. De traballar. De pelexar con códigos e áreas e hectáreas e sementes e lameiros e montes e vacas e ovellas. Canso de andar de aquí para alá. Cos rapaces. Na compra. Ata estou canso de estar canso. A nugalla é mala compañeira cando se está canso.

              Finca Fierro. Venres, 30 de marzo de 2012

CENSURA A UN PALLASO


              Ó mellor é que non teño inventiva ou que non hai moitas novas semanais que reclamen a miña atención. Pero é que ultimamente estou falando tan só de árbitros e alcaldiños. Se digo árbitros, algúns intúen xa que é para falar ben deles. Se digo alcaldiños, o diminutivo xa di por onde van os tiros. Exacto, hai alcaldes e alcaldiños. Hoxe tócalle a quenda ó alcaldiño de Santiago, o señor Conde Roa. Non vai o zoupón e se lle dá por censurar a todo un pallaso, como diría Manuel Rivas, en referencia a Leo Bassi. Un pallaso que pode gustar ou non, pero ós que lles gusta rin a cachón con el. E xa se sabe que facer rir é unha das cousas máis difíciles que existen. E volvo citar a Manuel Rivas porque unha frase que lle lin sobre este asunto deixoume pampo: “con todo o que se gastou en contedores culturais, mesmo unha Cidade da Cultura, e agora resulta que non hai sitio para un pallaso”. Remato tamén con outro dardo de Rivas: “Conde Roa, en vez de concentrarse na súa nobre función, que é administrar o concello, pois quere todo. Quere facer de pallaso. E acaba facendo tamén o parvo”. ¡Alcaldiño!

              Finca Fierro. Venres, 30 de marzo de 2012

miércoles, 28 de marzo de 2012

Ó SON QUE NOS TOCAN


              Escoito no silencio da noite e noto o ruxerruxe de algo que fai ruído pero que non se ve. Ó mellor ata é o propio silencio que fai ruído. Hai silencios que producen moito barullo, como hai ruídos que te envolven nun longo silencio. A vida ás veces é estraña. Como a xustiza. Como a política. Perdón, minto; tanto unha coma outra tocan muiñeiras e alalás a esgalla para que nós bailemos a ese son. Bailamos ó son que nos tocan. Tan só os que non teñen conciencia acougan sentados en poltronas que ninguén move. E mentres nós facemos moito ruído, eles meten man con moito silencio. Cando quedamos calados, son eles os que inventan o barullo.

              Finca Fierro. Martes, 27 de marzo de 2012

lunes, 26 de marzo de 2012

OS REIS DO MAMBO


              Non chega que un presidente expulse do club a un xogador cando hai unha agresión por medio. Ninguén ten dereito a pegarlle a ninguén. Ante estes casos, creo que habería que tomar máis medidas cás tomadas polo seu presidente e incluso polos propios comités de árbitros. Unha vez máis un xogador zoscoulle a un árbitro porque o expulsou dun partido. Aconteceu no partido Caselas-Cambados. O colexiado suspendeu o partido. Normal. E eu denunciaría “a esa besta” ante a xustiza ordinaria, non ante a deportiva.. Sigo dicindo que os árbitros son os auténticos heroes do fútbol español. E seguirei a denunciar sempre os caprichos de catro “mocosos” que se senten os reis do mambo porque alguén os alenta, os afouta dende as bancadas.

              Maceda. Luns, 26 de marzo de 2012

viernes, 23 de marzo de 2012

ACABOUSE O QUE SE DABA


              Catro e vinte da tarde. Nenos que saen en fila india dun colexio. Ducias de nenos. Cos seus chándales regulamentarios.  Sol que cae sobre media glorieta e a sombra que cobre a outra parte. Un home cruza a beirarrúa a paso lixeiro. Un rapaz cos auriculares escoitando música. Non creo que escoite as novas nacionais ou internacionais. Próeme a man esquerda e raño nela. Son dos que digo sempre que cando pica algo, hai que rañalo, rabuñalo. Claro que canto máis rañes, máis proe; pero… A xente, con chaquetas e xerseis colgados dun brazo; a calor volve ser dona e señora desta acabada de chegar primavera. Catro e vinte e seis minutos da tarde. Xa está. Acabouse o que se daba.

              Cafetaría Menfis de Ourense. Venres, 23 de marzo de 2012

HÁBITOS DE CONDUCIÓN


              Quedo quietiño coma un paxariño diante dunha cristaleira que me permite ver como pasan os coches pola rúa. Pasan veloces porque tendemos a correr aínda que sexa na cidade. Aparcan en dobre fila porque tendemos a ser moi cómodos e custa horrores desprazarse a tal ou cal tenda ou comercio. Contemplo tamén dedos que furgan no nariz porque, como imos solitarios no vehículo, pensamos que ninguén nos ve. Intúo, a maiores, eses cabreos que nos collemos porque o que vai diante non corre ou porque fai manobras que non esperas (e nós sempre somos perfectos). Sigo quietiño e contemplando hábitos de condución, ás veces, temeraria.

              Cafetaría Menfis de Ourense. Venres, 23 de marzo de 2012

O ESCÁNDALO DO "ESCÁNDALO"


              Aínda está na boca de todos o “escándalo” do partido Vilarreal-Real Madrid; o que me demostra que o fútbol en España ten un cheiro tan forte a podre que bota para atrás. E non o digo pola arbitraxe en si, senón polo descaro que teñen os dous equipos grandes do noso país. Que sexan precisamente o Madrid e o Barça os que protestan, iso si é un escándalo. Lembro hai moitos anos, nun faladoiro televisivo, o propio Valdano recoñecía que estes dous equipos (cos máis grandes presupostos e mellores xogadores) partían todas as temporadas, ¡polo menos!, con dez puntos de vantaxe por axudas arbitrais e de despacho. E logo van, e aínda reclaman sobre o campo. Nese partido citado ó principio, ó Vilarreal “escamoteáronlle” dous penaltis. Ninguén fala diso. Aquí está tamén o gran erro; que os propios xornais non son neutrais. Ata ós de información xeral lles importan un carallo os equipos pequenos; polo que xa non digo nada da Biblia do Madrid (Marca) ou da do Barça (Sport) ¡Pobre Vilarreal!, nin dereito ten a protagonizar el un. O escándalo do “escándalo”.

              Cafetaría Menfis de Ourense. Venres, 23 de marzo de 2012

jueves, 22 de marzo de 2012

A PEDRA


              Cheiro a man que colleu a pedra. Cheira á pedra. É un cheiro de anos de eternidade. Pedra labrada polo paso do tempo. Pedra fría pola xeada, polo carazo. Pedra quente polos raios de sol que a penetran. Pedra quieta cando é penedo. Pedra en movemento cando é coíña. Pedra branca. Pedra negra. Pedra chea de mofo e lique. Pedra na que apousenta un lagarto ó sol e pola que pasea, con esforzo, un escornabois enfermo. Nótase no seu andar. Pedra, testemuña de parellas que se confesan e de adultos con pensamentos doutros tempos. Lavo a man que colleu a pedra. Xa non cheira á pedra. Queda a pedra tomando o sol en Barricobos.

              Finca Fierro. Mércores, 21 de marzo de 2012

martes, 20 de marzo de 2012

PARA ESCOITAR PENAS


              O tema musical Deborah´s Theme , que Ennio Morricone compuxo para a película Houbo unha vez en América é de tanta tristura, de tanta melancolía que Alejandra Sánchez Movilla deixa de escribir no ordenador e contempla por entre a persiana  os raios de sol que se filtran por entre uns piñeiros. Queda tan pasmada ante a visión ou ante a música que mesmo semella unha estatua de carne e oso. Cando remata o tema sae do seu espasmo e segue a darlle con forza ás teclas. Contempla, agora, o corredor da oficina na que traballa e ve aparecer, alá ó fondo, a un paisano con cara de poucos amigos. Emporiso, ela, cun celestial sorriso, axiña desarma ó home e ofrécelle unha cadeira para que sente e para que lle conte as súas penas. Alejandra Sánchez Movilla estaba para iso, para escoitar as penalidades da xente e intentar animalas.

              Maceda. Martes, 20 de marzo de 2012

domingo, 18 de marzo de 2012

A BÁGOA DO MEDO


              O rapaz está de tal forma encollido, engruñado  que, cos seus brazos, aperta con forza as pernas e ten a cabeza agachada; forma case un nobelo. Para máis aquel acubíllase baixo a protección dunha parede de pedra. Dá a impresión de que ten medo. Nos seus ollos asoma unha memoria de silencio e un sufrimento que se enchoupa entre o mofo, a carriza da parede. Ten o pelo tan curtiño que semella rapado. Pero se esforzo a ollada, vexo, na foto, algo que semella unha bágoa que sae do seu ollo esquerdo. Creo que é a bágoa do espanto, da miseria. A bágoa do medo. A foto é en branco e negro, sobre unha parede escura, que deixa ver unha inocencia rota polo medo.

              Finca Fierro. Domingo, 18 de marzo de 2012

sábado, 17 de marzo de 2012

SÓ E ESCRIBINDO


              A aberrante Isabel Pantoja sorrí con dentes de Close Up dende unha revista do corazón e confesa os seus amores máis descoñecidos. Daquela xa non son descoñecidos. Digo eu. Catro clientes entran na cafetaría e sentan nos tallos que están ó pé da barra. Oio como piden catro cañas. A un servidor chégalle o seu cafeciño, que xa está tomado. A camareira lanza un grazas sonoro e intúo que os clientes pagaron xa a súa consumición. Alguén, nun santiamén e sen darme conta, pillou a revista do corazón para empaparse coas palabras da Pantoja. Un servidor xa hai tempo que lle botou unha ollada a catro xornais. Axiña quedo só, en silencio e escribindo.

              Finca Fierro. Sábado, 17 de marzo de 2012

EN CADA PINGA DE AUGA


              Ata o lagarto que estaba escangallado ó sol deixa que as gotas de chuvia lle caian sobre o seu lombo. Por fin chove. E en cada pinga de auga vai o suspiro dun gandeiro, o soño dun agricultor. Sábese que o que está a chover non vai solucionar nada (porque axiña volverá o sol), pero sentir tan só ese cheiro a terra mollada é coma unha alegría interior semellante a cando escoitas unha boa obra musical clásica. Logo duns minutos e tras a euforia, o lagarto bota unha carreiriña para acubillarse debaixo dunha gran pedra. Logo ponse a mirar cómo as herbas se van enchoupando, empapando.

              Finca Feirro. Sábado, 17 de marzo de 2012

viernes, 16 de marzo de 2012

A FAME


              Patricio Sigüenza tiña a lingua rota de tanto morder silencio. Ai, non; iso facíao Víctor Manuel. Perdón. É igual; Patricio Sigüenza tiña a perna esquerda rota de tanto choutar nos valados dos veciños que tiñan as leiras cheas de árbores froiteiras. O pobre home era tan pobre que non tiña nin para mercar unha boroa. Tiña que roubar as froitas dos veciños. Porque el nin tan sequera tiña fincas. Quería berrar por culpa da fame, pero dáballe vergoña e tiña medo a morder a lingua. Así é que quedaba en silencio e deixaba que fose Víctor Manuel o que rachase a lingua. Agora, Patricio Sigüenza estaba quietiño porque tiña a pata rota e optaba por remoer cachos de escaiola. Tamén remoía a rabia. Tiña fame. Ás veces choraba en silencio.

              Finca Fierro. Venres, 16 de marzo de 2012

A LADAÍÑA SALVADORA


              Ou volvemos romper o Medo ou isto rebenta. Pouco podemos aguantar coa asfixia á que nos somete calquera Administración... a central, a autonómica e incluso a local. Todo sobe coma a espuma. Todo. E os soldos, un só soldo, baixa coma unha pinga de auga cando cae. Despois, para máis aquel, somos parvos de remate, xa que cada vez dámoslle máis votos ós que precisamente nos están afogando. E cando nos vemos entre o eixe e as rodas, acudimos á ladaíña salvadora: a culpa foi dos outros. A culpa sempre foi dos outros. E non importa quen goberne; toda a culpa é dos outros. Cando un non quere apandar con ela, fórmase axiña unha comisión para buscar ós verdadeiros culpables, polo que hai que formar outras comisións máis pertencentes ás Comunidades Autónomas, que á súa vez forman outras para atopar ós culpables na administración municipal. Logo de tanta análise, chégase á conclusión de que os culpables son os paisanos de a pé por facer un uso indebido da sanidade ou da educación, por exemplo. O mellor é non estudar e rebentar detrás dunha xugada de vacas que tire dun veso ou dun arado de mosquito para volver sementar o monte Medo. Pero que todo sexa polo benestar dos nosos gobernantes. ¡Pobriños, nin saberán o que é un arado!

              Maceda. Venres, 16 de marzo de 2012

viernes, 9 de marzo de 2012

O BULLEIRO DA MEMORIA


              Quedo no chan tendido sobre a lama e un sapoconcho pasa por enriba da miña perna dereita. Estou cheo de mazaduras porque unhas palabras políticas escritas sobre o bulleiro da memoria doéronlle a quen ían dirixidas. Contratou a tres sicarios para que me deran o aviso dun comportamento sinxelo e con caricaturas amables. ¡Compórtate, rapaz!, espetáronme. ¡A min, que xa non son un rapaz! En cada golpe ía unha cadea coa que querían que me atara a un barrote. ¡Pobres infelices!; ¡non saben a quen queren calar! Aínda tendido na lama xa levo escritas sobre esta catro liñas cheas de corrupción e compravenda de favores. O propio sangue dálle cor á rabia dunha política podre, á impotencia dun ladroízo á costa dos máis débiles. Nin os golpes máis duros me farán morder o silencio.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 9 de marzo de 2012

A MORTE ANUNCIADA


              Subía o Peugeot 306 polo carril de tráfico lento da estrada de Piúca ou de Paderne ou do 13 ou do Castelo (a verdade é que cada veciño da contorna lle chama como pode), ou sexa, pola OU-101 todo afogadiño pero aínda así con certa velocidade cando, uns metros máis adiante, vin como algo se botaba a correr para cruzar a estrada. Axiña apreciei o rabo longo dun esquío. ¡Deus, que bonito!; o rabo e o esquío. Angustieime ó momento porque non podía esquivalo, debido a que xa había uns segundos que me estaba adiantando outro coche e non acababa de conseguilo, e porque sabía que xa non me daba tempo a frear para evitar a morte do fermoso animal. ¡Pobriño! Non obstante, polo espello da porta dereita vin como o esquío pegara a volta e volvía correndo para a cuneta da que saíra. Respirei aliviado e alegreime de que tanta fermosura puidera gozar dalgúns días máis de vida. Non me sae da conciencia un que non puiden evitar hai xa algúns anos e levando ós rapaces no coche. Menos mal que eles mesmo recoñecen que non tiven tempo de nada. Hai momentos nos que moitos animais se botan encima e non podes evitar a morte anunciada. Hoxe evitouna el mesmo.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 9 de marzo de 2012

CHOROS DE IMPOTENCIA


              Deixo que o eixe do carro berre pola rúa da Igrexa arriba e vexo como as rodas de madeira, con ferraxes de ferro, choutan ante a desigualdade das pedras. Hai músicas labregas que van moito máis alá dun berro seco cheo de escravitude infantil. Deixo que a xugada das vacas se deteña ante o palleiro a medio facer da Aira d´Arriba. O eixo do carro xa non se queixa e deixa de dar voltas. As rodas acougan á espera de que o rapaz, escravo, descargue, co suor da súa fronte, o carro cheo de herba seca. Hai momentos labregos nos que certas músicas son choros de impotencia por unha vida que vai moito máis alá dunha educación infantil.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 9 de marzo de 2012

miércoles, 7 de marzo de 2012

ERROS NO CÓDIGO PENAL


              Segundo o Código Penal, a miña nai, que en paz descanse, tivo que estar encarcerada durante o tempo en que viviu dende o nacemento dos seus fillos ata a súa propia morte. ¡Mira que non nos castigou, a condenada! E foi moito máis alá dos castigos; labazadas dun lado e lapotes do outro. Vén isto a conto pola detención dun matrimonio por castigar “sen saír da casa” á súa filla de 16 anos en Andalucía. ¿Que nai non castiga algunha vez ó seu fillo? Eu mesmo tería que estar xa no cárcere porque algunha vez tamén teño castigado ós meus; sen maquiniñas, sen televisión, sen saír, sen ordenadores. Ás veces hai que recoñecer que os que fan as leis chochean abondo. Ás veces, a educación non se acada tan só con palabras cariñosas. ¿Que fas cando un fillo non quere facer o que mandas? ¿Que fai un profesor? ¡Todos ó cárcere! Non é o mesmo castigo que maltrato.

              Maceda. Mércores, 7 de marzo de 2012

lunes, 5 de marzo de 2012

UNHA HORA ANTES


              No momento mesmo en que se levantou da cama, Amario Suárez notou algo así coma un mareo que case o fai cambalear. Botoulle a culpa ó pouco que durmira pola noite, a causa das películas que optara por ver pola falta de sono. Ós domingos sempre lle pasaba o mesmo; que como non madrugaba, logo, pola noite, nunca tiña sono. Pero a semana laboral non lle perdoa a ningún traballador e había que facer de tripas corazón. E xusto cando estaba a vestir a derradeira peza de roupa, viu no espertador da muller que aínda eran as seis e vinte. ¡Imposible!, ten que estar mal; o del soou ás sete e cuarto. Mirou o que tiña no pulso e viu que si eran as seis e vinte. O que andaba mal era o espertador de Amario Suárez. Acababa de levantarse unha hora antes, e de aí o pequeno mareo que case o derrubou por culpa de durmir tan pouco.

              Maceda. Luns, 5 de marzo de 2012

viernes, 2 de marzo de 2012

NOVAS QUE CHEIRAN A PODRE


              Hai noticias que tan axiña como as les ou como as oes, notas a leguas que cheiran a podre, que están tan emporcalladas que non se precisa moita intelixencia para saber que, detrás, hai outro interese que non ten nada que ver co asunto. E se non, que alguén me explique a qué vén agora que o fiscal xeral do Estado abra dilixencias na fiscalía de Madrid para que se investiguen os restos ferroviarios dos atentados do 11-M, ¡algo que o Supremo xa arquivara! E dálle que dálle na procura de buscarlle tres pés ó gato. E como a economía en España é tan boiante, ¡que máis dá gastar miles de euros máis nunha investigación pechada! O caso é satanizar ós contrarios. O caso é desviar a atención dos recortes laborais. Pois mirade, sinceramente, se quedades contentos con que vos diga o que queredes oír, aí vai: os culpables do atentado foron os da ETA e os dos PSOE acocharon a información para ganar as eleccións. Ale, parodiando a Berlanga, ¡todos ó cárcere!; pero, por Deus, con eses cartos que se van gastar nesa trapallada, dádelle emprego a unhas cantas familias, ás máis necesitadas, que hai moitas.

              Finca Fierro. Venres, 2 de marzo de 2012