lunes, 30 de abril de 2012

AS BÁGOAS DA CANSEIRA



              Respiro con forza. Ergo os brazos cara ao ceo. E berro. Acabei! Rematei! Finalicei! Acabouse o que se daba. E cando desexas de corazón rematar algo, quedas coma os anxos cando isto acontece. A partir de agora a cabeza deixará de doer e os números deixarán de bailar ante as pupilas dos ollos, polo que as bágoas da canseira deixarán de varrer a vista. A partir de agora empezarei a comer de novo coma Deus manda. Menos bocadillos e máis potaxes e verduras… unhas fabiñas!, un repoliño!, un cocidiño! O lado negativo estará nesas partidas das cartas que adoitan xogar os veciños no bar e que tan só coa súa presenza, animaban a alma. Media hora alegre, divertida. Pasábao ben á súa beira. Foron dous meses e pico de fatiga, de tensión, de dor de cabeza e bágoas de canseira. Por media hora diaria de amigos e veciños aos que quero, cos que me divirto. Ata o ano que vén.

              Maceda. Luns, 30 de abril de 2012

domingo, 29 de abril de 2012

MEDO Á TREBOADA



              Dúas botellas de leite no chan. Baleiras. Frío nos xeonllos. E unha cadea televisiva que non cala. Queren as nubes negras apoderarse do ceo gris para, un chisco máis tarde, deixar caer sarabia. Un maletín medio aberto preto da porta de entrada. Uns apuntes xornalísticos sobre o chan. Para lelos, cando haxa tempo libre. Quere o medo non pensar na sarabia polo dano que pode facer nunha viña que fai de sustento. Hai soldos que non chegan e hai que botar man dun froito que ten o seu risco por culpa dun mal tempo climatolóxico. Unha lavadora facendo ruído. Auga que traballa nunha roupa usada. Quere o corazón que non veña a treboada.

              Finca Fierro. Domingo, 29 de abril de 2012

sábado, 28 de abril de 2012

MÁIS ALÁ DA GUERRA CIVIL



              Non sei se é porque me gusta demasiado o cine ou porque teño espírito de contradición, pero o caso é que teño que discrepar co relato publicado hai uns días por un compañeiro colaborador  sobre o cine español. Seica todo versa sobre a Guerra Civil, o fascismo, a coca e o fornicio. E se por un casual lle preguntas a alguén pola Guerra Civil, non ten nin idea sobre ela, mentres que, por exemplo, coñecemos Estados Unidos grazas ás películas do Oeste e ós gánsteres. Algúns venden a historia do seu país en cine; nós se o facemos seica cansamos ao persoal. Creo que o cine español vai moito máis alá da Guerra Civil, pero,claro, para gustos hai opinións. Confesa que os bos sempre son vítimas dos fascistas. E logo cando foi bo o fascismo para ser este a vítima? Hai cine español moi bo, como tamén o hai en Irán ou no Congo ou en Israel ou en Eslovenia. A diferenza está en que Estados Unidos conta con máis de 60 millóns de euros de media por película, mentres que en España vai entre os 6 e os 20. A diferenza está en que os ianquis publicitan a súa historia e nós renegamos dela. Como da lingua galega. País!

              Finca Fierro. Sábado, 28 de abril de 2012

jueves, 26 de abril de 2012

GOZO E PENA



              A verdade é que me deu pena. Aínda que o día anterior, el gozara coma un anano. Pero logo… logo quedou tan fundidiño que me deu pena. Ao contrario do que lle aconteceu ao seu pai. Este, o día anterior, penara. E ao seguinte gozara. Estamos falando das eliminatorias da Liga de Campións dos equipos españois. Ao meu fillo Xoel tremíanlle os brazos coa emoción cada vez que cantaba os goles do Chelsea. Ao día seguinte, pobriño, púxose branco cando o porteiro alemán parou os dous primeiros penaltis e quedou petrificado cando Sergio Ramos mandou o balón a non se sabe onde. Picarei un chisco nel cando lle diga ao chegar á casa se xa apareceu o balón do madridista. Deume pena pero causoume graza o espavento, a forma de axitar os seus brazos cando eliminaron ao Barça.

              Banesto de Maceda. Xoves, 26 de abril de 2012

martes, 24 de abril de 2012

O SILENCIO QUE MANCA



              Corre o can de palleiro por entre as rúas dunha aldea calquera. Está só. Na aldea xa hai tempo que non vive ninguén. En moitas aldeas xa non vive ninguén. Nin os corvos e pegas adoitan facer parada nelas. Para que? Non teñen onde pillar carnaza. Tan só o pobre can, que anda medio perdido, ousa uliscar, cheirar nas portas e levantar unha pata traseira sobre os potes que fan de floreiros. Ten as orellas en punta por aquilo do medo a algún ruído. Pero o silencio é tan inmenso que ata manca. Por pouco tempo. Un asubío longo e bastante afastado chega rebotando por entre as paredes de lousa das casas medio derruídas. O can de palleiro ergue a cabeza de súpeto, dálle ao rabo e sae correndo cara á dirección do asubío, cara ao seu amo. Agora, na aldea, si queda o silencio eterno.

              Finca Fierro. Martes, 24 de abril de 2012

lunes, 23 de abril de 2012

NOVAS QUE CANSAN


              Mestura de cousas, de temas. Porque a vida pasa de présa. Porque ando acelerado. Demasiado traballo. Un curso en galego. Cabeza que ferve. Noticias que cansan, que aburren. Varios anos xa escoitando de mañá cedo o tema da crise, as novas de economía. Sempre é o mesmo. Estamos mal, si. Pero que cho recalquen unha e outra vez cansa. Ás veces opto pola solución de empurrar unha cinta na vella casete, e aí é onde a música amansa as feras. Outras veces, se sigo aguantando a emisora é porque sempre confías un chisco en novas distintas, en algo que che faga murmurar ou emocionarte. Pero nada, a maldita crise, a aburrida economía chouta dun xornal a unha emisora, dun locutor a un escritor, a un periodista. Sempre o mesmo. Estamos mal, si. Pero, por Deus!, non o refreguemos aínda máis.

              Maceda. Luns, 23 de abril de 2012

viernes, 20 de abril de 2012

O CHIBO EXPIATORIO


              Manda truco na Habana! Cada vez que os políticos falan do que custan para os cidadáns uns recortes, axiña botan man do café para minimizar esas eliminacións de partidas ou esas subidas de impostos. A culpa é do café. O secretario xeral de Sanidade di que o copago son catro cafés. Outros aínda teñen máis cara e din que tal ou cal subida cústalle ao cidadán un café tan só. Pois mira que se lles dá por meterse co café! A min gústame o café. Por que vou deixar de tomar café? A min non me gustan as Deputacións. Por que non se eliminan? A min non me gusta que directores xerais ou altos funcionarios da Xunta e do Estado usen os vehículos oficiais para levar fillos aos colexios ou para transportar cans de palleiro aos montes, por exemplo. Por que non aforran neses gastos e deixan en paz ao café. A min non me gusta que congresistas e senadores cobren de nós, cando na realidade non pisan para nada os hemiciclos. Por que non lle sacan tarxeta vermella aos que faltan unha e outra vez? Ten que ser o maldito café o que as pague todas xuntas! Dende estas liñas pido unha defensa radical do café. Xa está ben de que sexa o chibo expiatorio de politiquiños de a tres nun zoco.

              Maceda. Venres, 20 de abril de 2012

jueves, 19 de abril de 2012

AGUDO DE REFLEXOS


              Quixo unha pinga de auga caer sobre a miña man dereita, pero vina vir e retirei a extremidade superior a tempo. Para que non me mollara. Asomara á ventá para sacar unha foto. Quería deixar para o recordo o lumbrigar deste día e case me queda outro recordo, ese da típica gota que sempre cae onde non debe e cando non debe. Non nos acontece ás veces (os que levamos anteollos) que ao ir pola beirarrúa, zas, sempre nos cae unha gota, tan só unha pinga de auga nun ollo? Mira que xa é complicado meterse por aí, pero faino! Hoxe quixo suceder o mesmo; un canlón que deixa caer tan só unha pinga. Menos mal que a vin vir e retirei a man. Andei agudo de reflexos.

              Maceda. Xoves, 19 de abril de 2012

miércoles, 18 de abril de 2012

HORA CRIMINAL


              Son as 15.30. Hora criminal. Sentado ante o ordenador e Bruce Springsteen borboriñando co seu tema Youngstown. Noto como o sono anda furga que furga detrás dos ollos. Estes empezan a pesar e a doer. Cada vez me presta máis unha sesta despois de xantar. Imaxino que é a idade a que vai pesando. Pero levo máis dun mes sen dar a típica cabezada. E dáme igual que sexa nun sofá ou na cama. O caso é quedarse aqueles minutiños medio trasposto, medio ido; decatándome de todo pero sabendo que hai aí uns lapsos nos que te quedas medio groggy. Agora, para máis aquel, teño a cabeza coma un bombo por culpa de manipular números e leiras que non acaban nunca. Non sei se deixe caer a cabeza sobre a mesa e a ver qué pasa. Quedarei coma un paxariño.

              Maceda. Mércores, 18 de abril de 2012

martes, 17 de abril de 2012

E A CALIDADE QUE?


              O ministro de Educación, José Ignacio Wert, presentou un proxecto de Real Decreto no que se quere subir un 20% o número máximo de alumnos por clase, algo así coma 30 alumnos por aula en primaria e 36 en secundaria. Todo isto para reducir custos. É certo que así vaia se se reduce!, pero, e a calidade da ensinanza? Como un profesor pode atender nunha hora a tanto alumno! Se poñemos o exemplo da corrección dos chamados deberes que lles mandan para a casa, é imposible que lle poidan botar unha ollada a 36!, amais de que necesitarán tempo para explicar ou falar dos seguintes temas. E o noso simpático conselleiro de Educación, o señor Xesús Vázquez, cualificou o plan de valente. Sen comentarios.

              Maceda. Martes, 17 de abril de 2012

lunes, 16 de abril de 2012

PARVADAS SEN SENTIDO


              Salto ó baleiro para ver pasar o tempo nun suspiro, para ver como a vida transcorre nun lapso. Sempre se dixo que cando un está a piques de espichala, cando un ve o perigo diante si, asoma á súa mente en tan só un instantiño todo aquilo que viviu. Salto ó baleiro para ver e notar todo isto, pero, ¡arre demo!, tan só aprecio cómo o chan vén ó meu encontro ou cómo eu me vou espatelar nel. Sinceramente, non sei se os recordos da miña vida pasan veloces diante de min nin se os meus pensamentos repasan todos aqueles momentos felices. Non teño tempo para eses pensamentos, cando vexo como se achega á velocidade da luz o chan. Si me vexo xa cos miolos esparexidos por toda a beirarrúa. Un golpe de batería dun grupo musical que estou escoitando desvíame o pensamento destas parvadas sen sentido. Tirarme ó baleiro... ¡vaia pallasada!

              Maceda. Luns, 16 de abril de 2012

domingo, 15 de abril de 2012

FUXIDÍO DA XUSTIZA


              O home camiña por entre as carpazas do Outeiro Barbeiro e unhas gotas de suor caen pola súa fronte. Na man dereita leva unha pistola con cachas de cor branca.  O home é un fuxidío da xustiza. Acababa de fuxir do cárcere, no que levaba xa trece anos. Fora condenado por matar a outro home que non coñecía de nada. Dixo que o matara porque si, porque naquel momento levaba unha pistola na man. Que se levase un coitelo, aquela morte sería con arma branca. Porque el, aquel día, tiña ganas de matar a alguén. Incluso chegou a desesperarse porque non conseguía cruzarse con ninguén. Agora seguía acochado polos montes de Baños de Molgas, cunha pistola na man e coa ansiedade de buscar unha liberdade que, sinceramente, non merecía. Esa pistola era sinal de mal presaxio.

              Finca Fierro. Sábado, 14 de abril de 2012

sábado, 14 de abril de 2012

O GRUPO ACHEGATEATRES


              Por moi afeccionado que sexa ó cine, por moito que me guste o cine, sempre recoñecín que onde estea o teatro que se quite todo o demais. Así é que de cando en vez cambio o chip e en vez de ver cine vexo teatro. Claro que só adoito ver aquel que pasa pola Casa da Cultura de Barbadás; un xa vai vello e amárgalle ir ó centro. O venres pódese dicir que vin unha auténtica estrea. Se non erro era a primeira montaxe do grupo Achegateatres. Presentaba a súa obra Os felices vinte anos. Unha obra fresca, divertida e moi ben levada polo seu trío protagonista, tres mozas que soñaban con pasar castings para poder actuar en algunha obra ou en algunha película, algo que, imaxino, vivirán tamén na realidade. O bis a bis que se desenvolve no cárcere é dunha hilaridade san, bonita, que che fai soltar a gargallada sen respiro. A obra amosa tamén uns diálogos enxeñosos, divertidos e con algúns (ou bastantes) tacos ben postos, que, ditos por mulleres ata causan graza, amais de que o taco galego é moito taco. E coidadiño coas actrices Ana, Vicky e Elena; algunha delas (ou as tres) triunfarán. Tempo ó tempo.

              Finca Fierro. Sábado, 14 de abril de 2012

miércoles, 11 de abril de 2012

FOLGOS DE MOZO


              Aconteceu ás seis menos vinte da tarde, no polígono Barreiros, xusto á altura das naves do Audi e do Volkswagen, con dirección a Ourense. Asomou ante os meus ollos o número perfecto, o 333.333. Marmañaba. Os limpaparabrisas ían, moi amodiño, dun lado para o outro, da esquerda para a dereita. O meu Filomeno seguía resistindo con folgos dun mozo hiperactivo a friorenta cifra de 333.333 quilómetros. Como se me oíse, como se quixese burlarse das marcas de coches que deixou á súa esquerda, consentiu baixar un chisquiño máis o pedal de aceleración, como para dicirme “aquí sigo”. E seguiu camiño de Ourense. Un día detrás doutro seguirá facendo preto duns cen quilómetros diarios para seguir acumulando números nese contaquilómetros que, hoxe, brillou pola súa perfección numérica: 333.333. Agora, amigo meu, hai que chegar ós 444.444. Chegarás.

              Finca Fierro. Mércores, 11 de abril de 2012

BÁGOA DE IMPOTENCIA


              O sinal de tráfico que está cravado na cuneta dunha estrada calquera, contempla o pasar dos coches e quédase coas caras dos condutores e coas matrículas dos automóbiles. O sinal marca 50. Séntese impotente porque ninguén a respecta. Nin tan sequera eses vehículos especiais para discapacitados. Trémenlle os parafusos cando algún tolo pasa por enriba dos 120. E máis dun, coa forza e a velocidade, espatélalle no medio e medio do 0 a merda que lanzou unha roda ó pasar por enriba. O sinal de 50 clámalle ó ceo para que uns axentes da autoridade fagan parada de cando en vez e escarmenten ós tolos que só saben correr. Ás veces cúmprese a rogativa. Pero nin por esas; os condutores seguen cos seus bólidos á carreira aberta, a escape. Un cacho de pintura cae da sinal. Aí vai unha nova bágoa de impotencia.

              Maceda. Mércores, 11 de abril de 2012

martes, 10 de abril de 2012

ESTAMPAS DA NATUREZA


              Quéixase o vento de que o penedo non o deixa pasar por onde el quere. Chora a laverca porque unhas pingas de auga caeron sobre a súa cabeza. Ri o alacrán ante a perspectiva de lle lanzar o seu dardo envelenado a unha man de home que asoma. O penedo deixa que as pingas de auga caian sobre el, que a laverca apousente e peitee sobre o mofo e que o alacrán se acubille dentro dun dos buracos que existen ó longo da rocha. Hai momentos nunha tarde de primavera en que as estampas da natureza inspiran a unha raiola de sol que asoma por entre unhas nubes negras. Baila unha bolboreta sobre a flor de toxo.

              Finca Fierro. Martes, 10 de abril de 2012

domingo, 8 de abril de 2012

FERIDA INOPORTUNA


              Estás pero non estás. E o silencio da habitación é coma unha soidade que racha a harmonía dunha vida. Estás pero non estás. Unha ferida inoportuna amosa o frío dunha noite sen ti, muller. A soidade do silencio é coma unha ducia de reviravoltas na cama porque hai un baleiro no lado esquerdo. Estás pero non estás. Os minutos pasan lentos e as horas caen coma fantasmas que te envolven nesta soidade silenciosa. Hai silencios que berran por uns suspiros que estremecen. Hai soidades que acompañan unha vida de ilusións e de volta ó seu entorno. Estás pero non estás. Volverás, muller. Espérote.

              Finca Fierro. Sábado, 7 de abril de 2012

sábado, 7 de abril de 2012

INCAPACES DE IR MÁIS ALÁ


              Cada vez me é máis triste e máis deprimente ver como o bipartidismo, tanto político como futbolístico, se desmarca de calquera outra opción ou clasificación que un se poida imaxinar. Aquí, neste país, tan só existe o PP e o PSOE, o Real Madrid e o Barcelona. Ata os propios medios de comunicación son incapaces de buscar máis alá desas dúas opcións. Hoxe toca falar do bipartidismo futbolístico. Sobre un bonito gol de Cristiano Ronaldo, o Marca falaría del coma dun tanto realizado por Deus e ensinándoo nunhas fotos pilladas dende todos os ángulos habidos e por haber. Un gol de Messi sería para o Sport unha marabilla que vai moito máis alá dun ser celestial e compararíano, estudaríano con outras xogadas dese rapaz que é máis ca Deus. O xoves pasado, Adrián bailou (¡e de que maneira!) ó porteiro e á case toda a defensa alemá, é, ó día seguinte, tan só El País lle dedicou un longo parágrafo de auténtica gabanza. Certo que algún falou de obra de arte, pero en letras pequenas e sen fotos nin estatísticas. Ata nos periódicos serios o fútbol cheira a podre.

              Finca Fierro. Sábado, 7 de abril de 2012

jueves, 5 de abril de 2012

DESCANSO OBRIGADO


              A frauta de Fía Na Roca é o acougo, o entretemento dunha cabeza cansa de ver números e letras sobre unha pantalla con fondo gris. Precisamente a cor deste fondo é a que obriga a un achique de ollos, a un esforzo de visión que te deixa medio abouxado. E se hai un cachiño era Fía Na Roca quen alixeiraba a miña cabeza, agora é Milladoiro con “O noso tempo” quen alegra o espírito, e xa non penso tanto nas áreas e hectáreas duns listados de parcelas que non acaban nunca. Aínda así, a semana empeza a pesar de tal maneira que lle agradeces a Deus estes festivos de Semana Santa. O peor é que me cómpre o tempo e precisaba deses días, pero… Pero é obrigatorio o descanso e xa sacaremos logo tempo de onde sexa. O traballo hai que rematalo antes de que acabe o mes. Rematarémolo. Que remedio.

              Maceda. Mércores, 4 de abril de 2012

miércoles, 4 de abril de 2012

PÁXINAS TELEVISIVAS


              Queda o xornal tendido sobre a mesa na espera de que unhas mans arrapañen, arramplen del. Eu xa o lin á primeira hora da mañá. Agora, pola noitiña, tan só o pillei para consultar as páxinas da televisión. Por certo, habendo como hai unha morea e máis de canles, non entendo por que non lle dedican máis páxinas. Ás veces apetece consultar todas as películas existentes ou moitos programas, e hai varias canles que non asoman nesas páxinas; ou ben por falta de espazo ou ben porque pensan que non son interesantes. A falta de espazo; xa o digo, máis páxinas. E polo de interesantes; sempre hai alguén que olla o que ninguén se imaxina.

              Cafetaría Agarimo de Ourense. Martes, 3-4-2012

martes, 3 de abril de 2012

UN PAÍS DE LOITO


              Hai xa moito tempo, creo que uns dezaseis anos, que fun pola Fraga do Eume e díxenme que algún día volvería. Aínda non o fixen, pero sigo pensando que algún día volverei por alá. E esas miñas ansias de volver débense á fascinación que me producira aquela viaxe, aquela ruta. Unha ruta que tan só abarcaba dende Cabanas ata o mosteiro de Caaveiro, ou sexa, un cachiño de nada con respecto á toda extensión desta impresionante fraga. Agora, acaban de arder case mil hectáreas, das cales máis de trescentas setenta, cun valor ecolóxico realmente impresionante, queimáronas pirómanos que non saben, que non senten o que é un país. Este, o noso, está un pouco (ou un moito) de loito. Máis penas para os incendiarios dun pulmón que respira natureza.

              Maceda. Martes, 3 de abril de 2012

domingo, 1 de abril de 2012

CON CALMA


              Todo o tempo é pouco. Se quero escribir, non podo ler. Se quero ler, non podo ver a televisión. Se quero ir dar unha volta por Allariz, non podo estudar. Hai momentos na vida en que tes tantas cousas para facer, que non sabemos a qué atender. É certo que sempre dixeron que o tempo era ouro, e que os máis nugalláns choutaran con aquilo de “paciencia, a vida hai que levala con calma”. Unhas veces si e outras veces non. É ben verdade que ás veces hai que correr se queres chegar antes. Claro que, despois, non podes facer como a lebre e ver, logo, como a tartaruga se ri no teu nariz. A mellor filosofía sería facer o que se poida, pero… Pero queremos abarcar todo. Emporiso, coidadiño que… o que moito abarca, pouco aperta.

              Finca Fierro. Domingo, 1 de abril de 2012

UN BO FERTILIZANTE


              Sei e entendo que as universidades están para ensinar, para aprender e para investigar. Ás veces, e grazas ós seus estudos, descóbrense ou fanse experimentos moi interesantes, algúns incluso esenciais. Pero despois tamén hai outros que non era moi necesario que se perdera o tempo neles. Vén isto ó caso de que un grupo de Enxeñería Química da Universidade de Vigo chegou á conclusión, entre outras cousas, de que a cinsa é un excelente fertilizante do chan. A ver; sendo eu rapaz, ou sexa, na década dos sesenta, moitos veciños faciamos o pan no forno do concello, e recordo que, logo da fornada, metiamos a cinsa nuns sacos para botarlla ós lameiros ou a outras fincas de abono. Xa sabiamos que era un moi bo fertilizante.

              Finca Fierro. Domingo, 1 de abril de 2012