jueves, 31 de mayo de 2012

COMA TOUPAS



              Non atoparte á primeira hora da mañá cos correspondentes xornais aos que lles podes botar unha ollada é como camiñar ás escuras por un carreiro cheo de lama, cheo de bulleiro. É coma sentir a alma completamente núa. A algúns véncenos a ansiedade de querer saber, de querer coñecer todo aquilo que se move polo mundo. E cando non sabemos, cando non coñecemos somos coma toupas que furgamos por entre as tebras do descoñecemento. E sufrimos. E non apartamos a ollada da estrada ou da rúa na busca do repartidor que non chega. Tan só nos queda o consolo de saborear o café se nos atopamos nunha cafetaría ou de facer algunha outra cousa de utilidade se estamos na casa. Pero a cabeza está nesas novas que queremos coñecer ao momento, pero que non chegan.

              Maceda. Xoves, 31 de maio de 2012

domingo, 27 de mayo de 2012

A NENA DOS AURICULARES



              A nena que atravesa a rúa séntese Nicole Kidman e deixa que o aire forme remuíños coa súa cabeleira. Ao mellor pensa que é Charlize Theron. Xa na beirarrúa achégase ao banco instalado á sombra dun plataneiro. Senta e acomoda os auriculares nos oídos  e segue o ritmo da música cos pés. A nena considérase Shakira polo ritmo que lle dá ás extremidades inferiores. Ao mellor quen realmente lle gusta é Babra Streisand. Que cambia moito o asunto, pero… Pero un coche aparca xusto diante dela e imaxino unha actuación de carácter ao estilo de Meryl Streep ou Susan Sarandon. Máis ou menos.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

ALMAS EN PENA



              Cadeiras de alcatrán no portal dunha residencia da Santa Compaña. Cancións de pegamento que arrodean os cadrís dunha vaca que “abeira” por Sudalomba abaixo. Quixo a carpaza rifar coa tía, pero o misto non prendeu na isca e unhas pingas de orballo caeron sobre o fociño do Uriarte. Hai berros que viaxan por entre os piornos do Medo e hai lobos que oulean polo celo dalgunhas bestas. Mesas de chapapote nos corredores do cemiterio, para que, polas noites, as almas en pena xoguen a partida de ir e non volver. Ladra o can de palleiro por entre as medas de Portugalego.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

SENTÍNDOME ESTUDANTE



              Que te sintas estudante pasados os cincuenta hai que recoñecer que é algo bonito. Normal. De rapaz non puiden sentir iso porque era tan nugallán que me doía o estómago con tan só pensar que tiña que estudar uns temas ou unhas horas. Pero, agora mesmo, acabo de rematar dous meses nos que preparei a fondo un curso de galego sobre a linguaxe administrativa. E aínda que penso que non ando moi mal coa nosa lingua, é verdade que se descobren cousas que non se sabían. Como se adoita dicir, sempre se aprende algo. Hoxe opino que se aprende máis que algo. Principalmente se lle pos ganas, ilusión e algo de interese. Gústame tanto o galego que, a maiores, fun pillando datos, leccións, temas; simplificando, linguaxe de aquí e de alá que nada tiña que ver co curso. Durante algún tempo, a carpeta seguirá chea de apuntes que haberá que estudar pouco a pouco. Este sábado rematei en Santiago de Compostela o curso con dúas probas (escrita e oral) e co desexo de que asome polo boletín oficial un novo curso relacionado coa nosa lingua. Gústame o galego e, para máis aquel, collinlle o tranganillo pola internet.

              Finca Fierro. Sábado, 26 de maio de 2012

viernes, 25 de mayo de 2012

FRASES



              Xa estou deixando caer palabras para formar frases. Non descubro nada novo baixo o sol; xeralmente cando se escribe fórmanse frases. O problema está na forma das frases, no significado das mesmas. Ata para a súa extensión se necesita o seu aquel. Certo que hai veces nas que unha simple frase curtiña di máis ca todo un libro mal escrito. Pola contra, tamén é verdade que algunha frase curta ben puido quedarse na barra do bolígrafo. Do pouco á nada, ás veces, existe tan só a insignificancia, o silencio, ou sexa, nada. Máis ou menos coma este relato; moita frase, pouco contido.

              Bar As Volvoretas de Ourense. Venres, 25 de maio de 2012

jueves, 24 de mayo de 2012

O OUTRO RAMBO



              Collóns! Así de simple, de rápido e con perdón. Pensei que non se acababa nunca o tanque de 300 litros de auga con sulfato. Foron tres horas de turrar dunha mangueira e de patear preto de 100 gabias cara arriba e cara abaixo. Logo, para máis aquel, a viña estaba acabada de arar, polo que a dificultade para andar era de campionato. Cada vez que chegaba ao cabo dunha gabia, o meu pensamento non deixaba de ansiar a finalización do tanque, pero este non acababa de baleirarse. Non tardou en asomar á miña cabeza a frase “no siento las piernas”, de Rambo Stallone. Eu tampouco as sentía xa, e, non obstante, aínda tiven que baleirar outro tanque máis, outros 300 litros de auga. Pero o primeiro, o primeiro fíxoseme eterno. En total, case seis horas andando sen parar, devagar, que é o que máis me mata. Así, de noite, tiven cambras nas pernas.

              Finca Fierro. Mércores, 23 de maio de 2012

miércoles, 23 de mayo de 2012

DÚAS ANSIAS, DOUS PODERES



              Dúas ansias. Dous poderes. Mediados dos anos setenta, xusto ao pouco de finar o Excelentísimo. A ansia de amar. A ansia da liberdade. O poder da igrexa. O poder da garda civil, das forzas vivas. Así podo iniciar e inicio a crítica da película galega de moda, “Vilamor”, que Ignacio Vilar rodou polas montañas luguesas. A ansia de amar e a ansia de liberdade correspóndelle ao celme mesmo da película. E os dous poderes asoman nunha escena na que o crego da aldea solta unha desas frases que o din todo, dirixíndose ao seminarista Breixo cando querer mostrar o seu parecer: “deixa que os grandes resolvamos isto”. E os grandes alí presentes eran el (a igrexa) e a garda civil. Era a realidade desa época.
              Dúas ansias. Dous poderes. Tamén dous mundos. O que quere cambiar a actriz Sabela Arán co seu personaxe de alma mater da comuna que se instalou nese recanto do noso país e o que quere conservar o seminarista Rubén Riós porque ve cómo está a piques de derrubarse.
              A pesar da responsabilidade de realizar unha historia sobre esa época crítica, na que aínda non se sabía para onde iría o noso país, Ignacio Vilar sabe coser os fíos da seriedade, do drama da situación (quéirase ou non, unha comuna naquela época era un auténtico dramón para unha aldea rural) e intenta relaxar ao espectador con algunha que outra escena cómica, como a que amosa cando o crego confesa a unha velliña do lugar. Ver o plano da confesión é para rir a gargalladas, principalmente coa postura da velliña.
              Ao final, xa se sabe, e porque é lei de vida, os dous poderes esfúmanse pouco a pouco ante o empuxe do amor e da liberdade. É que o slogan de “Vilamor” podía ser moi ben o de “amor e liberdade nun recanto do país” ou “amor e liberdade nun recanto da historia”. Porque as ansias daquel e as ansias desta sempre saen vencedoras de todas as batallas e, por conseguinte, de todas as guerras. Remato destacando por suposto o respecto e a ensinanza das distintas linguas que asoman neste bonito filme que, para máis aquel, é galego, de Ourense.

              Finca Fierro. Mércores, 23 de maio de 2012

lunes, 21 de mayo de 2012

PÓQUER DE ASES



              Catro dos máis grandes do fútbol italiano acaban de dicir adeus, acaban de despedirse dunha xente que os idolatrou. É que foron coma deuses! A elegancia de Del Piero, con case 38 anos. A profesionalidade de Nesta, con 36. A paixón de Inzaghi, con 39. E a entrega de Gattuso, con 34 anos. Vaia póquer! A Del Piero tan só o expulsaron dúas veces en toda a súa vida. Gattuso respectaba aos veteranos e agora confesa que os máis pipiolos ganan un pastón e crense os amos do mundo, “ata El Shaarawy, que é un bo rapaz, ás veces contéstache mal cando lle dis algo”. Este mesmo xogador, con toda a ferocidade que simulaba, nunca esqueceu a súa procedencia de familia humilde e sempre confesou que “nun mes gano máis có meu pai durante toda a súa vida”. Nesta nin tan sequera luxaba o pantalón cando se tiraba ao chan. Excelente póquer de ases!

              Finca Fierro. Luns, 21 de maio de 2012

domingo, 20 de mayo de 2012

A COMPRA DE LUCIANO PAVÉS



              “Quero dous quilos de sulfato, un paquete de xofre, unha garrafa de herbicida e unha caixa de cintas para a grampadora”, espetoulle todo categórico Luciano Pavés Casado ao dependente O Rato cando este asomou pola pequena tenda que tiña no medio da aldea. Mentres Rodrigo Sabín Cachopa, coñecido como O Rato, lle preparaba todo o pedido, Luciano Pavés comentáballe á súa dona se necesitarían algo máis. Non necesitaron, porque, tan axiña como Rodrigo empaquetou todo nunha bolsa grande, fíxolles a conta e Luciano pagou relixiosamente. Este pensou logo en parar a tomar algo no bar do Cantamañanas, pero tanto el como a súa dona Lucero Sampedro Sampedro non estaban co vestiario perfecto para meterse nun bar no que podía haber bastante xente. A Luciano, a verdade, é que non lle importaba moito ese detalle, pero á muller… xa sabemos como son algunhas para presentarse en público. Total, que seguiron camiño da leira na que ían traballar. Mais xusto ao chegar, unha pequena tromba de auga fixo que non saísen do coche ata que escampou. Fíxoo axiña e xa nos lles quedou máis remedio que facer traballar aos cadrís.

Finca Fierro. Domingo, 20 de maio de 2012

viernes, 18 de mayo de 2012

ÁS CEGAS



              O monte Medo cheira a pólvora. A batalla entre os alieníxenas e os habitantes da contorna está no seu punto máis cruento. Así vexo como Luis Sotelo, o fillo do Zarrapastro, lle corta o pescozo, sen contemplacións, a un bicho raro que ten os ollos no cu e a boca xunto ás tetas. O fillo do Zarrapastro é o único que non usa armas de fogo; tan só manexa un machete que vai e vén cunha forza inusitada e que decapita cabezas á velocidade da luz. Os demais veciños non saben moi ben onde poñen a bala. Ensináronlles que o mellor sitio para apuntar era o corazón. Pero ninguén sabe onde teñen o corazón eses bichos raros. Disparan a esgalla, pero ás cegas, a treo. Cada vez quedan menos alieníxenas.

              Cafetaría Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 16 de maio de 2012

jueves, 17 de mayo de 2012

O NIÑO DUN GAIO



              Eu chorar chorei o domingo a tarde. Porque tiven que subir a un castiñeiro para saber o que tiña o niño dun gaio e dicirllo aos rapaces. Cando ía no medio do castiñeiro, unha galla cedeu e xa me vin dando tombos dunha póla a outra ata que acabei cos ósos no chan. Ese foi o problema: os ósos. Algún ou máis dalgún escachizou ou esgazou, porque… eu chorar chorei o domingo a tarde. E foi cando se me veu a canción de Uxía á cabeza. O peor de todo isto estivo en que, eu e máis os cativos, quedamos sen saber qué tiña o niño do gaio. Mira que non puido facer o niño nunha simple silveira. Tivo que levalo ao alto do castiñeiro. Para que… eu chorar chorei o domingo a tarde. Pero sigo aquí para contalo.

              Cafetaría Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 16 de maio de 2012

miércoles, 16 de mayo de 2012

TROITAS QUE CORREN



              Non hai peixe malo nin peixe bo. Só hai unha troita que corre polo río abaixo e quen a puidera coller. Que ninguén se atreva a “goldrar” o río Arnoia, pois corre o risco de que as sambesugas lle chuchen o sangue das veas. Non merece a pena perder gotas de sangue por unha simple troita que corre en vez de nadar. No río Arnoia xa non é novidade. Alí, ao seu paso por Baños de Molgas, as troitas correron sempre. Alí só nadan os sapoconchos sen cuncha e os xastres sen roupa. Ao mellor a culpa é da auga da burga. Eu que sei!

              Cafetaría Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 16 de maio de 2012

O CELME DA NOSA VIDA



              Non se poden escribir palabras de auga. Axiña dilúen, fuxen, desaparecen. As palabras teñen que ter a consistencia do cemento, os seus parágrafos asimilar bloques. Aínda que, iso si, ese cemento e eses bloques hai que amasalos con cariño, con nostalxia. Cando a frase leve explícita unha certa dureza, hai que meterlle entón un puntal. E se todo o artigo, todo o relato precisa dun cabreo continuo, dunha dor que doe, entón xa é preciso unha columna cun forte encofrado. Pero, ao rematar, a obra ten que estar curada de espanto, é dicir, coas súas tiles e as súas parénteses limpas e claras. As palabras de auga non constrúen unha morada. Esta hai que facela con claridade e certa consistencia. A morada, a casa será o celme da nosa vida.

              Cafetaría Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 16 de maio de 2012

martes, 15 de mayo de 2012

TODO POR "VILAMOR"



              Ao cine minoritario, a ese cine que sae das entrañas élle moi complicado acadar unhas salas cinematográficas para a súa visión, porque o cine ianqui impera en todo o noso país. E se falamos dunha película galega, todos eses atrancos multiplícanse por mil. Así é que só lles queda a opción de patearse todo un país para vender o produto. É o que está a facer o equipo técnico-artístico da película galega “Vilamor”. Chapeau para eles!, que levan unha morea de quilómetros falando da súa película en todos os sitios e lugares habidos e por haber; dende institutos ata partidos de baloncesto, dende bibliotecas ata cafetarías. O xoves pasado coincidín con Ignacio Vilar en Telemiño, e este martes foi na casa da cultura da Valenzá (con el, Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez) e vin, apreciei todo o traballo que están a realizar por unha película, para máis aquel, galega. Por iso penso que, só por esa quilometraxe, xa merecen que se lles dea unha oportunidade. Esta consiste, claro está, en asistir á proxección do seu filme, que se estrea hoxe nos Cinebox da capital ás 20.30 con todo o seu reparto. Alí estaremos. E oxalá Ignacio Vilar acade o financiamento que se precisa para o seu próximo proxecto, que segundo palabras del, anda detrás de quizais a mellor novela ourensá de toda a historia, “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor. Hoxe en día penso que é o mellor director para realizala. Ao mellor o empuxón está no éxito de “Vilamor”. Sorte para esta e para o proxecto, mestre.

              Finca Fierro. Martes, 15 de maio de 2012

SANGUE E MASACRE



Segundo un artigo publicado nun periódico nacional, os touros recadan 4,3 veces máis co cine español, que traducido isto a euros vén significando 350 millóns de euros fronte aos 80 que recolle o cine, polo que, aqueles, proporciónanlle ao Estado sete millóns só a través do IVE. Que problema hai entón? Veña, a apoiar aos touros! O cine non ensina nada, mentres que os touros ensinan cómo o sangue baixa polas patas dun animal que está a afogar de cansazo, cómo a barriga do animal sobe e baixa a causa dese afogo, cómo unhas banderillas trituran a carne ante o movemento dos touros, cómo unha lingua sae uns bos centímetros da boca porque a agonía está cada vez máis cerca dun animal que nos ensina a arte dunha festa nacional. No cine asoman todas as artes; nos touros só brota sangue e masacre. Asasinos!

Maceda. Martes, 15 de maio de 2012

UNHA PENA, DÚAS ALEGRÍAS



              Sinto pena polo Vilarreal e alegría polo Zaragoza e Granada. Explico. O Vilarreal é un equipo que me cae ben e que durante os doce anos que botou na primeira división soubo tratar o balón e xogar ben. O Zaragoza sempre me caeu ben e tamén trataba e trata ben o esférico; grandiosa a súa etapa co adestrador Víctor Fernández. E o Granada tan só é por se recupera á que, hoxe, é a estrela do Cádiz, o xogador molgués David Ferreiro. Este atópase no equipo gaditano cedido por aquel. E sendo a estrela, ao mellor, opta por recuperalo e, así, xogar en primeira. Sería a bomba! Sería un orgullo para todo Baños de Molgas e para un servidor, pola veciñanza que nos corresponde. Veña, Granada, a que estás esperando!

              Maceda. Luns, 14 de maio de 2012

sábado, 12 de mayo de 2012

O BAILE DA VARA



              Invento un pau que xira sobre a punta do dedo índice, pero teño que mirar cara ao ceo para que a vara non caia. Hai pasatempos que che alivian as tardes mortas do verán, de cando as vacas pacían tan só nun cachiño do lameiro e tiñas que estar pendente que non lle botasen ningún bocado ao outro cacho. Había que dividir o lameiro en cachos para que a outonada rendese e para que os animais non trepasen nin cagasen sobre o outono do resto do lameiro. Ata nun lameiro con herba para fartar había miseria. Vaia redundancia! E para que a tarde correse de présa, matabas o tempo facendo bailar á vara sobre un dedo.

              Finca Fierro. Venres, 11 de maio de 2012

viernes, 11 de mayo de 2012

PERSONAXES DE ARMAS TOMAR



              Uf, como están os de Ferrol! Están en plan guerreiro, aínda que sexa de forma simpática ou estrafalaria ou estrambótica ou esperpéntica ou ridícula; pero a verdade é que chamaron a atención. Hai personaxes que cando se ven nun apuro moi grande, deféndense como poden. Foi o que lle aconteceu a un discapacitado, que non procedeu de mellor maneira que tirándolle a súa perna ortopédica a uns policías que o foron deter por un roubo. A noticia en si, hai que recoñecer, é simpática. Despois, claro, se un seguía lendo descubrías que o tal discapacitado era de armas tomar. A proba é que, detido e todo, seica lle deixou feito un asco o coche dos policías. E sobre as súas costas xa tiña bastantes detencións. Como se adoita dicir, un bo paxaro… con perna ortopédica e sen ela.
E tamén outro ferrolán, un funcionario (para que logo digan que non facemos nada), ameazou ao xuíz decano da cidade con facer voar o edificio xudicial. Este debía ser peor co outro; noto a ameaza moito máis seria, en plan terrorista, en plan besta. Polo menos a nova do discapacitado líase con graza.

Finca Fierro. Venres, 11 de maio de 2012

BONITA EXPERIENCIA

     Fundido, porque onte, durante boa parte do día andei cunha máquina de sulfatar ao lombo. Pero contento porque, xa pola noite, tiven unha bonita experiencia coa asistencia a Telemiño para realizar un debate a seis sobre a continuidade ou non do Festival Internacional de Cine de Ourense. E entre unha cousa e outra penso que me deshidratei un pouco, xa que na viña papei calor a máis non poder. Pero a que sofres despois nun plató televisivo, iso xa case non ten nome. Deus, eses focos déixante medio groggy!
     Con respecto ao programa "Punto Crítico", dicir que, lóxico e normal, ao principio non se poden evitar os nervios de principiante. Mais ao final, xa estás desexando que iso non se acabe nunca, e a pesar da calor. Así me acontecera cando tivera un programa radiofónico en Maceda (tamén sobre cine) hai xa moitos anos, en que os primeros programas estabas coma un flan e despois xa estabas desexando que chegaran os xoves para instalar uns auriculares na cabeza e falar, falar, falar... e escoitar bandas sonoras.

miércoles, 9 de mayo de 2012

NIN PREMENDO F2



              Nemesio Souto Mencheta estirou os brazos con forza e saíu do letargo no que estaba tombado no sofá. Sentou e abriu o ordenador portátil para navegar pola internet. Pero ao acendelo axiña caeu na conta de que algo pasaba. Non acendía como outras veces. E tanto, que non conseguía arrincar. Tan só lle daba a mensaxe de que premera F2. Nemesio Souto obedecía, pero nin por esas; o ordenador apagaba e acendía, apagaba e acendía. Nemesio Souto Mencheta soubo ao momento que ese fallo debíase ao maltrato con que o recompensaba. Adoitaba collelo de calquera maneira e lanzalo ao outro sofá sen miramentos. Soubo axiña que tivo que haber un momento no que o disco duro diría basta e aí rematou o seu uso. É igual, Nemesio Souto Mencheta non se preocupou moito polo seu portátil porque axiña acendeu a televisión e xa tiña en que matar de novo o tempo. O caso era vivir na nugalla.

              Finca Fierro. Mércores, 9 de maio de 2012

domingo, 6 de mayo de 2012

UNHA FOTO QUE MANCA



              O home da barba negra leva sobre a súa cabeza unha gorra coa viseira para atrás. Viste unha camiseta de cor azul. Coa súa man esquerda tira dunha camiseta branca que leva un negro coa cabeza rapada. O home da barba negra ten na súa man dereita unha pistola negra que se apoia na sen do home negro. Este ten os ollos medio pechos e o medo reflíctese en toda a súa cara. A ollada do home da barba é fera e fría. Ten a boca medio aberta e a punta da lingua que sobresae dela. Á dereita da foto, un militar ten ó home negro collido polo cinto do pantalón, quizais para que non fuxa. Ao fondo vense máis soldados e unha columna de fume brotando dunha casa de Trípoli, en Libia. Unha guerra máis nun mundo cheo de bos e malos. Nesta foto, o auténtico obxecto malo é a pistola. A foto manca.

              Finca Fierro. Domingo, 6 de maio de 2012

sábado, 5 de mayo de 2012

QUEN DEFENDE AO POBO?



              Sempre se dixo que a primeira idea é a que realmente vale. O Valedor do Pobo soltou o outro día que apoiaba os recortes en sanidade e educación e pediu suspender a Lei de Dependencia. Ese señor é o que defende ao pobo galego?. Agora, vendo o rebumbio que levantou, trata de desculparse con que aludía a hipótese de futuro. E nós, de parvos, imos e crémolo. Cremos que se arrepentiu. Xa! Como imos crer a un señor que mercou un coche oficial de alta gama por 62 870 euros para desprazarse ás súas anchas. Como imos crer a un señor que cobra 70 000 euros brutos ao ano. E ten a cara de pedir a supresión dunha Lei imprescindible e necesaria, precisamente, para a nosa terra; onde a poboación cabalga cara a un envellecemento impresionante. Imaxino que el non terá ningún familiar polo que teña que estar atado durante un bo tempo da súa vida. Tal como está hoxe Galicia, é máis necesaria ca nunca esa Lei; tanto que, en vez de meterlle a tesoira, habería que aumentarlle a contía orzamentaria. A primeira idea é a que vale. El tivo esa idea e díxoa. Que confese o erro pero que non o xustifique.

              Finca Fierro. Sábado, 5 de maio de 2012

viernes, 4 de mayo de 2012

UN MUNDO INSENSIBLE



              Racha o espello tras o golpeo dunhas palabras de fame que se dixeron dende o corno de África. Fame pola riqueza, pola fartura de Occidente. En cada cachiño hai un reflexo mirrado e uns ollos nos que se le tanta miseria que asustan. Voa a miña ansiedade por enriba da sabana e deixo que unha bágoa detrás doutra lágrima pinguen nunha lagoa seca na que morderei o silencio para non berrar na inmensidade da nada. Hai dor na incomprensión dun mundo indolente, insensible ante a calamidade dos demais. Despois, máis alá do ruído, queda o lamento que non se evitou, porque o transcorrer do tempo é coma un pasado que se pecha cun cadeado para que o remordemento non o consiga abrir. Cada mundo que aguante o seu vivir.

              Finca Fierro. Venres, 4 de maio de 2012

jueves, 3 de mayo de 2012

A CONDENADA



              O froiteiro está medio cheo de mazás, formando unha pequena pirámide. No alto de todo está a que ten unha cor máis amarela. Todas as demais son abondo verdes. Como a primavera. Levanto do asento e vou coller unha. Cal? Teño exactamente tres pasos para pensar. Non necesito tantos. De antemán sei que vou coller a máis madura, a amarela; precisamente por iso, polo de madura. Para que co paso do tempo non se poña aínda máis e máis madura, ata chegar a ese momento no que xa non vale, no que xa podrece. Non me gusta a froita madura. Estiro a man esquerda e collo a xa condenada. Ao collela empurro nas outras e a pirámide vense abaixo. Finco os dentes de cabalo na mazá. Gloria bendita!

              Finca Fierro. Xoves, 3 de maio de 2012

martes, 1 de mayo de 2012

O HEROE DE CADA QUEN



              Poida que sexa unha trapallada, ou media trapallada, pero a película Os vingadores (2012) é coma un espello no que ves que, ás veces, necesitamos máis heroes. Certo que son heroes “de película”, de ficción, que os auténticos heroes, os da vida real, tamén os hai abondo, aínda que non os vexamos ou non os queiramos ver. Os heroes da vida real déixante pensando máis ca nunca na realidade que se nos escapa das mans, mentres que os de ficción son para evadirte con ledicia (algunha que outra bágoa de emoción tamén adoita caer cara ao final) desa realidade dura e crúa. Que heroes son mellores? Os dous. Uns fante soñar e os outros póñenche os pés no chan. Penso que cada quen leva o seu heroe dentro; tanto o de ficción coma o real.

              Finca Fierro. Martes, 1 de maio de 2012