viernes, 30 de noviembre de 2012

OS PRINCIPIOS DO GATO



              O gato está no pé dun canastro da Aira de Arriba e contempla, como quen non quere a cousa, os movementos dun rato que anda a fozar por entre a herba do palleiro de Eudosia Suco Rego. O felino ten medo a durmirse porque o sol está a abalalo con tanto agarimo que... maldita a presenza do rato nestes momentos! Co a gustiño que empezaba estar! Pero claro, será un pecado capital deixar escapar ao rato. Vai contra os principios de calquera gato. O seu deber é cazalo sen piedade. Así llo ensinou sempre a súa nai. Non tivo tempo de seguir pensando; a presenza dun can á carreira e cara a el, fixo que se lle puxeran os pelos de punta e que pegase tal salto que asustou ao rato e ao propio can. Os tres chiaron de tal maneira que cada un liscou por onde puido.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

jueves, 29 de noviembre de 2012

A VIAXE DE RENATO SANTURCE



              Renato Santurce Candelas quere ir a pé desde Madrid ata a aldea de Alvite, no concello de Baños de Molgas. Un día prometéralle ao seu amigo Santiago Retorto Ridruejo que o visitaría tan axiña como tivese un oco libre no coidado da súa nai. A nai de Renato morreu hai xa quince días e este pensou que xa era hora de emprender o camiño. Colgou o GPS ao pescozo e unha pequena mochila ao lombo. Ao GPS non lle fixo nin caso; cando chegou a Baños de Molgas preguntou por onde se ía a Alvite. Sinaláronlle a aldea, deus as grazas e aos dez minutos un veciño chamado Servando Saleiro Saleiro comunicoulle que ao seu veciño de porta, Santiago Retorto, enterrárano hai xusto cinco días. Renato Santurce Candelas cagouse nos seus mortos (nos del propio e nos de Santiago) e regresou a Madrid no tren. Non estaba para máis trotes.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

APROVEITANDO O TEMPO



              Hai que aproveitar o tempo e os cartos. O tempo aprovéitase nesas esperas baldías facendo sempre algo. Os cartos, no caso de hoxe, aprovéitanse no aforro da gasolina e demais aparellos relacionados co coche. Aclarando; visita co rapaz máis novo a un pediatra, que rematou axiña. Como en case dúas horas había que volver á cidade para o adestramento de baloncesto, optamos por esperar na propia cafetaría do pavillón dos Remedios para aforrar unha viaxe. Na espera, había que aproveitar o tempo. O rapaz aproveitouno rematando os deberes escolares e saíndo, incluso, a xogar el só ás canchas de fóra do pavillón. E eu, faltaría máis, aproveiteino para escribir e ler o xornal que me faltaba dos catro que adoito ler case todos os días. Iso de que as esperas desesperan, acontece ás veces. Pero non sempre.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

miércoles, 28 de noviembre de 2012

RONSEIS DA VIDA



              Queda o tempo colgado no camiño e o ronsel dun avión marca o suco que deixa a vida. Hai ronseis que se esfuman axiña e hainos que son practicamente eternos. Hai ronseis que xogan ás agachadas por entre as nubes negras e brancas, grises e alaranxadas. Pero tamén hai ronseis que se acochan sempre e tardan un mundo en deixarse ver. Queda o tempo colgado nunha tarde dominical e o rapaz do conto contempla os ronseis dos avións desde un penedo do monte Medo. Quere o neno ser paxaro para seguir todos eses ronseis, que sabe que deixan o risco que vai marcando unha vida máis alá da inocencia. Os ronseis da vida marcan o ceo cos gases da experiencia. Queda o tempo colgado dun conto inventado.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 28 de novembro de 2012

A EDUCACIÓN DOS IGNORANTES



              Zoilo Carrasco Pintor tomaba unha cervexa con Aquilino Ruído Vasoira e charlaban ambos os dous, moi acaloradamente, sobre a educación nos tempos de Mariacastaña e a educación na actualidade. Nun momento no que Aqulino se dispuxo a botar un grolo, o seu amigo Zoilo aproveitou para soltarlle de corrido que a educación na actualidade sumíao nunha continua depresión, que é certo que hoxe todo o mundo sabe ler e escribir, non como antes; pero a mocidade de agora é moi ignorante. Usan verbas, expresións e comentarios estranxeiros e mal coñecidos. Aquí Aquilino moneaba coa cabeza dándolle a razón, e aínda que quería meter baza, Zoilo Carrasco seguiu coa súa trécola: todo isto é malo para a xuventude e, por suposto, para o país, porque cando manden os ignorantes, xa non haberá solución. Iso xa o dixo José Luis Borau, replicoulle Aquilino. Quen?, e Zoilo rosmou.

              Café Viena 17 de Ourense. Luns, 26 de novembro de 2012

domingo, 25 de noviembre de 2012

UNHA HORA ANTES



              Os cadetes do ABO teñen que estar unha hora antes do partido no pavillón no que vaian a xogar. Para quentar e adestrar. Un servidor agradece esa hora. Porque nela, a muller e máis eu adoitamos tomar uns cafeciños ricos, ricos. E mentres tomamos estes, acostumo facer unha destas dúas cousas: ler xornais ou escribir. Moitas veces xa os teño lidos. É entón cando aproveito para escribir. Pero claro, fágoo porque a muller si lle bota unha ollada. Pero se lle están ocupados e nos os le, entón, lóxico, non escribo para non facerlle un feo. Agora mesmo repasa unha revista que ten a cafetaría e un servidor está completando este relato. Dentro de corenta minutos volvereime hooligan animando a Xoel. Pero, iso si, con educación e sen menosprezo aos contrarios e aos árbitros, aínda que estes o fagan mal. Non só defendo aos do fútbol.

              Cafetaría Viena 21 de Ourense. Sábado, 24 de novembro de 2012

viernes, 23 de noviembre de 2012

A CANTIGA DO SAPOCONCHO



              Quero cantar a cantiga do sapoconcho que se volve bolboreta, pero o metal da batería fai tanto ruído que ninguén me escoita a estrofa na que a papoia aterrou na lama pola que estaba pasando o sapoconcho. Xa non conseguiu alzar o voo. E a pobre tartaruga desistiu de usar as ás molladas e embarrañadas. Acochou a cabeza na súa concha e deixou que unha bágoa de pena caese do seu ollo esquerdo. Pobre tartaruga! Levoulle todo un mundo alcanzar as mestas herbas da Porfía, nas que quixo facer parada ata o día seguinte. Pero un grilo que lle escoitou os saloucos, axiña foi na súa axuda ata que aburriu ao propio sapoconcho con todas as trécolas que lle contou. Rematei a cantiga na que a que peor quedou foi a bolboreta que agonizou no bulleiro.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Venres, 23 de novembro de 2012

PEDRAS CONTRA O NOSO TELLADO



              Hai que ser cazurros para tirar as pedras contra o noso propio tellado. Os que gobernan a Xunta de Galicia son cazurros de verdade e tiran moitas pedras contra nós. Defenden que nas clases das linguas estranxeiras soamente se fale nesas linguas; pero con respecto ao noso idioma “dálle total liberdade ao alumno para expresarse no idioma no que máis cómodo se sinta ao contestarlle ao profesor, realizar traballos ou examinarse naquelas materias que, sen ser Lingua Galega, se impartan en galego no colexio”. É dicir, nas de inglés e francés hai que falar inglés e francés. Pero nas materias de Coñecemento do Medio ou Ciencias da Natureza, por exemplo, que adoito que están en galego, poden, emporiso, usar o castelán. Vale máis o de fóra có da casa. Menos mal que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tomou cartas no asunto e recoméndalle ao Sr. Feijóo e ao Sr. Jesús Vázquez que “o uso da lingua na que se ensina determinada materia por parte do alumno, é crucial porque ten por finalidade alcanzar esas destrezas idiomáticas”. Aínda que non me estraña a actitude do PP contra a lingua. Escoito abondo a radio e cada vez que sae un alcalde, un conselleiro, un concelleiro do PP, o 95% falan en castelán. Así defenden a institución galega que representan.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Venres, 23 de novembro de 2012

MESTURA MUSICAL



              O ceo vai cambiando de tonalidades segundo avanza o amencer. Empezou cunhas nubes de cor laranxa que, minuto a minuto, tornaban á cor vermella. Agora mesmo, ás nove menos cuarto, xa todas son grises, anunciando un día nubrado e con ameaza de chuvia. E Joaquín Sabina que lle canta a unha tal Rosa de Lima. Hai mañás nas que o silencio se ve asaltado por unha mestura de cancións gravadas e gardadas por orde alfabética. Así, os temas non aburren; non estou sempre escoitando a un mesmo autor. E dun tema de rock chouto a un blues con pinta de jazz, de Luar Na Lubre paso a unha banda sonora ou a Manolo Escobar. Agora mesmo é Claudio Baglioni que fala dun “sábado pola tarde”. Que pena, é venres pola mañá. A música acompáñame unha vez máis mentres unha bandada de paxaros plana polo val do Medo. O ceo segue gris.

              Maceda. Venres, 23 de novembro de 2012

jueves, 22 de noviembre de 2012

NOITE PECHA



              Xente lendo os xornais. Xente falando. Xente tomando cafés. Xente berrando. Ruído, moito ruído. E a noite que cae sobre a cidade das burgas, sobre o parque no que os estorniños fan parada e moita algarabía. Auténtico enxame deles. Non me estraña que a xente se queixe polos excrementos desas aves. Teñen todo o dereito a cagar, os pobres; pero cando son bandadas deles, a súa merda salpica por toda a contorna. Xente que entra. Xente que sae. A muller que le La Región. Eu xa a memoricei de mañanciña, moi cedo. É cando máis presta ler os rotativos, cando aínda parece que as novas cheiran a tinta. Agora mesmo, momento de silencio na cafetaría. E os estorniños, os chirlomirlos tamén acocharon entre as follas das árbores dese parque con demasiados excrementos. Xa é noite pecha.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Mércores, 21 de novembro de 2012

martes, 20 de noviembre de 2012

ERRO DE DESTINO



              Félix Canuto Pardo limpa os lentes cun pano das mans mentres o coche se lle quenta un chisco, porque a mañá é fría de raio, é desas mañás de outono secas e cortantes. Félix Canuto Pardo garda o pano das mans e emprende camiño cara ao seu destino. Un destino que, sinceramente, non nos incumbe saber, ou el non quere que se saiba. Pero como un non é parvo, dispoñémonos a seguilo pola estrada que vai a Cachamuiña. Xusto ao entrar nesta aldea pregunta pola casa de Lorenzo Sanginés Sanginés. Ninguén o coñece. E por moitas explicacións que dá (sabe que nas aldeas moita xente é coñecida polos alcumes e, ao mellor, ninguén o coñece por Lorenzo), os veciños seguen sen coñecelo. Pero isto non é Chaodarcas? Ante o erro de destino, pegou a volta e colleu a estrada cara Chaodarcas. Non o seguimos. Que vaia para onde queira.

              Maceda. Martes, 20 de novembro de 2012

domingo, 18 de noviembre de 2012

COMO UN CONAN



              Un anuncio televisivo di que pense nun coche e non sei qué máis. Eu penso no meu Filomeno e recoñezo que me emociono cando o fago. Media vida con el e segue a portarse como un Conan. Ai se non fora polo seu volante e as súas xanelas! Mover o seu volante ao aparcar é todo un mundo, ou sexa, un esforzo descomunal para os meus débiles brazos. Non, non ten dirección asistida. Tampouco ten elevacristais eléctrico. De aí o ter que lle dar á manivela, que tamén me ocasiona un sobre esforzo. E máis desde que unha noite (penso que) forzaron a xanela esquerda, porque, agora, cara ao fondo, ten aí algo que hai que bufar para que siga baixando e, despois, por suposto, subíndoa. Fóra deses dous inconvenientes, non cambio o Filomeno polo Gervasio.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 17 de novembro de 2012

viernes, 16 de noviembre de 2012

IMAXES DA FOLGA XERAL



              Hai imaxes da folga xeral acaecida a semana pasada que quedarán na retina, na memoria dalgúns durante un tempo. Para os do Partido Popular, as imaxes serán as dos piquetes de folga, nunca as dos crebafolgas. Para os partidos de esquerda e nacionalistas, serán as das moreas de xente nas concentracións. Pero para un servidor hai tres imaxes a destacar: a dun neno sangrando en Tarragona, a dun energúmeno lanzando un obxecto contundente contra un escaparate nunha rúa de Ourense, e unha frase do ministro de Asuntos Exteriores. A do neno amosa que ninguén está libre da forma ditatorial que teñen os gobernos (centrais e autonómicos) para disolver as manifestacións. A do energúmeno afea por completo a unha sociedade que tan só quere un cambio, un salvamento a esta situación que nos afoga. E coa frase de José Manuel García Margallo entendo que non chega a ministro calquera; que antes hai que fincar os cóbados para licenciarse en Dereito e así poder soltar coa toda pachorra do mundo, en referencia á folga, por suposto: “vexo absoluta normalidade, aínda que non teño datos”. Non ten datos, pero sabe o que hai. Comprendo que sexa ministro de Exteriores... ve moito máis alá.

              Maceda. Venres, 16 de novembro de 2012

jueves, 15 de noviembre de 2012

A IMPARCIALIDADE DOS XORNAIS



O gran problema dunhas folgas ou dunhas manifestacións chega cando rematan. Aí empeza unha guerra de cifras moito máis dura cá propia manifestación ou cás propias perdas económicas. Nesa guerra de cifras, un consegue apreciar ás leguas a politización dos xornais españois; pois segundo para uns as cifras non pasaron dos tantos miles, para outros van máis alá incluso dalgún millón. Se para uns foi un éxito, para os outros, lóxico, un fracaso. E aos que amamos os xornais, aos que non sabemos vivir sen lelos, aos que esperamos auténtica información, isto dóenos a máis non poder. Porque entendes e esperas que os periódicos, calquera periódico tería que ser imparcial. Imposible! Hainos de esquerdas e de dereitas. Hainos nacionalistas e fascistas. Sinto pena por non coñecer ningún totalmente imparcial.

Maceda. Xoves, 15 de novembro de 2012

miércoles, 14 de noviembre de 2012

MEDO AO MEDO



              Folga xeral. E Veneranda Soutomaior Pastilla vixía ao piquete de folga que ten enfronte por medo a que lle rompan a crisma se ergue a persiana do seu negocio. O seu negocio é un pequeno recanto no que ten almacenados catro estrofas e un relato. Estrofas que falan de infancias compartidas entre casiñas de papel e monecas de porcelana. O relato fala dunha xuventude paupérrima na que a súa vida non era de cor rosa. Veneranda Soutomaior Pastilla pasou tanto medo na súa vida que, agora mesmo, día de folga xeral, non quere ser valente por medo a non saber saír da situación. Tenlle medo ao medo. Unhas bágoas de impotencia baixan polas súas meixelas e escribe un relato máis na escuridade, por non subir a persiana.

martes, 13 de noviembre de 2012

UN INDIO LISTO




              O indio que cabalga pola meseta do Medo ten os dentes brancos e a alma negra. Hai un dito popular dos harapahoes que di que os que teñen os dentes brancos tamén teñen a alma negra. O indio desta historia chouta do cabalo e acocha detrás dunha verza. Axiña pasa un tropel de xinetes do Sétimo de Cabalaría Non viron ao indio porque este procurou non abrir a boca nin sorrir para que non se lle viran os dentes brancos. Son as doce do mediodía e brillarían a unhas sete leguas. O indio que cabalgou pola meseta do Medo aínda non quería morrer ás mans dos rostros pálidos. Hai indios que, aínda que teñan a alma negra, son listos de raio. Cando pasou o perigo, o indio dos dentes brancos, montou no cabalo, pegou unha reviravolta e marchou para o seu campamento.

              Maceda. Martes, 13 de novembro de 2012

viernes, 9 de noviembre de 2012

TENSIÓN NOS CHANZOS



              Tensión nos chanzos. O silencio roto tan só polo bote duns balóns e polos berros dun adestrador. Xa non é silencio. Un refacho, unha lufada de sol penetra por unha fiestra e chega incluso a molestar. Silencio na parella que está sentada no chanzo. Silencio por unha foto invisible. Ruído por un partido que está a piques de iniciarse. Chanzos anchos de cemento. Parqué multicolor a causa das raias que o atravesan, que o circundan, que o arrodean, que o marcan. Típicos exercicios de adestramento. Tensión nos chanzos, na parella. E o sol que vai baixando, polo que cada vez é máis molesto. Tensión na parella, nos chanzos. O tempo borrará a foto invisible.

              Pavillón do IES Blanco Amor de Ourense.
Domingo, 4 de novembro de 2012

DOUS CADROS



              Esperando. Nun bar de Xinzo de Limia. Esperando a que empece un partido de baloncesto de categoría infantil. O ABO contra o equipo local. O bar ten folios colgados nos que di que hai tostadas. E colgados tamén ten dous cadros, estreitos, moi longos. Un amosa a dous xogadores sobre unha mesa de billar, un home que está mirando e unha muller loura que, desde a distancia, aseguro que é Marilyn Monroe e que está sentada sobre a mesa citada. O outro cadro, tamén das mesmas características ou medidas, deixa ver a cidade de Nova York en branco e negro, menos o Empire State, que ten unha cor rosa porcelana. Deixo de escribir porque a miña dona pechou este xornal e dixo: “cando queiras, imos”. E xa se sabe que os seus desexos son ordes. Imos ver ao rapaz.

              Café Vai Ben de Xinzo de Limia. Venres, 2 de novembro de 2012

TRÍO DE NOVAS HEBDOMADARIAS



              Por esta vez creo que teño fácil o resumo das novas hebdomadarias acaecidas nesta semana pasada. Conforman un trío que, ademais, pódese dividir polas seccións que adoitan facer os xornais; ou sexa, internacional, nacional e local; ou o que é o mesmo, Obama, Madrid Arena e Festival de Cine de Ourense.
              Barak Obama, que semellaba que o tiña complicado, acabou ganando sen sobresaltos as eleccións norteamericanas. O de Madrid Arena ten para dar e tomar; pero a gran conclusión que se saca despois do suceso é a que se comete cada vez que acontece unha desgraza… que logo desta é cando realmente se toman medidas. Ten que morren alguén (ou mellor dito, varias persoas) para que se tomen cartas no asunto. Moi triste pero é así. E con respecto ao acontecemento local, que queredes que vos diga… pena de que rematara o festival de cine e esperanza de que o tempo corra axiña para que chegue unha nova edición; esperemos que sen tantos sobresaltos como a deste ano. Para iso, lembrade que o fútbol é un dos eventos que máis subvencións recibe, e moi pouquiños se queixan. O cine é cultura. Nada máis.

              Finca Fierro. Venres, 9 de novembro de 2012