miércoles, 30 de enero de 2013

O SORRISO DE GARDEL



              Tiña miga o sorriso de Gardel. Nel seica se debuxaba un asubío que, á súa vez, reflectía por toda a pampa. Manda truco! Logo, para máis aquel, o asubío viña dicindo que o tango era curmán da muiñeira. No Círculo Polar Ántártico ninguén sabía qué era a muiñeira. O sorriso de Gardel era aberto e cun lóstrego de nostalxia cando interpretaba algún tango. Non sempre cantaba tangos. Ás veces tocaba a gaita, aínda que ninguén o viu nunca con ela. No Círculo Polar Ártico ninguén sabía qué era un tango. O sorriso de Gardel enchíase de sombras cando o ruxerruxe da pampa quedaba en silencio. Gardel sabía que detrás dos silencios estaban as penas e estas adoitaba afogalas con muiñeiras galegas, pero, coitadiño!, non sabía onde estaba Galicia. A Gardel as penas sabíanlle nadar. O sorriso de Gardel perdeu a consistencia mentres interpretaba un tango.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 29 de xaneiro de 2013

martes, 29 de enero de 2013

O LUME DO DEMO



              Rosma o demo catro palabras de orballo porque non consegue que a bondade cambie de carril. Gústalle ser malo e ante as almas que viaxan con parsimonia polas corredoiras, deixa que saia lume dos seus ollos. Os nenos, ao velo, choran e foxen para acocharse detrás das saias das súas nais. Emporiso, pola parte das veigas e chairas asoma agora o deus bondadoso e cun xesto significativo do seu brazo dereito, sae da súa man un trono cargado de auga que intenta apagar o lume do demo. Non hai forma de conseguilo e axiña aparece nos seus beizos un sorriso malicioso e burlón. Sempre lle gustou ganarlle a partida ao deus bondadoso. E gana bastante a miúdo. O demo é malo de solemnidade, pero aínda así, ás veces, xoga ás agachadas cos máis cativos. Cando cansa, cuspe lume dos seus ollos. Abrásaos sen contemplacións. Logo marcha asubiando por entre as almas da santa compaña.

              Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 27 de xaneiro de 2013

lunes, 28 de enero de 2013

O SATÉLITE NUGALLÁN



              Son o satélite soviético Kosmos-1484 e levo 30 anos deambulando polo universo. Pero o que máis chama a atención é que durante todos eses anos non fixen absolutamente nada de nada. Nugalla total. Tan só me dediquei a dar voltas e reviravoltas. Aínda que, iso si, o cosmos, a inmensidade, o espazo é bonito de carallo. Farteime de contemplar estrelas e satélites, pero só alcanzaba a mandarlles uns pequenos saúdos de benvida ou despedilos cun adeus. Por certo, a miña nugalla debeuse a un problema que tiven no sistema de orientación; de aí o de voltas e reviravoltas. Non obstante, a gran pena será que a miña historia, a miña nugalla tocará ao seu fin hoxe mesmo, 29 de xaneiro. Seica chocarei contra a Terra, aínda que o requiescat in pace producirase xa cando entre na súa atmosfera. Dos meus seis metros pouquiña cousa quedará cando chegue ao seu chan. Pero quedará para a historia que fun o primeiro satélite turista.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 25 de xaneiro de 2013

domingo, 27 de enero de 2013

RECORTES NA LIBEDADE DE EXPRESIÓN



              A verdade é que ata eu mesmo penso que son un  pesado en certos temas de actualidade, pero é que non me queda outra que seguir denunciando, unha vez máis, a censura. Hai xa moitos anos que o digo e moitas veces. Xeralmente hai censura cando goberna a dereita; non queren que ninguén lles rosme, que ninguén supere a “súa intelixencia”. Agora resulta que restrinxen o acceso da xente ao Parlamento, por medo a que haxa grupos que protesten de máis e os deixen en ridículo. E tal como está a vivir hoxe a nosa sociedade, case é normal que se proteste todos os días. Se non fixeran tantas falcatruadas…
Por outra banda, a xerente do Sergas na nosa provincia, Eloína Núñez, púxolle freo ás declaracións cara á prensa que poidan aportar os traballadores dos hospitais. O dito, coidadiño co que se fala e se hai algo que dicir, primeiro, falade comigo; se me gusta, vai para adiante; pero se non me gusta, collo as tesoiras e tamén aquí fago recortes. Como sempre fixo a dereita. Hai censura na prensa, hai censura nas televisións, hai censura nas radios… agora, tamén nos hospitais, na Cámara do Parlamento, hai censura de arriba a abaixo e en todos aqueles lugares nos que haxa unha pisada do PP. Sempre foi así.

Finca Fierro. Sábado, 26 de xaneiro de 2013

jueves, 24 de enero de 2013

SEMPRE LLE APETECE UN CAFÉ



              Cando Esteban Ridruejo Somanta aparcou malamente o coche, a súa dona díxolle que fora tomar un café, que a ela non lle apetecía. O de malamente é porque, xunto ao pavillón, non hai moito sitio que se diga para aparcar (a verdade é que non hai practicamente ningún), e deixouno case atrancando o camiño.. Esteban Ridruejo insistiulle a Jovita Luchana Cachaldora e sinalándolle a adversidade de que alí, quieta, ía pasar frío. Pero Jovita seguiu nos seus trece de que non lle apetecía. Entón, Esteban Ridruejo Somanta saíu do coche porque a el si lle apetecía un café. A el sempre lle apetece un café. E hoxe aínda máis; acababan de chegar da aldea onde estiveran traballando abondo, baixo unha marmañeira que os calou ata os ósos. Agora, tanto a el como a ela, tócalles esperar un chisco ata que os dous rapaces que teñen saian das actividades deportivas nas que están inscritos. Quédanlles vinte minutos ou algo máis.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 23 de xaneiro de 2013

miércoles, 23 de enero de 2013

A GASTOS PAGOS



              É case un insulto a nova de que o rei lle reduce o soldo á raíña e ás infantas en 55.000 euros. Iso significa que teñen que ganar a tira e máis para quitarlles tantos cartos. E non falemos xa de que teñen todo á súa disposición, ou sexa, a tira de empregados, a mitra de choferes, o demo de agasallos, ou como se adoita dicir, a gastos pagos. Tamén contan as crónicas que lle baixaron os vehículos que teñen á súa disposición, que de 72 pasaron a 45. Imaxino o Mercedes levando os netos ao colexio, o BMW para que o príncipe saia a tomar unha copa (pagada), o Rolls Royce para que a raíña se achegue a unha tenda súper, súper fashion, outro Mercedes para levar os netos á piscina, outro máis para recollelos... a ver, cómo van ir no mesmo coche sempre! Sería unha cagada. Non falo das viaxes que a raíña seica fai a Londres para mercar nesas tendas aínda máis fashion cás españolas. Que é para esa xente 55.000 menos se teñen os gastos pagos! E nós estirando o soldo ata a asfixia...

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 22 de xaneiro de 2013

lunes, 21 de enero de 2013

PENSABA SER…, PERO SON



              Pensaba ser pinga de auga, pero son bulleiro na carreira da Lama. E as rodas do carro afúndense de tal maneira que a xugada das vacas ten que tirar abondo para que, aquel, circule incluso amodiño. Pensaba ser aire no Outeiro do Corno, pero son buraco de cireixola en pleno Barricobos. E os nenos de Baños de Molgas mesturan todas as vacas con tal de dedicarlle uns minutos ao xogo no que un rapaz pégalle un golpe a un pau pequeno e desvíao todo o que pode do recinto no que xogan. Mentres un dos rapaces vai na procura do pau pequeno, os demais escárvanlle no ser buraco ata que chega correndo. Perde aquel ao que lle fan o buraco máis grande. Pensaba ser un soño na aula da escola, pero a realidade mándame rozar toxos na Tapada Nova. E a vida de rapaz naqueles tempos non é a que teñen agora os meus nenos. Para que rime.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 18 de xaneiro de 2013

sábado, 19 de enero de 2013

PALABRAS QUE ME DIN ALGO



              Cantei en silencio a canción de irás e non volverás. Non volvín. Porque ir, fun. Funlle coller peras ao olmo, pero non as tiña. Busquei un limoeiro, mais del tan só colgaban mazás. Aquilo empezaba a incomodarme. Tirei cara adiante ata que atopei un peixe que voaba. Que pasa aquí?, pregunteime. Ás veces fágome preguntas que me fan pensar un montón. Eu ven vía que aquilo non era normal. Claro que a culpa xa era miña desde un principio, desde intentar pillar peras dun olmo. Pero en algún lado oíra ou lera de buscarlle tres pés ao gato. Non obstante, a única realidade de todo isto é que fun e non volvín. Isto si o entendía perfectamente; sabía o significado de ir e volver. Ás veces coñezo algunhas palabras que me din algo, aínda que non saiba usalas moi ben. Hoxe si as usei ben… fun e non volvín.

Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 19 de xaneiro de 2013

SOBRE CORRUPCIÓN E INUNDACIÓN



              Dous asuntos tan só. O primeiro, a corrupción. Hai uns días saíron publicadas unhas enquisas nas que, hoxe en día, o gran problema que atopan os españois no noso país é a corrupción. E iso que aínda non aparecera o asunto de Luis Bárcenas, o ex tesoureiro do PP. Este partido intenta agora lavar a súa imaxe xurando e case axeonllándose dicindo que non sabían nada, que era unha mala acción dun particular (tampouco saberán nada do de Ourense). O caso é que quedarán convencidos de que os cremos. Señora Cospedal, non cremos unha palabra súa. E non siga dicindo parvadas porque cada vez se descobren máis falcatruadas do seu partido.
              Segundo asunto, a cicloxénese Gong. Desde o venres non deixo de pensar en Baños de Molgas. Ese mesmo día contemplei xa unhas fotos da chea do río Arnoia e víase como o asolagamento era dono e señor do parque Ansuíña e da burga. Imaxino que ao día seguinte a chea sería xa de película. Pero dunha película de terror, pois hai que pensar nesas casas e hoteis que hai á beira do río. A estampa é e será moi bonita, pero a angustia dalgúns veciños tamén doe. A enchente debería de anegar e afogar a tanto político corrupto e non aos meus paisanos.

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 19-1-2013

viernes, 18 de enero de 2013

PARA ESPANTAR O MEDO



              Que é o medo? O medo é cantar a pleno pulmón para espantalo. Sempre me gustou andar no monte coas vacas ata moi tarde, ata que non se vía nada; quizais por aquilo de presumir un chisco ante os veciños. Pero para iso había que espantar o medo. Entón asomaba todo o repertorio de Camilo Sesto e dos grandes éxitos dos anos sesenta. Cheguei a entrar polas rúas de Baños de Molgas cantando e espertando a algúns veciños, aos que xa se deitaban coas pitas, que naqueles anos eran moitos (non había moitas televisións). O medo era mirar intensamente para as cunetas das estradas por se asomaba algo (o propio medo?), e apertar con forza a vara (e o cu) coa que tanguía as vacas por se había que facer uso dela. A forza da voz, o esforzo da gorxa e as cancións de Víctor Manuel eran as armas que tiña para espantar o medo.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 16 de xaneiro de 2013

jueves, 17 de enero de 2013

CLASE CO EGUREN



              Que é o medo? O medo é aquilo que che aperta o estómago ata que doe de verdade. Lembro a época de cando ía ao colexio dos Milagros no coche de liña desde Maceda (de Baños de Molgas ata Maceda ía cos veciños que traballaban na cerámica) e neses cinco quilómetros notaba cómo se me revolvía o estómago porque, os luns, á primeira hora, tiña clase co Eguren, o cura que nos daba latín e xeografía, creo. Este Paúl era famoso polos pelos que arrincaba das cabezas dos rapaces e polas amoxetaduras que cometía nos brazos de cada un de nós. Non obstante, por sorte, nunca me tocou. Quizais porque a miña timidez era tanta que era algo así como un santiño. Pero o medo aquel de se me facía saír ao encerado ou de se me preguntaría algo, metíaseme nas entrañas e daban ganas de vomitar. Iso era o medo.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 16 de xaneiro de 2013

POLAS CORREDOIRAS DA LIBERDADE



              Reza un nosopai e tres avemarías polo fío da navalla que non corta e pola rabela do arado que non ara. Logo das oracións cuspe cara ao ceo para que o aire leve a saliva, o esgarro ata unha planta que non ten raíces. Acouga naquel banco de pedra e contempla o ruxerruxe dunha rula que quedou sen ás. Segue o ritmo dunha música imaxinaria coas plantas dos pés e os dedos das mans tocando sobre os xeonllos que che doen por axeonllarte ante o crego que che mandou un nosopai e tres avemarías. Hai pregarias que non din nada porque ninguén reza con devoción ante as adversidades dun adverbio positivo. Camiña devagariño porque teño présa para chegar ata o infinito e máis alá. E non deixes que a estrada che marque o camiño, cando o bonito e mellor é andar polas corredoiras da liberdade.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 15 de xaneiro de 2013

miércoles, 16 de enero de 2013

ERRO NO GPS OU PARVA DO CU?



              Non consigo asimilar a nova que acabo de ler simplemente porque non a creo. Resulta que unha muller de 67 anos percorreu máis de 1400 quilómetros por un erro no seu GPS. Tiña que ir dunha pequena localidade de Bélxica ata a capital deste país, é dicir, Bruselas e o aparato seica a mandou a Zagreb. Analicemos; con 67 anos penso eu que sabería onde estaba a súa propia capital; que aínda que non soubese os quilómetros xustos (32) nin o tempo que lle levaría aproximadamente (40 minutos), digo eu que cando levase 100 ou 200 quilómetros, unha ou dúas horas tería que darse conta de que ía por sitios equivocados. Logo, para máis aquel, confesa que vira sinais de tráfico en francés e alemán e que pasara por Colonia, Fráncfort, etc., pero que non se fixo ningunha pregunta e que arreara para adiante... ata os 1450 quilómetros. Como sabería que estaba en Zagreb? Ante todo isto dáme a impresión de que é parva do cu.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 15 de xaneiro de 2013

AS MELLORES OFERTAS



              Busco traballo. Nas copas dos piñeiros e nas gaias dos carballos. Nos encoros dos ríos e nas beiras dos regatos. Busco traballo. Nos plenos ordinarios dos concellos e nas consellarías de Santiago. Nas misas de réquiem e nas festas do burro cansado. Busco traballo entre as sementes do centeo e as campás do campanario. Busco traballo, pero a nugalla fai que volva sobre os pasos cando vexo unha posibilidade de acadalo. A vida é tan bonita esperando a velas vir! As luces de neon anuncian ofertas para traballar abondo en organismos institucionais que dependen doutros organismos. Busco traballo na inmensa variedade de ofertas políticas. Son as mellores; non traballas, andas á moina, ou sexa, atópaslle o teto á vaca e ninguén te condena. Iso é vida!

              Café Viena 17 de Ourense. Luns, 14 de xaneiro de 2013

lunes, 14 de enero de 2013

50 SACOS DE NITRAMÓN



              Querían ir 15 mozos no tractor de Arcadio Cenicero Colillas, pero no remolque tan só collían 13 porque a maior parte deste estaba ocupada por 50 sacos de Nitramón que lle quería esparexer á leira que tiña máis alá da ponte do Medo. Os mozos pensaron no número 13, mais non lle dixeron nada a Arcadio Cenicero para non asustalo. Optaron, entón, por subir ao remolque tan só 12. Os tres que quedaron en terra eran Xoel Ramos Retama, Valentín Poema Cantante e Nicasio Buendía Buendía. Estes puxéronse ao camiño, mentres os seus compañeiros subían ao tractor. Cando Xoel, Valentín e Nicasio chegaron á leira de Arcadio, os seus 12 compañeiros xa baixaran os 50 sacos de Nitramón. De algo lles tivo que compensar o non ir no tractor; evitar o traballo, o esforzo de descargar dous mil quilos de Nitramón.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 13 de xaneiro de 2013

PASOS DE TARTARUGA



              Ramallete de discordias no panorama político español. As corrupcións conseguen máis e máis votos e a xustiza brilla pola súa ausencia. Para uns, os corruptos son a táboa de salvación da súa subsistencia e, para outros, eses deberían estar xa no cárcere. Pero no noso país, a xustiza dá pasos de tartaruga; a maiores de que o camiño xusticeiro teno que dar o propio paisano, denunciando. Pero, quen denuncia hoxe en día?; se che cobran por todo. A propia Fiscalía do Estado tiña que actuar xa de oficio, ou sexa, viaxar pola autoestrada para darlle caza a todos eses corruptos e a todos eses que dilapidan os nosos cartos. Se imos provincia por provincia, todos os habitantes das mesmas sabemos moi ben cales son as ovellas negras. E se o sabemos nós, cómo non o vai saber a propia Xustiza. Pero este organismo sempre deu e, o que é peor, seguirá dando pasos de tartaruga para defender ao máis necesitado.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 13 de xaneiro de 2013

sábado, 12 de enero de 2013

CHUPAR DO BOTE



              O venres foi un dese días nos que non conseguín asimilar ben o contraste dalgunhas persoas nesta sociedade nosa. Algúns estamos para que nos exploten e outros fan de explotadores. Eu mesmo… ese día saín como unha frecha do traballo e dediqueime a xantar un bocadillo no propio coche para non perder tempo. Como funcionario que son (simple auxiliar) o soldo non dá para catro bocas; así é que non queda outra que traballar unha viña para subsistir. E mentres comía conducindo, a rabia empezou a subir polas entrañas porque acababa de ler a nova de que o alcalde de Muras cobrou 150 euros en dietas, porque se achegou ata A Coruña para “ver mobles”. Logo, para máis aquel, tamén lle meteu aos seus habitantes unha factura de 50 euros polo xantar. Sinceramente, ata lle pasaba todo iso se soubera que non tiña un soldo pola alcaldía, pero é que o señor Issam Algnam (do PP, por suposto) cobra a friorenta cantidade de 54.300 euros ao ano por dedicarse exclusivamente a tan só 750 habitantes! A iso chámaselle chupar do bote. Ou o que é o mesmo, 4.525 euros ao mes...; e o pasmón, o paspán que subscribe comendo bocadillos mentres conduce.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 11 de xaneiro de 2013

viernes, 11 de enero de 2013

DEBULLANDO PEBIDAS



              Mentres Adelaida Suárez Carpaza lee o xornal, o seu home Nicanor Prieto Codeso debulla nas pebidas. Este leva días co vicio das pebidas mentres espera a tratar os asuntos que o manteñen ocupado polas tardes. O de chamarlle vicio é un dicir, xa que Nicanor Prieto para o que realmente usa as pebidas é para matar o tempo. Si, semella unha verdade de pé de banco, pero é a realidade. A ver, outros matan o tempo paseando, ou lendo, ou escribindo; non obstante, Nicanor Prieto Codeso mata o tempo debullando e debullando nas pebidas. Adelaida, ás veces, tamén lle pega algún que outro ataque á bolsa que o seu home adoita meter no peto da cazadora. Despois, tanto o un como o outro, poñen pingando ás malditas pebidas... porque deixan os labios feitos un noxo, porque enchen pero non alimentan, porque só dan ganas de beber, porque a bolsa non se acaba nunca. Pero á tarde seguinte, e para non aburrirse, Nicanor merca unha nova bolsa de pebidas.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 10 de xaneiro de 2013

jueves, 10 de enero de 2013

PARTIDO EN DIRECTO



              Minuto 25 da primeira parte. O Madrid xa lle gana ao Celta por dous a cero. Os dous goles de Cristiano Ronaldo; o primeiro coa colaboración do porteiriño do Celta. O partido é malo e, ademais, nótase unha barbaridade a diferenza de calidade dos xogadores dun e outro equipo. Dúas chegadas do Madrid, dous goles. O meu rapaz apertou os puños coa alegría. Non lle importa que o Celtiña sexa galego. O equipo vigués reservou a algúns titulares. Normal, xa vería a eliminatoria da Copa do Rei perdida. Eu tamén case quero que perda; así porá toda a atención na Liga, que boa falta lle fai. O rapaz apoia a cabeza entre as mans, está atento ao partido, quéixase das malas xogadas do Madrid e discrepa dalgunhas decisións do árbitro. Pero aí estou eu para dicirlle que noutras tamén erra contra o Celta. Son fallos humanos, rapaz. Minuto 32. Segue o aburrimento. Falta perigosa. Alá vai Cristiano. Fóra. Segue o partido en directo. (Ao remate, 4-0 a favor do Madrid. O Celta eliminado)

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 9-1-2013

miércoles, 9 de enero de 2013

A TREBOADA



              Chegou o lóstrego cargado de ruído e o ceo colleu unha tonalidade de brancura total. Por pouco tempo. Tras o trono, o firmamento seguiu completamente gris e en algúns puntos incluso se puxo tan negro como a morte. Sempre oín que a morte era negra. Chegaron as pingas de auga tras o trono, e unha das airas da aldea  encharcou nun suspiro, nun abrir e cerrar de ollos. Houbo que correr para acubillarse baixo un canastro calquera. O día deixou, entón, que se deitase sobre a contorna unha escuridade tan escura que aquilo xa era noite. Chegou a calma logo da treboada, pero a escuridade, a presunta morte, xa non marchou porque o tempo pasa e todo cambia. Saín debaixo do canastro e marchei aos tombos para a casa. O ceo dicíame que mañá seguiría a chover.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 8 de xaneiro de 2013

CON PINTA DE MAFIOSO



              Pablo Tostado Freás tiña pinta de mafioso, pero non era mafioso. Pablo Tostado era o mellor fillo que tiña a, hoxe, viúva Adela Freás Balbuena. Era fillo único. Para Adela, e a pesar da pinta de mafioso, era o fillo máis bo do mundo. Sempre lle estaba enriba con aloumiños (agora que tanto os necesitaba) e sempre se lle ofrecía para facerlle as cousas, aínda que nunca lle fixo nada. Cada vez que a nai insinuaba algo, Pablo Tostado Freás alegaba calquera asunto para facer ao instante. É certo que este tampouco nunca lle pediu un céntimo para a súa subsistencia, quizais porque igual lle ingresaban ganancias por esa pinta de mafioso que tiña. Pero, politicamente, Pablo non era mafioso. Xudicialmente tampouco. Pegoulle un par de bicos á nai e díxolle que ía correndiño a tratar un asunto. Que riquiño es!, exclamou Adela.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 8 de xaneiro de 2013

martes, 8 de enero de 2013

POLO SEU FILLO



              A paisana África Rotovato Veiga quere seguir arrecunchada, engruñada entre as sabas, pero o seu fillo pequeno Tito Segundo Rotovato, empezoulle coa ladaíña de ir ao bar para ver un partido de fútbol. A África Rotovato non lle gusta o fútbol, pero polo seu fillo vólvese Belén Esteban e fai de tripas corazón para cumprirlle o desexo, o gusto, a afección. Ante o pensamento de “polo meu fillo, mato”, érguese cun sorriso nos beizos e mentres se viste nota como a preguiza inicial a abandona e xa non lle parece mal achegarse ao bar co seu carrouchiño; así tamén ela pode tomar un café. Mira por onde, apetécelle un café. A paisana África Rotovato dille a súa filla Nuvela Segundo que sae con Tito, que non volverán ata que remate o partido, cara á noitiña.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 6 de xaneiro de 2013

domingo, 6 de enero de 2013

ANO NOVO, VIDA NOVA



              Ano novo, vida nova. E a corrupción, o clientelismo ou as malversacións seguen operando no país, na nosa comunidade e, faltaría máis, na nosa provincia. Imputados e máis imputados; máis de oitenta galegos (políticos, se entende) están implicados en casos ilegais e tan só doce presentaron a súa dimisión. Para estas, tan só o BNG segue a regra de dimitir tan axiña como son implicados. O PP e o PSOE “escaquéanse” dunha ou doutra maneira. Ano novo, vida nova. E catro ministros, 58 deputados e o mesmo Mariano Rajoy cobran dietas a pesar de vivir en Madrid; mentres que familias enteiras están no paro e andan aos refugallos nos contedores de lixo buscando algo que levar á boca. Ano novo, vida nova. E unha muller aparece degolada en Valencia; a primeira deste ano. Temo que aí non parará a violencia de xénero. Ano novo, vida nova. E nenas de países orientais que son violadas e maltratadas por enxames de homes, se é que se lles pode chamar homes. Ano novo, vida nova. E a igrexa négalle a comuñón ao fillo da concelleira do vídeo erótico que alguén colgara na internet sen o seu consentimento. Pero eles están coa pederastia ata o mesmo colariño. Ano novo, vida nova. É un dicir.

              Finca Fierro. Domingo, 6 de xaneiro de 2013

viernes, 4 de enero de 2013

MARABILLOSA PANORÁMICA



              O son dunha harmónica rompe o silencio do amencer e a folla dun calendario bambea ante o aire que penetra ao abrir unha porta. Ao lonxe vese un ronsel de avión de cor alaranxada porque, o sol, pouco a pouco empeza a asomar o seu sorriso nesta mañá de feira e de xeada. Segue a harmónica soando sobre un tema da película “A lista de Schindler” e o canastro de Lira móstrase maxestoso e enorme nunha foto pegada sobre un cristal, á mesma beira da porta que se abriu hai un cacho. Agora mesmo, o ronsel do avión vese acompañado por tres máis, facendo que o ceo colla unha tonalidade realmente espectacular. Entre os catro ronseis e unha pequena nube que flota sobre o Medo, a mañá e o día promete. Un quinto ronsel asoma aínda máis alá! Marabillosa panorámica!

              Maceda. Venres, 4 de xaneiro de 2013