martes, 26 de febrero de 2013

EN POSICIÓN CON ANTELACIÓN



              Aínda falta case unha hora. Pero xa estamos en posición. Para ver un dos clásicos entre o Barça e o Real Madrid. A antelación débese a certas circunstancias. Que acabo de chegar de traballar na viña e como a muller levou ao rapaz pequeno ao adestramento de baloncesto, xa non precisan de min, polo que estou libre. Que tan axiña como cheguei da aldea, pasei a recoller ao rapaz máis vello á academia para que non fose andando ata a casa. Pero como lles acababa de mercar unhas pizzas (para facer unha cea rápida ás tantas da noite), non fomos ata o fogar e optamos por pillar unha boa mesa no bar. Xa estamos en posición. O rapaz pequeno chegará iniciado xa o partido, pois xa lle dixera á muller que o trouxera directamente ao bar. E mentres non empece o clásico, ou sigo escribindo ou leo un xornal. O rapaz manipula no móbil.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 26 de febreiro de 2013

domingo, 24 de febrero de 2013

MEXERIQUEIROS E INTOCABLES



              Segundo unha sondaxe que circula por algúns medios de comunicación, a maioría dos enquisados cre que a Infanta Cristina, ou sexa, a muller de Iñaki Urdangarin, sabía dos casos de presunta corrupción do seu home. Anda, e os Reis! É que hai que ser parvos se alguén pensa que ninguén sabía nada; a ver se seguimos pensando que os pans caen xa cocidos do ceo. Xa poden ser todos exculpados, pero a gran maioría dos españois sabemos que estamos vivindo nun país cheo de corruptos e ladróns. Tiña razón Maribel Verdú cando dixo que o noso sistema está obsoleto. Non obstante, ai de nós se o intentamos botar abaixo! Non se lles pode rosmar! Están mexeriqueiros e séntense intocables. Tanto que, en vez de dimitir a metade dos políticos (ou máis), chóutanlle á xugular de quen os atacan; a eses tres ou catro actores tan só que ganan uns cantos millóns en producións estranxeiras (e se traballas fóra, tributarás fóra, digo eu), mentres apoian amnistías fiscais a grandes fortunas evadidas. Bótanlles en cara que vistan traxes de grandes marcas para certos eventos, e non se acordan de ministras que aceptaban grandes bolsos de agasallo ou de outros traxes que circulaban pola Comunidade Valenciana.

              Finca Fierro. Domingo, 24 de febreiro de 2013

viernes, 22 de febrero de 2013

O FILLO DO FERRADOR



              Catro cadeiras libres e un cu de mal asento que mira para elas, pero que non se decide a usalas. O cu de mal asento responde ao nome de Nicanor Cuartero Gazpacho, que é fillo do ferrador de Cachamuíña, o home que ferraba os burros mentres cantaba o último éxito de Antonio Molina. Este ferrador sempre se negou a ferrar cabalos e ninguén sabía por qué; nin tan sequera o seu fillo. Non obstante, Nicanor Cuartero Gazpacho intuía que o seu pai non ferraba os cabalos porque lle tiña medo ás súas couces. Non é o mesmo unha couce de burro que unha de cabalo. Vaicho boa! Tamén intuía que para ferrar os cabalos o seu pai tería que botar man dos éxitos doutro cantante. E a Lucino Cuartero Sopero, o ferrador de Cachamuíña, só lle gustaba Antonio Molina. O cu de mal asento deixou de pensar e, por fin, sentou un chisco nunha das cadeiras. Só un chisco, pois de algo lle tiña que valer a fama de cu de mal asento.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 20 de febreiro de 2013

ALCALDES POR INTERESE



              Ai raio!, a todo porco lle chega o seu San Martiño. Ata agora os alcaldes peperos estaban todos contentos porque os recortes facíanselle tan só aos funcionarios e eles mesmos alentaban esas medidas co achaque dese privilexio que temos por ter un posto seguro que, a algúns, lles custou bágoas e suores acadar. Pero chegou o San Martiño e agora rebélanse contra o partido porque a reforma legal que quere levar a cabo este, abocaraos a exercer tan só de alcaldes cun forte recorte nas súas nóminas. Están a dar lume cos dentes. Normal. Tamén nós protestamos. Pero hai brasas mileuristas e brasas de moitísimo máis alá de mil euros. Coitadiño aquel que pensase que eran alcaldes por vocación (incluso algún alcaldiño o cría así), cando agora se ve perfectamente que son alcaldes por interese. Por interese, a verdade é que foron sempre: eles mesmos se poñían os soldos. E que soldos! Agora ameazan coa baixa na militancia ou coa non presentación a alcaldes nas próximas elección. Canta logo!

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 20 de febreiro de 2013

O POLICÍA FOI MÁIS ALÁ



              Creo que de todos é sabido a miña defensa dos árbitros, o colectivo máis desamparado e máis atacado, non só do deporte, senón de todos os colectivos habidos e por haber. Sempre direi, no caso do fútbol, que é a labor dunha persoa á que intentan enganar polo menos 22 xogadores, que serían infinidade se engadimos aos suplentes, corpo técnico e público. Pois moitas veces non chega coa simple violencia verbal e hai que ir máis alá. E un policía nacional (que sabe perfectamente cómo facer dano) foi máis alá cun árbitro valenciano. Perdón, cun neno valenciano. Con 17 anos aínda se é neno. Con violentas patadas mandoulle o bazo ao carallo. Para máis aquel, a familia do árbitro estaba contemplando o partido. Agora está acusado de “presunto” delito de lesións e abriranlle un “expediente disciplinario”, rematando o Xulgado de Instrución de Paterna o asunto coa liberdade do policía detido. Ante todo isto, non me queda outra opción que ser radical a tope: nin xuízo nin gaitas; ao cárcere con el. Rebentar a un rapaz de 17 anos!

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 20 de febreiro de 2013

jueves, 21 de febrero de 2013

REVÓLVENSE COMA HIENAS



              Antes de ler a nova nos xornais oín algo na radio mentres conducía e na televisión cando estaba almorzando. Oín tan só algo porque no coche ía atento á condución e na cafetaría estaba lendo os xornais; pero chegoume con oír as palabras “impostos” e “actores” para intuír por onde ían os tiros que lanzaba o ministro de Facenda Montoro. Ante iso, o meu primeiro pensamento foi, claro, que os actores deran na diana o domingo pola noite na cerimonia dos Goyas criticando os recortes do Goberno. Sempre se dixo que as verdades doen e o PP nunca soubo levar ben as críticas. Revólvense coma hienas. O gran ministro non sabe distinguir entre domicilio fiscal e a desviación de diñeiro público a paraísos fiscais; aquilo é legal e isto é ilegal. E se non que faga o que di o secretario da Unión de Actores: que diga nomes, que non tire pedras e esconda a man. Métense cos funcionarios e cun colectivo cun 90% de paro, mentres o Bárcenas e demais corruptos están amparados baixo a súa tutela.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 20 de febreiro de 2013

RAPIDIÑO E CORRENDO



              Pois eu vou escribir. Así lle dixen ao rapaz máis novo tan axiña como o deixei na entrada do pavillón. E como se adoita dicir, teño que facelo “rapidiño e correndo”, porque a miña dona está a piques de chegar (xusto acaba de chamar por teléfono para saber ónde estou). Onde vou estar!; tomando un café e escribindo. Así é desde tempos inmemoriais; que cando estou só tomando un café, teño que escribir. Xeralmente nos paniños de papel que hai nas cafetarías, aínda que, ultimamente, fágoo sobre un caderno pequeno que merquei alá polos mediados de outubro. Co inverno póñense cazadoras, que teñen varios petos, nos que collen moi ben eses cadernos pequenos que sempre me salvan dunha apurada. Por certo, souben a data da compra porque o primeiro relato que escribín nel foi o 18 de outubro. De todas sa maneiras, hai momentos nos que non traio comigo o caderno e boto man dos paniños de papel. Chegou a muller xusto para rematar.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense
              Martes, 19 de febreiro de 2013

miércoles, 20 de febrero de 2013

TURURÚ!



              Ás veces tes que criticar a certos personaxes porque non queda máis remedio, logo de ver ou de ler o que fan. Resulta que a ministra de Sanidade, Ana Mato, está moi orgullosa do seu partido e da confianza de Mariano Rajoy. Madía leva! Non te f...!; calquera non está orgulloso de compañeiros que te “untan” por detrás. Si, xa sei que quen recibiu o medio millón de euros de Gúrtel foi o seu ex, pero, por favor, a ver se nos queren meter os dedos nos ollos para que non vexamos máis alá do nariz. É coma o caso Urdangarin, que nin a muller, nin os sogros, nin a familia sabía nada de nada. Tururú!, adóitase dicir nestes casos. Outra que tal, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras non quere que o seu partido (PP) acometa a reforma salarial porque lle rebaixarían 1.800 euros ao mes e “non podes ir vestido de calquera maneira aos sitios”, coma se unha alcaldía se rexese pola vestimenta; ela precisa unha pasarela de moda. Manda truco na nosa Galicia!

              Maceda. Mércores, 20 de febreiro de 2013

lunes, 18 de febrero de 2013

UN LABREGO CABREADO



              Deixa de chamarme Rosalinda porque o meu pai chámame Evaristo. Poida que teña unha cara que semella que nunca rompín un prato, pero a maldade que levo dentro aflora cada vez que alguén me chama Rosalinda. Non sei a qué vén iso de Rosalinda. Teño pelos no peito, barba de dúas semanas e músculos de labrego cabreado. Chámome Evaristo Cristo Rodicio e pelexo todos os días cunha xogada de vacas e dous cans de palleiro. Estou casado con Ramonita Sota Pingallo que pariu, case de seguido, tres criaturas masculinas. Hoxe, as tales criaturas xa son homes feitos e dereitos. A min tan só se me torce a alma cando algún pasmón adoita chamarme Rosalinda. Pensarán que teño xestos efeminados, cando na realidade se debuxa na miña cara a fotocopia dun labrego cabreado. De todas formas, procuro non pensar nisto e dedícome a acariñar aos dous cans de palleiro. Estes danlle ao rabo e lámbenme as man.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 14 de febreiro de 2013

domingo, 17 de febrero de 2013

TODO DERROTAS, UNHA VITORIA



              Hai que ser parvos de carallo! Cada vez estou máis convencido de que son un pouco paspán por poñerme sempre do lado dos vencidos, dos derrotados. Non hai semana que non asome algún desgusto ás entrañas, e iso que xa non digo nada das novas políticas actuais, que non hai unha boa. Pero se digo a política en xeral, aquí xa está a primeira derrota: son tan nacionalista que quero a independencia para Galicia xa! Entón, claro, xa todos se botan a min coma cans. Se penso no fútbol, o Celta e o Dépor fúndenme unha semana si e outra tamén. Se no baloncesto, o ABO dos meus fillos dá unha de tortas e dúas máis de hostias. O ABO da liga EBA ídem de ídem. O COB pouco menos.
              E se penso na miña profesión… ai a miña profesión! Dicir funcionario é case como nomear a peste. Ante este cualificativo, os políticos pensan que a masa ten razón e por iso nos afunden un chisco máis en cada ano que pasa. Como sei que non vale que diga que somos os sostemos o país, quédame a vinganza de burlarme moitas veces da masa anunciando a bado aberto que son funcionario e que vivimos coma deus. Ata a miña paciencia se cansa de tantas derrotas e anuncia, algunha que outra vez, esta vitoria; aínda que tan só a celebre eu.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 16 de febreiro de 2013

viernes, 15 de febrero de 2013

HAI NENOS E NENOS



              A muller leva a pataca fritida á boca e un neno berra.. Hai nenos que berran e outros que choran. Este berrou. Hai nenos que viaxan en ascensor collidos da man das nais e hainos que corren detrás dun ronsel de avión pensando que o alcanzarán. Hai nenos que se dormen co asubío dun tema cinematográfico de Ennio Morricone e hai nenos aos que hai que arrolar cun esperpento de Valle-Inclán. Os meus choran sobre a portada de Sempre en Galicia, de Castelao, e bailan por entre os versos de Follas novas, de Rosalía. Hai nenos que rachan mandos cando xogan ás consolas e hainos que bican os forros plastificados dos libros de texto. Hai nenos que asumen que son nenos e hainos que presumen de ser moito máis que homes. A muller xa rematou coas patacas fritidas e o neno hai xa tempo que quedou en silencio, quizais amolado pola música que sae da televisión da cafetaría.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 13 de febreiro de 2013

jueves, 14 de febrero de 2013

NON DAN UNHA A DEREITAS



              Aínda que eles son de dereitas, non dan unha a dereitas, valga a redundancia. As dereitas de Galicia levan a ditadura e a censura ata as súas máximas consecuencias, na persoa de David Fernández Calviño, ao que expulsaron da Cámara galega porque ironizou sobre a corrupción do PP e os sobres de Bárcenas. A quen se lle ocorre reivindicar no tema político unhas fotocopias (por certo, as fotocopias sairían dun orixinal, non si?). E iso que a ironía realizouse en pleno Entroido; se non fosen estas festas, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda xa estaría no cárcere.
              As dereitas centrais ou de España, na persoa do noso presidente señor Rajoy, defende o bipartidismo fronte a “partidos estrafalarios”, ou sexa, fronte a uns cantos millóns de persoas que non son merecentes do aire que respiran o PP e o PSOE. Dicir que un señor que di estas cousas sexa hoxe o noso presidente... manda truco!

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 13 de febreiro de 2013

UN CÉNTIMO DE EURO



              “Que poña cada español un céntimo de euro...”. Imaxino que a señora que conversa con dous compañeiros pide para axudar a alguén ou para evitar a fame, por exemplo. Pero, por que temos que ser sempre nós os que teñamos que poñer máis do que xa pomos. Por que non se sacan eses céntimos de euro suprimindo, por exemplo, as deputacións ou a metade dos concellos españois? Por que duplicamos tantas administracións? É que despois, dentro desas administracións, hai máis duplicidades; xa sabedes, os asesores dos asesores. Hai un cacho, cuns amigos, falabamos do tellado caído da capela dos Remedios. Un dicía que o tiñamos que pagar nós, ao que lle contestou outra que non, que agora pasara ao bispado, polo que choutei axiña cun “tranquila, xa se encargará o bispado de pedirlle ao fregués. E así con todo; sempre somos nós os que temos que poñer. Case ten razón a primeira señora... tamén poremos ese céntimo que pide.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Mércores, 13 de febreiro de 2013

domingo, 10 de febrero de 2013

O MUNDO DE VALERIANO



              Por moito que pensa, Valeriano Sugar Cachón non sabe por qué olla para a televisión. El mesmo recoñece que si, que mira para ela pero non ve nada do que están proxectando. E moito menos oe o que están dicindo. Valeriano está no seu mundo, subido a unha estada no medio dunha carballeira. Unha carballeira chea de eucaliptos. Aflóralle agora un sorriso porque aquí si se dá conta de que qué pintan os eucaliptos na carballeira. Pégalle unha puñada á televisión; está a distraelo dos seus pensamentos, e iso que nin ve nin oe nada do que proxectan. Valeriano deixa caer unhas bágoas, e non pola dor da man ou porque rompera a televisión, senón porque quere formar unha lagoa aos seus pés. Sempre lle gustou andar coas vacas na lagoa de Almoite. Alí dedicábase moitas veces a sacarlle as sambesugas ás vacas cando estaba no festín de chuparlle o sangue. Valeriano Sugar Cachón deixa de pensar e marcha.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 8 de febreiro de 2013

sábado, 9 de febrero de 2013

VIXIANDO O MEDO



              Que é o medo? O medo é pasar case unha hora subido a un burro para facer tempo. Os castigos favoritos da miña nai (a maiores das labazadas que caían a moreas) eran facerte madrugar sen motivo ou mandarche cousas que “acojonaran” un pouco. Unha vez fíxome ir ao muíño cando xa era noite pecha. Para iso había que cruzar unha espesa carballeira duns dous quilómetros ou máis. Aquilo era demasiado para a miña infancia. Que fixen? Esperei e esperei no alto do burro xunto ao embarcadoiro da estación do ferrocarril. Aínda que estando alí non sabía qué era peor: se cruzar a carballeira ou temer a que asomase ela dun momento a outro para saber se ía realmente ao muíño do Dositeo. O medo apertábame o cu e a cabeza retorcíase dun lado para o outro vixiando un perigo, calquera perigo; vixiando o medo. Xa na casa desculpeime con que o muiñeiro non estaba e eu non podía coa saqueta de millo. Creuno. Deixei escapar o medo nun profundo suspiro.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 7 de febreiro de 2013

A DEPORTISTA QUE MUNGUÍA 300 OVELLAS



              Por moito que diga que hai que defender o deporte minoritario, son dos que gozo co fútbol. Pero tamén sei que prometín hai tempo (alá polos Xogos Olímpicos) que falaría máis veces deses deportes, deses deportistas que ás veces non coñece ninguén. E aínda que este recuncho adoita ser un escaparate para as novas semanais, hoxe “paso” un pouco desa norma, porque sería falar do que xa coñece todo o mundo: Bárcenas, corrupción, malversación, en resumo, política podre. Entón, para non anoxarme, qué mellor que falar do balonmán español, por exemplo, onde eses campións do mundo teñen que emigrar a equipos estranxeiros porque aquí xa non teñen onde caer mortos. E a pesar de todas as penalidades, aí é nada: campións.
              Outra deportista que me chamou a atención nos citados Xogos, foi Maider Unda que, grazas á súa medalla de bronce en loita, descobres a súa “loita” diaria: unha pastora e queixeira que cada día se ergue ás seis da mañá para munguir as 300 ovellas que ten. Ante isto hai dúas opcións: ou te partes de risa cando a comparas con Ronaldo, Fernando Alonso ou Federer ou te sermonas a ti mesmo coa expresión “calma, calma” para que a rabia ou a pena non che suba polas entrañas. Emporiso, a nós muxirannos a mente cos outros deportistas mencionados.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 8 de febreiro de 2013

UN POBO GANGRENADO



              Segue a corrupción maltratando a nosa sociedade. Seguen os políticos ríndose ante o noso nariz. É· normal, entón, que, ás veces, a rabia nos altere un pouco o entendemento. Quéirase que non, un cansa de traballar para ineptos e ladróns. É certo que a gran culpa é nosa… por votalos. Pero cando o fas é porque confías un chisco neles e porque cres e pensas que poden cambiar o mundo. Logo descobres que aínda escarvan máis na ferida. E canto máis gangrenada está, máis se aproveitan eles da nosa dor. Un pobo gangrenado non ten espírito de reacción. Sempre se dixo que as feridas cicatrizan. É verdade. Pero as gangrenas sempre cheiraron a podre. Só os vermes se manexan ben por entre a gangrena. Nós somos a gangrena; eles son os vermes. A rabia asoma, pero seguimos apandando.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 7 de febreiro de 2013

viernes, 8 de febrero de 2013

ADESTRAMENTO ESPECIAL



              Pola fiestra vense as nubes de cor laranxa que, por pouco que te despistes, xa tornaron a unha tonalidade moito máis clara; é a causa do sol que vai caendo polo poñente. Agora mesmo, a maioría das nubes que alcanzo a ver xa son de cor gris, tan só a esquiniña dunha segue a ser laranxa. A risa dun neno acouga sobre un globo azul e viaxa cun bambán cara á nube esa á que aínda se lle debuxa o resplandor do sol. Mentres contemplo o disfrace de señorita nun neno infantil do ABO, xa todas as nubes son grises por completo e incluso a escuridade quere asomar xa por ese cacho do ceo que contemplo. Mentres o meu rapaz, que vai de indio harapahoe, é o punto neurálxico dos seus compañeiros grazas ao móbil que ten sobre a mesa. Hoxe, en vez de adestrar, atenden á semifinal da Copa do Rei de baloncesto entre o Barça e o R. Madrid. Tamén este é un bo adestramento. As nubes xa non teñen cor. É noite.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 7 de febreiro de 2013

miércoles, 6 de febrero de 2013

O PACIFICADOR DA VILA



              Un revólver na cartucheira. Unha man que colle a cartucheira. É a man de Estebo Loboso Williams, do que din que é o pistoleiro máis rápido de máis alá do río Arnoia. Estebo Loboso sae da taberna e diríxese moi amodo cara ao seu cabalo Corre Poldro Corre. Acaríñalle a crin e dun chouto enérxico, limpo cae sobre a sela de montar e colle camiño da rúa Principal de Entreloríos, a cidade sen lei deste lado do río Arnoia. Non obstante, hai xa uns meses que Estebo Loboso Williams conseguiu pacificala con catro tiros ao aire e unha panda de espantallos entre rexas. A todos os bandidos e alborotadores chegoulles con ver a cara de Estebo Loboso e a forma de colgar na cintura a cartucheira para saber que ese home non gastaba bromas. O alcalde, o cura e o taberneiro nomeárono axiña o pacificador da vila, antigamente coñecido como shérif; si, nos tempos do salvaxe Oeste, de cando o río Pecos non era o Arnoia.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

lunes, 4 de febrero de 2013

CONFERENCIA CON TÍTULO RETORCIDO



              Chove sobre a rúa que asoma tras o cristal. E Lorenzo Reitorto Gracioso contempla as baldosas da beirarrúa, molladas. Incluso ve unha medio levantada que está á espera de que a pise alguén para luxarlle o pantalón ou as medias. Lorenzo Reitorto Gracioso raña a cabeza e pensa na súa dona Margarita Clavel Jardinera. Leva tres días que non a ve. Marchou a Molina de Aragón a unha conferencia sobre o “Xantar na culler cando hai fame”, que segundo lle explicou a el seica versa sobre o brillo nos ollos daqueles que están famentos e ven a culler chea de comida. De todas formas, Lorenzo Reitorto Gracioso pensa que hai sermóns ben retorcidos, polo menos no título. Bota de menos á muller. Ten ganas de lle pegar uns bicos con sabor a fabada ou a lacón con grelos. Os beizos cunha pizquiña de sal do lacón e da acidez dos grelos derrétense nun pequeno orgasmo de pracer. Pola noite xa pode abrazar a Margarita Clavel Jardinera.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

domingo, 3 de febrero de 2013

LOGO DO TRONO, ASOMA O SOL



              A que está caendo! Frase que serve para diversos asuntos. Agora mesmo, venres, para a chuvia que cae sobre Ourense. Pero, para este relato, a tal frase serve como escusa perfecta para a política que nos toca estes días. Perdón, rectifico; uns non teñen porque pagar polos outros, aínda que son dos que penso que todos, máis ou menos, son iguais ante o poder e os cartos. Rectifico porque a política, hoxe, é tan só o Partido Popular, ese grupo de persoas que son sinónimo de honorabilidade, honradez, compromiso e bo estar co cidadán español. Claro que é un dicir! Faltaría máis! Falando claro, é unha auténtica burla! Non teñen nada de nada, e moito menos nada deses tres adxectivos. O de dicir que dimitan é unha carallada porque sei que non farán caso e porque sempre quixeron ser máis chulos cós demais. E como a xustiza é súa, xa se sabe, logo do lóstrego, despexa o ceo e logo do trono, asoma o sol. Estou por apostar que están estudando a posibilidade de prohibirnos pensar, como nos prohiben entrar nos Parlamentos, e incluso nos botarán a culpa declarando que ao votalos dámoslles carta branca para facer e desfacer ao seu antollo. A que está caendo! Tranquilos, logo escampa. E os sobres seguirán circulando de man en man.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

viernes, 1 de febrero de 2013

A PINGA VIAXEIRA



              Quixo a pinga de auga ser viaxeira por unha avenida do campus universitario, pero atopou máis obstáculos dos que imaxinaba. O primeiro, é certo que o resolveu sen dificultade e incluso con parsimonia; atopou unha folla de carballo e tan só impactou contra o seu pecíolo. Mais axiña soubo que o seguinte obstáculo sería difícil, moi difícil. Viu a roda dun coche e sen opción de salvala. Chocou contra ela, pero non rebentou. Tivo que esperar un bo cacho a que chegaran outras gotas para formar unha pequena ancorada e así poder seguir viaxe polo lateral esquerdo. Desexaba xa un sumidoiro para perderse nas augas das canalizacións ou un campo no que acocharse entre as herbas e darlle de beber ás raíces. Non tivo esa sorte, pobre pinga de auga; a bota dun pé humano caeulle enriba e xa quedou feita un cisco en pleno asfalto. Non tardou en secar.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

MALDITA COSTA DA GÁNDARA!




              “Espérame na cafetaría, que xa vou”. E como os seus desexos son ordes, xa estou na cafetaría do pavillón dos Remedios esperando á muller. Ela anda polo centro e eu acabo de chegar da aldea, onde andei quitando vides e espichando estacas. Levo máis dunha semana cravando estacas. A Costa da Gándara non se acaba nunca. Claro que tan só vou polas tardes. E non todas. As que non vou é porque o tempo climatolóxico non axuda ou porque, sinceramente, ás veces non apetece. Aínda que isto, no fondo, é unha parvada, xa que o traballo, máis cedo ou máis tarde, haino que facer igual. Os sábados son cando realmente se pode traballar algo máis, pero, arre demo!, xa levamos uns cantos que os rapaces teñen algún partido de baloncesto ese día; se non é un rapaz e o outro. Este último sábado tiven que perder o partido do máis novo porque a maldita Costa da Gándara me reclamaba. Entra a muller. Xusto a tempo. Punto final.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 31 de xaneiro de 2013