sábado, 30 de marzo de 2013

Á GRAN CAPITAL



              Cando ergueron da cama, rompía o día. Isabel Gafas Coello e Aurelio Ruído Laverca madrugaron porque acordaran ir á capital de Galicia. Non era por asuntos importantes, pero semella que alá non hai as cousas de acá. Xa se sabe, categorías de capitais; a de acá, unha simple capital de provincia e a de alá, unha capital de toda unha comunidade. Os dous almorzaron en silencio para non espertar aos veciños. Hai que dicir que era sábado, e os sábados, este matrimonio, non adoita madrugar moito. Hoxe si o fixeron porque foron á gran capital. Quen fixo de piloto foi Aurelio e Isabel ía de copiloto para criticar os fallos daquel. Ás veces, ganas tiña Aurelio Ruído de frear o vehículo, baixar e deixar que fose súa dona a encargada de conducir. De conducir por unha autoestrada mollada e, polo tanto, abondo perigosa. De aí que Aurelio Ruído Laverca fose a modiño para a gran capital.

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 30 de marzo de 2013

UNHA FOTOCOPIA DE XESUCRISTO



              Creo que tan só son tres veces ao ano. Pero suficientes como para deixarme baleiro, para sentirme fatal. O día de Nadal, o día de ano novo e o sábado de paixón. Paixón si que é a que teño eu cos xornais. E non poder lelos nesas tres datas é como quitarme un cacho de vida. É certo que nesas tres datas non madrugo para decatarme das novas que hai polo mundo adiante, pero aínda así procuro lelos antes de xantar. Sei que canto máis corra o tempo, menos ansias teño de lelos, porque, quéirase que non, as noticias penso que hai que lelas acabadas de cocer, ao momento mesmo de sacalas do forno. Para un servidor, o pan fresco é cando máis rico me está. Emporiso, eses tres días non me importaría ler os xornais ás tantas da noite; o caso é saber das cousas. Máis vale tarde que nunca. Odio esas tres datas! Sinto polos xornalistas, que tamén merecen os seus descansos, pero… Pero a miña úlcera é a que sofre as consecuencias dunha ladaíña, dunha inercia, dunha costume, dunha ansia que me mantén vivo cando sei que á media mañá xa me decatei da maioría dos asuntos que aconteceron no mundo o día anterior. Este sábado de paixón fun unha fotocopia de Xesucristo… penei por unhas letras impresas nuns grandes papeis. Sentinme fatal!

              Finca Fierro. Sábado, 30 de marzo de 2013

jueves, 28 de marzo de 2013

NO ALTAR DA NOSTALXIA



              Xa sabía eu que o loureiro non deixaba recordos polas corredoiras nin o merlo sentía morriña dos tellados de uralita. Ás veces é bo que o río Arnoia desborde para limpar toda a porcallada que se xunta ás súas beiras, como tamén asubiar un tango por entre os amieiros da Pitediña. E poño a Baños de Molgas no altar da nostalxia. Xa sabía eu que o ritmo acompasado dunha banda sonora viaxa pola autoestrada da conciencia, mentres o xílgaro pousa no peitoril da ventá e espera a que luz duns ollos brillen ao outro lado. Hai estampas que forman arcos da vella pola media mañá e hai lenzos que colgan na memoria dos tempos. Ás veces é bo que o monte Medo cambie de fisionomía, como tamén bailar unha mazurca sobre unhas xestas de Barricobos. E poño a Baños de Molgas no presbiterio da morriña.

              Finca Fierro. Xoves Santo, 28 de marzo de 2013

domingo, 24 de marzo de 2013

ESCOITANDO BANDAS SONORAS



              Na noite de domingo de Ramos, a chuvia cae con forza sobre a rúa na que vive Lucrecia Candelabro Espinosa. Pero a esta non lle importa que chova a mares. Ela está cos seus auriculares escoitando bandas sonoras cinematográficas. É das poucas mulleres que gozan coa música de cine. Agora mesmo escoita un longo tema da película “Batman”, que compuxo Danny Elfman. E hai un cacho escoitara a banda sonora de “A batalla das Ardenas”, composta por Benjamin Frankel. Lucrecia Candelabro Espinosa está xa un chisco aburrida de estar pechada na casa. O día non foi moi propenso para saír. Tan só polo medio da tarde marchou tomar un café para ler un par de xornais. Agora, noitiña xa, está á espera de que asome algunha película pola televisión. Pero mentres non acontece, segue ao seu… escoitando outro tema, agora, de “Batman Begins”, de Hans Zimmer.

              Finca Fierro. Domingo, 24 de marzo de 2013

sábado, 23 de marzo de 2013

AOS TOXOS



              Xosé Oriol colleu a gabardina por se chove. Soltou as dúas vacas que están presas na corte e xa na rúa fixo que se aliñasen para xunguilas. Primeiro unha mulida sobre a testa da Garbosa. Logo a outra mulida sobre a testa da Turina. Aquela, ao querer tornar as moscas, mandou a mulida ao chan. Xosé Oriol berroulle xa algo cabreado e volveulla colocar sobre a testa. Non lle deu tempo a que a tirase outra vez; como tiña o xugo agarrado xa coa man dereita, colocoullo axiña sobre as cabezas. Coas sogas atoulle as mulidas aos cornos provisionalmente para, despois, apertar e atalas xa ben. Sabe que, se o xugo vai frouxo, as vacas tiran mal do carro e incluso poden desatarse e caer ao chan o pinallo deste, do carro. Cando xa as tivo xunguidas, Xosé Oriol dedicouse a coller o almorzo e un libro para ler polo camiño. Tiña que ir aos toxos ao monte Medo e había que percorrer uns tres quilómetros, case unha hora de traxecto, tempo suficiente para ler abondo. Apuxo as vacas ao carro. Co temoeiro envolveu o pinallo ao xugo, ou sexa, atouno. Ale, veña, imos alá!, berroulle ás vacas. E foron.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Xoves, 9 de agosto de 2012

viernes, 22 de marzo de 2013

UNHA BOA EXPOSICIÓN



              Moitas veces falamos da pouca fervenza cultural existente nas cidades pequenas e facemos voar a imaxinación para Madrid e Barcelona. Emporiso, algunha que outra vez cae unha ou dúas ou tres exposicións en Ourense que valen por media vida cultural neste pequeno recuncho xeográfico. Acabo de asistir a unha de pintura titulada “Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936”. No centro social Novacaixagalicia. Cadros de Castelao, Ovidio Murguía (fillo desa parella mítica chamada Manuel Murguía e Rosalía de Castro), Álvarez de Sotomayor e Alfredo Souto, entre outros. Cadros que amosan as paisaxes, as costumes, as vidas da nosa xente. O período abarca desde o asomo dunha nova sociedade liberal ata a boca do negro túnel de 1936. Aquí rematou a boa arte galega. Coa Guerra Civil remataron todas as artes e toda a cultura de Galicia. Houbo que buscala e facela fóra. Negrura dun longo túnel. Levaba tempo sen ver unha boa exposición. Esta creo que cumpre.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 20 de marzo de 2013

jueves, 21 de marzo de 2013

NO CAMPO DE BATALLA



              Dispara, que aínda quedan moitos vivos. E Lucino De Dios Chaodarcas colleu a súa metralleta ou máquina, abriulle a boquilla e cuspiu sulfato ZZ ou Vitán ou Cruzate para aniquilar, para extinguir aos escaravellos que lle estaban comendo as patacas. Algunhas das plantas xa tan só tiñan os talos; pódese dicir que estaban completamente espidas. Non obstante, por confianza e por desexo, Lucino De Dios Chaodarcas esperaba chegar a tempo para salvar a plantación. Durante todo a tarde disparou e o campo de batalla da Pedradarca encheuse de cadáveres e de feridos que acabarían afogando, que acabarían morrendo. Lucino De Dios Chaodarcas cargou a súa máquina de cor azul con ducias de litros de auga mesturada con sulfato ZZ ou Vitán ou Cruzate ata que ganou a guerra, esa guerra. Agora quedáballe outra no Piual ou na Lagoa ou no Pontón ou na Cortiña ou no Xeixal ou na Pedrosa. Lavou a metralleta ou a máquina para o día seguinte.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 20 de marzo de 2013

APAGÓNS EN MACEDA



              De escándalo o que acontece no concello de Maceda, ou polo menos na vila de Maceda. Hai máis dunha semana na que a luz falla cada dous por tres, ou sexa, un día si e outro tamén, é dicir, pola mañá e pola tarde. E non son cortes de luz que duren pouco máis de dous minutos; ás veces van máis alá de media hora. E xa podes estar manipulando no ordenador que, non hai tu tía, alá vai o burro coas noces... volta a empezar co traballo que estabas facendo. Xa podes estar desesperado pola falta de luz (a xente na cola dos bancos, os funcionarios con expedientes abertos, os dos negocios con aparatos que non funcionan), que un servidor aínda non atopou ningunha queixa en ningún medio de comunicación. Ata empezo a dubidar se algún organismo municipal lle cantou as corenta á compañía eléctrica. Aínda que a esta daralle igual. Esta tan só se altera se te pasas un día sen pagar. Mexan por encima de nós e temos que dicir que chove. Bendito Castelao!

              Maceda. Mércores, 20 de marzo de 2013

miércoles, 20 de marzo de 2013

A FROITEIRA



              A pomba pousa na soleira da xanela e Alejandra Asubía Méndez fai intención de ir cara a ela. Pero non lle dá tempo nin de erguerse da cadeira; a pomba emprende un voo medio asustado. Alejandra Asubía volve entón á súa lectura, mentres espera a chegada do primeiro cliente. Vende froita cun horario que vai desde as nove da mañá ata as nove da noite. Doce horas. Sen descanso. Xanta incluso nun cuartiño que ten ao fondo da tenda, pero pendente da porta da entrada. A vida dá tantas voltas que Alejandra Asubía Méndez pasou de vivir máis de trinta anos sen mover unha palla a non pisar para nada, agora, a súa casa por culpa dun paupérrimo traballo que nin lle dá para as fins de semana, pois o domingo dedícao a manipular nos produtos da tenda. Entra un cliente. Dedícalle un sorriso e espera.

              Maceda. Mércores, 20 de marzo de 2013

lunes, 18 de marzo de 2013

A SOMBRA DA LÚA



              Risa de camaleón no momento de choutar de tellado en tellado. Fungar de gato cando a noite chega a Baños de Molgas e os grilos asubían desde un buraco a ras do chan. Corre a sombra da lúa polas rúas da vila e o ruxerruxe dunha verza golpeando contra un canastro semella a ladaíña de irás e non volverás. Irás a Vazcobaz e alí quedarás. Quere o vento ser peregrino pola inmensidade do Medo, pero un caxato de codeso quéixase de dor ante o fío dun fouciño. Hai gavelas de toxos que completan un carro e hai carros de leña que se queiman na lareira. Choro de can no soño dun neno e coitelo que cae de punta no peor pesadelo. As noites de inverno son para lanzar ouveos que espanten o medo. Hoxe quero ser moucho de ollar sereno e son toxo comido polo burro do muiñeiro. A sombra da lúa acocha entre dous palleiros e penso que é o momento de que o sono baile sobre un dedo.

              Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 17 de marzo de 2013

POBRE BAGAXE CULTURAL



              Demasiado forte para un servidor o asunto das oposicións en Madrid para maxisterio no seu nivel básico. Preguntas que debería de contestar perfectamente un neno de 12 anos, non o fai un adulto que ten que ensinar precisamente a nenos. Que suspenderan o 86% dos presentados deixa ben ás claras a bagaxe cultural do noso país. Despois xa asomou o debate sobre a auténtica educación en España, sobre o deixamento do propio ministerio de Educación pedindo que se afrouxe a man para evitar problemas con pais e cos propios alumnos. Os mestres afrouxan a man e os cativos chegan ás universidades cun alto tanto por cento de ignorancia. Un catedrático chegou a dicir que non tiñan por que saber certas preguntas. Certo; que non saiban por onde pasa o río Arnoia, o Bibei e incluso o Sil, tampouco é un gran pecado, pero que digan que o Ebro e o Guadalquivir atravesan Madrid, iso xa non clama ao ceo, senón que merecen o auténtico desprezo deste servidor. E así seica moitas preguntas máis. Falta moita lectura! Direino sempre.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 16 de marzo de 2013

sábado, 16 de marzo de 2013

A PALLEIRA VELLA



              Baixaba pola rúa da Igrexa todo parsimonioso e asubiando un éxito musical baixo unha espesa néboa. Cando Olegario Nocedo Rouco chegou á altura da súa palleira vella, viu esta aberta de par en par. A verdade é que a tal palleira estábase convertendo nun vertedoiro e o teito deixaba ver unha inmensidade de ceo. Non obstante, nela aínda había uns cantos carros de herba seca que chegaba incluso ata a gran trabe que suxeitou un suposto tellado. Pensou na súa época de rapaz, de cando descargaban alí toda a herba dos lameiros e de todos os topos que se daba contra a trabe por calcar a herba para que collera aínda outro carro máis. E así, carro tras carro. Así, topo tras topo. Olegario Nocedo Rouco trepou, emporiso, polo risco que aínda había na herba e tombouse cando chegou ao pequeno oco que había xunto á trabe. Furgou para a parte de atrás e foi caer á palleira pequena. Que tempos!

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 16 de marzo de 2013

FUXIDA MUNICIPAL EN BARBADÁS



              Hai que recoñecer que existen arroutadas que deixan a un coa boca aberta. Aconteceume o sábado pola mañá cando vin a nova deste xornal relacionada co plante municipal do alcalde de Barbadás e do seu equipo de goberno. Seica non durou nin dez minutos o pleno no que se pedía a súa dimisión. Agora que a culpa é da oposición: por non ler os meus relatos. Mira que non levo escrito que non se lles pode dicir nada, que se cabrean e que se revolven coma feras. A quen se lle ocorre pedir a dimisión dun alcalde que ten maioría absoluta e que, polo tanto, votan e, claro, fan e desfán á súa maneira. Pobre oposición! Xa o di el: “son uns incompetentes”. Normal, non lles deixan dicir nin chío. Incluso, nese pleno, o PSdeG non puido intervir… porque os acusados fuxiron máis rápido que á présa. Agora haberá que estudar se iso é legal; o de non deixar intervir á parte da oposición. Estou por apostar que non o é, pero, ai as ditaduras absolutas! Perdón, quixen dicir as maiorías absolutas. A súa actitude non creo que deixe un bo pouso na sociedade de Barbadás. Co fácil que o tiña; deixar falar á oposición, votar e ganar. Así de sinxelo. Pero deixar a alguén coa palabra no boca é de mala educación. Non entro no tema que se trataba, pero erguerse nun pleno (que se entende que é a representación de todo un pobo) e fuxir (tendo con que defenderse) iso non creo nin que o acepten ben os seus propios compañeiros de partido.

              Café Oren Express da Valenzá. Sábado, 16 de marzo de 2013

jueves, 14 de marzo de 2013

POR ISO É O PROTAGONISTA



              Cándido Romero Matalascalles contempla o partido de fútbol na televisión, pero non o ve; a súa mente está na cancha de baloncesto dun pavillón calquera onde o seu rapaz xoga un partido imaxinario. O resultado é tan axustado, tan axustado que precisa dunha tripla para que o equipo do rapaz de Cándido se leve a vitoria. O noso protagonista raña a cabeza, empeza a asubiar un famoso tema de Morricone e mira cara ao seu fillo Miguel Romero Ladairo. Quedan dez segundos. A posesión do balón é do equipo de Miguel. Como Cándido Romero sabe que en dez segundos non afoga, contén a respiración. Por un casual (ou por favorecer ao protagonista do relato), o balón chega ás mans de Miguel. Tres segundos. Os ollos coma pratos de Cándido. O balón no aire. O balón que baixa. O balón que entra na canastra. As bágoas que caen dos ollos de Cándido Romero Matalascalles. De algo lle tiña que valer ser o protagonista do relato. O seu fillo é un heroe.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 13 de marzo de 2013

MALA ÉPOCA



              Xa me empezou a época das dores de cabeza, de traballar en tensión, de achicar, de engurrar os ollos. As leiras, as malditas leiras son as causantes destes males. Lendo e escribindo áreas e máis áreas. Porque en Galicia, en boa parte de Galicia, é case imposible ler cantidades de medida en hectáreas. Entón, claro, para completar unhas cantas hectáreas para unha certa subvención, hai que sumar moita área de cristo, hai que anotar no ordenador moita leira de deus. Logo, para máis aquel, está o propio programa do ordenador, que, “algún listo” deseñou para fundirche os ollos. Os cadros sobre os que se asentan os números teñen un fondo gris, pero cun deseño moi raro; tanto que hai que adiviñar, por exemplo, se o que hai escrito é un 6 ou un 8. Despois, se erras en algún cadro, para volver a el, hai que eliminar unhas mensaxes parvas que asoman sempre. Por moito que me guste traballar en tensión, recoñezo que, hoxe, é unha mala época para facelo.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 13 de marzo de 2013

domingo, 10 de marzo de 2013

TEÑEN E DANLLE



              O que máis ten, máis quere. Ao que máis ten, máis lle dan. O parque móbil de Galicia seica ten 405 vehículos para que os que teñen o soldo máis grande vaian, de balde, traballar. Moitos tamén imos traballar todos os días, non temos choferes e pagamos relixiosamente a gasolina. Algúns dos grandes xefazos da nosa terra teñen incluso dous coches á súa disposición, porque teñen máis dun emprego. Despois, nos mitins e nas grandes promesas electorais falan de austeridade, de levantar entre todos o país e de colaborar con Facenda. Rotas as promesas, o paisano de a pé vai ao paro e aos funcionarios báixannos os soldos… para que paguemos a gasolina que sobe cada vez máis. Logo, claro, revólvense coma feras se lles dis algo en contra, usan a censura ou intentan rectificar os erros con Facenda. De todas formas, botarannos a culpa de non ter nós máis coches ou de ganar pouco porque non traballamos. Así son os mandamáis do noso país.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 10 de marzo de 2013

O CALDO DE GRELOS



              Logo de soltar a gargallada, Eliseo Tostado Recanto pensou no caldiño de grelos que cearía esta noite e, de súpeto, preguntoulle ao seu paisano Inocencio Galgo Podenco cal era o seu prato favorito, a comida pola que devecía. Inocencio, que estaba discutindo con outros paisanos sobre o baile na punta dun dedo, mirouno de mala maneira e soltoulle un qué queres, oh!? Eliseo nin se inmutou, pero cuspiulle todo un tratado sobre os grelos. Cando Inocencio Galgo cansou de oír as andrómenas do seu amigo, mandouno para o nabo de Lugo. Eliseo Tostado pediulle que non se cabrease e incluso o invitou a cear na súa casa o caldo de grelos. Este rexeitou a oferta dicíndolle que só lle gustaba o repolo. Eliseo Tostado Recanto sorriu; por medio dunha reviravolta conseguira que Inocencio dixera o seu prato favorito. A el tamén lle gustaba moito o repolo, pero hoxe cearía caldo de grelos.

              Cafetaría do pavillón Paco Paz de Ourense.
Xoves, 7 de marzo de 2013

PODER RELIXIOSO, POLÍTICO E CLIMATOLÓXICO



              A maiores do caso Bárcenas e da corrupción que impera e imperará no noso país, a semana deixounos algunhas novas dignas de salientar. Por exemplo, daría todo un mundo por ser testemuña do que acontece na curia romana para o nomeamento do novo Papa. Ten que haber aí unhas guerras internas que nin o cine sería quen de plasmalas. Sempre imaxinei ese recanto relixioso como unha loita de interese, poder e moita maldade, a pesar desa bondade que se lles presupón aos bispos, arcebispos e demais categorías. Como se adoita dicir, aí ten que arder Troia!
Outra nova a destacar podía ser a gran trapallada do PSOE en relación á moción de censura en Ponferrada. Meteron a para ata o fondo. E non vale que agora digan que erraron nos seus primeiros apoios ao novo alcalde. Seica boa parte da sociedade leonesa sabía o que ía acontecer, e o PSOE lavándose as mans. Todo polo poder!
E xa para rematar, dignas de mención son as espectaculares imaxes dos tornados e as trombas mariñas que atacaron o sábado a costa atlántica galega. Hai que recoñecer que vivimos nunha terra privilexiada. Temos de todo; ata no mesmo día cheguei a ver neve, sol, auga, xeada e vento, por suposto.

Finca Fierro. Domingo, 10 de marzo de 2013

sábado, 9 de marzo de 2013

SONS DA NOSTALXIA



              Asubía o aire, renxen as rodas dun coche, ruxerruxe un ascensor e a frase da película non chega ao oído do espectador. Ha películas que contan toda unha historia nunha simple frase e tamén as hai que tan só teñen de bo esa frase. Logo, para máis aquel, se a perdes, se non a oes, morra o conto, como se adoita dicir.
              Asubía o aire, canta o eixe dun carro, funga un gato desde o alto dun tellado e os ollos que se pechan mansamente porque, o sono, ante ese bambán de sons, penetra no corpo do mesmo espectador. Hai guións de películas que non atrapan e, pouco a pouco, déixaste levar pola modorra do desinterese e polos sons da nostalxia. Hai que recoñecer que non é o mesmo o ruído dun coche que o cantar dun carro, nin o ruxerruxe dun ascensor que o runrún dun gato.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 6 de marzo de 2013

viernes, 8 de marzo de 2013

REDACCIÓNS E MOITA LECTURA



              Non só invadimos o idioma castelán con termos anglosaxóns, que incluso empezamos a non usar as sangrías despois dun punto e á parte. En España cada vez se escribe peor. Si, poida que por culpa da tecnoloxía, pero tamén un pouco polo deixamento dalgúns profesores. Antigamente, estes suspendíante por unhas faltiñas de nada, ou a aqueles que peor se lles daba a linguaxe obrigábannos a facer redaccións e máis redaccións. Agora, uns por medo ás protestas dos alumnos e, outros, porque ven que se en tal ou cal materia non penalizan ao alumno que comete as faltas de ortografía, “por que lle vou baixar eu a nota”. Hai pouco fíxose un estudo e escribíronse cousas como para levar as mans á cabeza... hangulo por ángulo, haber por a ver, wapo por guapo, revólver por revolver (sobre a ignorancia e a utilidade dos acentos xa escribín varias veces). Outro dato: nunha proba de ortografía para unha oposición de policía tan só aprobaron 17 de 168! Un espanto! Hai que educar aos rapaces con redaccións e moita lectura.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 6 de marzo de 2013

jueves, 7 de marzo de 2013

UN HOME MOI OCUPADO



              A Valeriano Esparza Azucarillo acumúlanselle as novas para contar, pero resulta que non ten tempo para escribilas. En cada periódico que leu (catro), asomaron tres ou catro noticias que lle deron unhas cantas ideas. Pero non acadou un oco para plasmalas no papel. Valeriano Esparza Azucarillo é un home moi ocupado; polo seu propio traballo (ese que ten que levar a cabo para o sustento da súa familia) e polas viaxes que ten que realizar, levando precisamente a súa familia de aquí para alá e de alá para acá. Entre volta e reviravolta pensa na procedencia do apelido de súa nai. Polos contos dos seus familiares máis antigos, Azucarillo vén de cando todo era amargo. Por iso el pensa, libremente, que algún familiar da súa nai foi o inventor deses envoltorios que acompañan, por exemplo., aos cafés. Valeriano Esparza Azucarillo déitase coa tristeza rabuñándolle a alma porque non puido deixar caer as ideas que se lle ocorreran. Outro día será, amigo.

              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 6 de marzo de 2013

domingo, 3 de marzo de 2013

AS RODAS



              Xa sei porque se moven as rodas dun carro das vacas, ou as rodas dun coche. Porque rodan. Rodan incluso costa arriba. Costa abaixo xa as hai que frear. No coche, pisando o freo. No carro das vacas, dándolle un toqueciños na fociñeira dos vacúns e soltándolles a ladaíña “quietiñas, oh, quietiñas”. As rodas, cando rodan, avanzan metros. Dá igual que sexa para arriba ou para abaixo, para adiante ou para atrás; elas avanzan. A verdade é que as rodas quietas non resultan. As dos coches mételas nun garaxe e só crían po. As dos carros mételas nunha palleira e axiña se cobren con feixes de herba, de palla ou con mangados de leña. As rodas quietas non resultan. As dos carros, menos. Se o eixe do carro deixa de cantar… malo!; alá van as leiriñas ao abandono. Así é que, rapaz, pon o xogada ao carro e xa verás como o movemento se demostra andando… e rodando. As rodas móvense porque rodan.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de marzo de 2013

SON MOI RIQUIÑOS, PERO…



              “É moi duro suprimir a liña [do ferrocarril] porque os escasos usuarios e concellos polos que discorre merecen todo o cariño, pero non se pode manter”. Palabras da senadora do PP Carmen Leyte. Sodes moi riquiños e moi boíños, pero…, pau que te criou! O asunto versa, por suposto, sobre a supresión da liña ferroviaria que une Ourense con Sanabria. O PSOE presentara unha moción a favor desa liña, e a pesar de que toda a provincia de Ourense a apoiaba (ata a propia Deputación!), o Partido Popular (faltaría máis) botouna para atrás… con moita peniña, porque eses concellos polos que transcorre e eses veciños aos que lles afecta son tan riquiños! Claro que a culpa é do PSOE, “que deixou unha España arrasada”. Estes do PP sempre teñen unha bala na recámara. Pasarán varias lexislaturas e as culpas sempre serán dos outros (PSOE, BNG, CiU, etc.)

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de marzo de 2013

MEDO PARA OS QUE SE QUEDAN



              A maioría das aldeas empezan a estar medio despoboadas, porque a xente, principalmente a xuventude, sae a buscarse a vida ás cidades e, agora, incluso xa a outros países. Realmente unha pena. Pero tamén é unha pena moi grande o que lle acontece aos que se quedan, a esas persoas maiores, indefensas que, co paso do tempo, collen medo ante a avalancha de asaltos e roubos a casas nas que tan só hai anciáns. Agora case non hai un día no que non asome nos xornais unha noticia sobre tal ou cal asalto en calquera aldea medio despoboada da nosa Comunidade, incluso da nosa provincia. Analizando ben o asunto, o malo non está nos roubos, senón no maltrato a esas mulleres e homes que non conseguen tan sequera levantar un brazo para defenderse. Isto si que é o peor. E triste. Penso no medo nocturno desa xentiña e descubro que a nosa sociedade está podre. Podremia que avanza baixo o amparo duns políticos que non saben sacar a este país do descomunal paro que nos asoballa. Falando claro, o obxectivo vai a peor. O dos políticos. O dos asaltos, roubos e maltrato tamén vai a peor. Medo nocturno en anciáns que se quedan sós e que, ante calquera ruído, rezan para que sexa tan só un refacho de aire que moveu a contra da ventá. Medo nas aldeas a medio abandonar.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de marzo de 2013

viernes, 1 de marzo de 2013

DOBRE VARA DE MEDIR



              “Perseguirei ata a fin a calquera do PP que use o seu cargo para lucrarse”, cita do noso presidente da Xunta. E dis ti e digo eu, que non lle chegarán cárceres para tanto corrupto, polo que, hoxe por hoxe, quedaríase sen a maioría dos “seus políticos”. Quere extirpar actitudes corruptas, pero ampara incluso a aqueles que están imputados en procesos de malversacións e demais ilegalidades. Como bo político das dereitas, usa dobre vara de medir. Pon a moral e a honradez como bandeira do bo facer, pero dirixe a música da súa trompeta para aqueles recantos nos que o son sae distorsionado. Son coma lobos; xúntanse en manadas e, en vez de meter o rabo entre as pernas, atacan ás vítimas máis indefensas. E como teñen maiorías absolutas ata se gaban de certas actitudes ilegais. Aínda que a culpa non é deles; xa se viron accións nas que algún imputado é aclamado polo “respectable” ou apupando á oposición. Lóxico que haxa entón corrupcións.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 28 de febreiro de 2013