viernes, 26 de julio de 2013

VOITRES BUSCANDO UNHA GABANZA


              Desde o mércores pasado, desde a hora fatídica non se deixou de falar da bestialidade acaecida nas vías ferroviarias de Santiago de Compostela. Eu mesmo tamén escribín sobre esa auténtica traxedia, e poida que a estas alturas xa esteamos un pouco cansos de tanta calamidade. Pero agora quero pillar, quero analizar ese accidente desde outra perspectiva. Desde unha imaxe que me chocou bastante. Aconteceu ao seguinte día, no Día da Patria Galega (de loito, por certo). Chocoume a imaxe de ver a tanta bandada de políticos achegarse ata o lugar dos feitos. Pensei neses momentos neses mesmos familiares ós que non deixaban achegar ó lugar para interesarse polos seus; e, non obstante, todos eses lampantíns estaban paseando coma Pedro pola súa casa. Entendo e admito que certos personaxes queiran ser tamén solidarios (porque se non o son, axiña lles achacamos tamén a súa falta de presenza en certos momentos e lugares concretos); pero alí, naquela imaxe, víanse ducias de paduanos ós que lle abrían o paso coma se fosen deuses, mentres que outros que querían axudar ou buscar ós seus, empurrábanos para fóra do recinto. Non chegaban con dous ou tres representantes políticos percorrendo o lugar da masacre? Semellaban voitres na procura dunha gabanza.


              Finca Fierro. Venres, 26 de xullo de 2013

jueves, 25 de julio de 2013

DE TRIPAS CORAZÓN


              Sei que teño que fincar os cóbados, pero, sinceramente, non teño ganas. A traxedia ferroviaria en Santiago de Compostela deixoume así como para o arrastre. Hai novas que “acojonan”, que funden. Esta conseguiuno. Pola súa magnitude. Pola súa bestialidade. Polo seu achegamento. Por producirse case no día grande da nosa terra. Ademais, foi desas novas nas que os mortos van caendo coma contagotas. Empezaron con 10 e remataron (no momento de escribir isto) con 80; o que significa que, as cifras, mandábante cada vez máis a un pozo sen fondo. Amigos de Baños de Molgas que, grazas a Deus, se baixaron en Ourense. Rapazas de Xunqueira de Ambía falecidas. Todo suma para que a tristeza aniñe nesa memoria que marca uns feitos, unhas datas. O momento non é propicio para plasmar a dor nun papel, pero polo menos que isto sirva coma unha homenaxe, coma un respecto para esa xente que non acadou chegar ó seu destino. Fixen de tripas corazón e escribín.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 25 de xullo de 2013

viernes, 19 de julio de 2013

MOVEMENTO E SOSEGO


              Teño medo de chamar polo ruído porque pode chegar atado ó silencio. Despois non hai que desate o nó da discordia. Ante o medo de querer o que non se desexa, o mellor é non pedir nada. Que o ruído quede bailando coa algarada, co alboroto e que o silencio acougue na escuridade dun suspiro. Ou dun salouco. A verdade é que o silencio dorme en calquera páxina en branco e chouta entre a soidade e a nostalxia, entre a noite e a melancolía. O peor é que se non chamo a ninguén, eu mesmo quedo en silencio. E ás veces é necesario un chisco de barullo. Para participar. Para botar fóra ese desacougo da nugalla, da galbana. Tanto silencio produce preguiza. E catro berros ben lanzados deixan a un medio liberado e con ansias de volver de novo á quietude do silencio. É o máis bonito que ten este, a calma, a quietude. O ruído é movemento, o silencio é sosego.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 19 de xullo de 2013

A ÉTICA… UNHA PARVADA MÁIS


              O presidente do Tribunal Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos, defende a súa militancia no Partido Popular. Non, home, non; non serías nin imparcial nin crible. Ningún xuíz debería ser afiliado de ningún partido político. Unha cousa son as simpatías e outra moita distinta as militancias. Nunca se é imparcial, nin tan sequera ó máis baixo nivel da sociedade; hai que lembrar o famoso enchufismo, ou amiguismo, ou favoritismo. Ata os propios estatutos dos partidos ou de organizacións adoitan facer cumprir certos deberes, a maiores das cotas que teñas que pagar por afiliado. É certo que non é un crime votar ó PP, como así pensa o secretario deste partido, Esteban González Pons, e tras os ataques que está recibindo tanto Cobos coma o partido pola militancia do xuíz, pero despois, ante unha decisión xusta, sabemos que ninguén se acorda da ética e un afiliado non esquece ou non debería esquecer a quen o acubilla. Non adoitan esquecerse. Por outra lado, temos o da decisión xusta; que nos produce un pouco de risa hoxe en día, pois xa sabemos cómo anda a xustiza no noso país, incluso a propia ética… noutros lugares do mundo, algúns dimiten por trapalladiñas en comparanza coas de España. Aquí, a ética… unha parvada máis. Aquí, a ética consiste en burlarse dela coa escusa dos votos do pobo.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 19 de xullo de 2013

jueves, 18 de julio de 2013

CON DESTINO Ó AUTOBÚS


              Desde a distancia, Uxía Cámara Paderne contempla o autobús na parada e acelera o paso porque ten medo que non chegue a tempo para collelo. Uxía Cámara empeza a abanicar coas mans e coa intención de que a vexa o condutor. Non sabe moi ben por que, pero dálle na espiña que non vai chegar. Isto angústiaa un pouco. A espera dun novo autobús faríaselle eterna. Sabe da impuntualidade dos mesmos. Sabe que vai co tempo xusto para o seu traballo. Uxía Cámara Paderne empeza a correr xa coa angustia no peito. E cada vez bracea máis. Pouco a pouco o sufoco fai que as cores se lle suban á cara. Báilanlle as tetas e a suor xa baña todo o seu rostro. Incluso ata semella que unhas bágoas de impotencia queren asomar nos seus ollos. Oe xa claramente o ruído do motor do autobús. Berra xa a pleno pulmón, cos poucos folgos que lle quedan. Non pode correr máis. Pero chega, respira e o autobús tarda aínda cinco minutos en saír.


              Cafetaría Agarimo de Ourense. Venres, 12 de xullo de 2013

miércoles, 17 de julio de 2013

VAI TI SABER!


              Bochorno no ambiente. Calor que abafa. Nubes brancas que non tardarán en volverse escuras para descargar a treboada. É algo que se nota. Queda rezar tan só para que non faga dano. Coches que pasan. Paxaros que voan. Música que sae por uns altofalantes. Sol acochado. Unha nai e a súa filla pasan pola beirarrúa. Ou unha tía e súa sobriña. Vai ti saber! Este bochorno que se mete nas entrañas fai que a nugalla penetre no entendemento para dicir parvadas. De todas formas, sempre hai alguén que le parvadas. Para lelas hai que escribilas; a de que un contedor de lixo empeza a deslizarse pola rúa abaixo. Certo, para arriba é complicado que rode. Vai ti saber! Pode vir un refacho de vento tan forte que o empurre para arriba. Pode. Pero agora mesmo o bochorno é tan calmo que non se move unha folla. Tan só se moven os coches, ese contedor e a suor que corre e que pinga da pel do autor. Ao lonxe, un ruído xordo. Un trono? Vai ti saber!


              Cafetaría Agarimo de Ourense. Venres, 12 de xullo de 2013

martes, 16 de julio de 2013

FUNDIDO POR PARTIDA DOBRE


              Fundido. Completamente fundido. Fundido por partida dobre. O outro día, a bodega comunícame que este ano non me recolle as uvas. E ao día seguinte, cando estaba na voda dunha sobriña, a saragana, a pedra arrasou por completo a viña. Sempre se dixo que as desgrazas nunca chegan soas. Iso parece. Dous paus que, no primeiro, alporizáronseme as entrañas e, no segundo, ata chegaron a caer bágoas. O da bodega tamén ten o seu aquel… por que non che din ao rematar a vendima que non chas volven coller? Se non atopas outra, déixala abandonada e punto. Pero, agora?, agora co que teño gastado xa, con todo o traballo que levei, coa produción xa non seu punto álxido. Sempre fixeron e desfixeron ao seu antollo. O da sarabia… o da saragana, como diría aquel, son cousas que pasan. Si, pero que te arruínan. Alá foi todo un ano de sacrificio. De todas formas, o luns, fundido fisicamente: houbo que sulfatar para intentar salvar o insalvable.


              Finca Fierro. Martes, 16 de xullo de 2013

sábado, 13 de julio de 2013

DE CONTO A OBRA DE TEATRO


              Morra o conto, dixo Hades Ramallosa Alfombras. E o conto pasou a ser unha obra de teatro. De dous personaxes tan só; el mesmo e o seu amigo Iago Sambesugas Fierro. Sobre o escenario, eles dous sentados nunhas cadeiras. Hades cunha postura ríxida e Ricardo máis relaxado. Sobre a mesa, uns xornais de estilos diferentes, un de dereitas e o outro de esquerdas, como na política. Diso estaban a falar. Hades Ramallosa esbardallaba contra os políticos corruptos que hai no noso país. E mira que son uns cantos, dixo para si mesmo pero en voz alta. “Quen son uns cantos?”, quixo saber Iago Sambesugas. “Os corruptos, amigo, os corruptos; son coma o teu apelido: sambesugas que nos chupan o último sangue que nos queda”. “Non é para tanto, Hades. Sempre se meteu man”. “Ves!, aí está o fallo!. Xa temos a corrupción como unha rutina máis da nosa vida”. Anda baixa o pano, clamou Iago. E xa non hai conto nin obra de teatro.


              Cafetaría Agarimo de Ourense. Venres, 12 de xullo de 2013

viernes, 12 de julio de 2013

O ABANDONO DO PARQUE ANSUÍÑA


              O xoves, día 11, madruguei coa nova do desastre que está acontecendo no parque Ansuíña de Baños de Molgas. Era unha carta dun señor de Ourense que asomou neste mesmo xornal e que se queixaba do abandono, do deixamento dese lugar, emblemático xa, da miña vila. Agora confeso que hai días que por medio dalgunhas redes sociais vin varias fotos dese, efectivamente, abandono que semellaba xa unha xungla. Xa nese momento quixen dar a miña opinión neste xornal, pero recoñezo que me daba un chisco de apuro falar negativamente dese lugar no que nacín, me criei e pasei os mellores anos da vida dunha persoa (son daqueles que di que os lugares nos que un nace quedan para sempre na memoria e producen unha nostalxia que ata chega a doer). Pero non queda outro remedio que, ao ver que a estas alturas do verán aínda segue así, esbardallar en contra do equipo de goberno do concello. E digo deles tan só porque, ao ter maioría absoluta, sei moi ben que aos da oposición non os deixan nin tusir nin muxir. Meus señores, lembren que algúns ata lle chamaron á vila a Venecia ourensá. Lembren que hai moita xente no paro e que as cuadrillas, as brigadas de traballadores teñen que ir moito máis alá dun par de meses anteriores ás votacións. A verdade é que doe publicitar o deixamento que está padecendo Baños de Molgas, pero, a ver se a base de denuncias, a alguén do concello se lle acende a luz.


              Maceda. Xoves, 11 de xullo de 2013

martes, 9 de julio de 2013

CON TINTA VERMELLA


              Entra o aire polo título dun capítulo e asubía por entre as liñas do primeiro parágrafo; logo, acomódase xunto a un pensamento que bailou baixo unhas sabas brancas. Por pouco tempo. Os ronquidos de Viviana Bombillas Sánchez mandan ao garete ese pensamento e a novela transcorre mansamente pola vida desa muller, xa vella, que viviu baixo os efectos dunha posguerra na que se sentiu máis morta ca viva. Viúva moi nova, con catro fillos pequechos, escribiu a súa historia coa tinta vermella do seu sangue nun caderno cheo de ringleiras que estaban torcidas. Fixo versos con palleiros de herba e compuxo música berrándolle a dúas vacas e catro ovellas. Conseguiu estudar aos fillos e, hoxe..., hoxe séntese soa nunha casa grande, de pedra, fría e coa soidade rabuñándolle a alma. Non obstante, sabe que a súa vida aínda lle vai dar guerra a ese diario que imaxina entre as sabas brancas ata que os ronquidos se apoderan dela. Viviana Bombillas Sánchez sorrí e senta na cama a modiño para non espantar os pensamentos.


              Café Agarimo de Ourense. Luns, 8 de xullo de 2013

lunes, 8 de julio de 2013

RECORDOS CRAVADOS NA MEMORIA


              Leite de cabra na charca da Tapada dos Ferreiros e ovos de andoriña no canelón do campanario da igrexa de Baños de Molgas. Ladrido de can deitado nun outeiro de Sudalomba e zigzagueo de cobra por entre os fentos dos Currás. Arde o mundo polo Outeiro Barbeiro e un neno esmirrado xoga co seu can nun lameiro do Río Vello. Quere o vento iniciar a danza do irás e non volverás, pero é a nostalxia a que volve sempre cos recordos que están cravados na memoria. Recordos daquelas tardes de verán. Tamén nas tardes de inverno asubiaba o neno aquelas cancións que lle facían espantar os fantasmas da escuridade e a soidade no monte. Unha das vacas levantaba o rabo en sinal de querer abeirar e o burro deixaba saír uns peidos, unhas ventosidades cada vez que se cucaba. Seguen os recordos cravados na memoria mentres un avión cruza os montes de Pinouzos e do Medo deixando un ronsel branco no que viaxa a melancolía dos anos sesenta e setenta.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 7 de xullo de 2013

PEITO AO ASUNTO


              Está só na terraza porque a xente tenlle medo ás altas temperaturas que están caendo dun tempo para acá. Pero Gabino Glorioso Saburido botoulle peito ao asunto e sentou na mesa que semellaba máis resgardada do sol. Non obstante, os corenta e algo graos que caen así como verticalmente, axiña o fan suar, aínda que estea á sombra. Gabino Glorioso Saburido recoñece que foi unha animalada saír incluso da casa, e a pesar de ser xa as sete e pico da tarde. Tan axiña como abriu a porta do portal notou de súpeto aquela bafarada que case o tira para atrás. Ata lle custou respirar. Botoulle peito ao asunto e percorreu uns cincocentos metros a pleno sol e co afogo, coa asfixia subindo polo seu peito arriba. Suspirou aliviado cando se viu xa na beirarrúa dereita da Valenzá. A sombra minguou un chisco o efecto da calor, pero o traxecto ata a terraza do café foi suficiente para que, ao deterse, empezara a chorrear suor. Agora, para máis aquel, toma o café quente. Este Gabino...


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 7 de xullo de 2013

viernes, 5 de julio de 2013

O CALVARIO DA LENTITUDE


              Hai un sitio no que confeso que me gusta escribir. E outro no que me gusta pensar no que quero contar. Unha cafetaría é o primeiro e a Costa da Gándara, ou sexa, a viña que traballo é o outro. Nas cafetarías, o propio café e o ambiente son os causantes de que teña ganas de usar o bolígrafo. Na viña… na viña teño todo o tempo do mundo para pensar en futuros relatos. O traballo relacionado coa viña non é que esixa un gran esforzo físico (en comparanza, por suposto, co que realizaba antigamente, é dicir, tres vacas e un burro, arados de pau e ferro, fouce e fouciño, sacho e aixada, gadaña e miseria), pero tamén é verdade que incluso aquel, o da viña, e ao ser durante moito tempo, chega a cansar, incluso ás veces é tan sacrificado coma o, chamémoslle, primitivo. Na viña impera máis a monotonía e a lentitude. Na lentitude é onde acontece o meu calvario… os pés. Prefiro percorrer 50 quilómetros andando antes que traballar unha gabia de 50 metros. Prefiro cavar co sacho ou peta antes que atar ou baixar as ramas das vides. Entón, cando a canseira me ataca polos pés, é cando o pensamento de futuros relatos se vai para o carallo. Cando ataca a fatiga non hai pensamento que valga. Ou si… o de rematar axiña con ese suplicio. E non digo xa o día da sulfata. Ese día, a maiores dos pés, asoman pola noite as cambras nas pernas. Alá foron os futuros relatos.


              Cafetaría Menfis de Ourense. Venres, 5 de xullo de 2013

lunes, 1 de julio de 2013

INICIANDO A XORNADA LABORAL


              Arquivadores que amosan números, letras e titulares. Sol que se filtra por entre os buraquiños da persiana. Reloxo que marca as 08.57. A esta hora, racha o silencio o tema “Can´t You Hear Me Knocking”, dos sempiternos The Rolling Stones. Xusta Noitega López deixa que a súa ollada se perda por entre esa claridade deses buraquiños da persiana, pero non ve máis alá dunhas sombras que se debuxan ao fondo. Apoia o papo sobre a súa man esquerda, mentres que coa dereita segue o ritmo musical da canción. Hai temas musicais que te obrigan a acompañalos. Xusta Noitega contempla as tres plantas que ten no despacho e opta por lles botar un chisco de auga. Leva unha semana xusta sen regalas. Pero antes procura unha nova canción no youtube para que o despacho non quede en silencio, para disimular unha acción por se alguén entra. Ao chou escóitase a Amos Milburn cantando “Chicken Shack Boogie”. Xusta Noitega López inicia a xornada laboral.


              Maceda. Luns, 1 de xullo de 2013