miércoles, 30 de abril de 2014

ONDE ESTÁN AS NOVAS EN GALEGO?



 
              Máis dunha vez critiquei ós xornais galegos polo practicamente inexistente uso que lle dan á nosa lingua, principalmente o Día das Letras Galegas, que “pintan” as portadas moi bonitas, pero á volta de folla, o galego xa é auga pasada. Hai uns días achegóuseme Xoel para pedirme uns xornais vellos nos que asomasen noticias en galego para un traballo do instituto. Tanto el como un servidor vímonos negros para atopar algunha. Incluso esa noite tiven que pedir nunha cafetaría exemplares atrasados para ver se así xuntabamos algo. Quizais nas follas de opinión  é o único lugar onde se pode atopar algo, onde algúns, e a pesar dos pesares, aínda nos negamos a deixar a nosa lingua no esquecemento. Xoel necesitaba unha noticia (malo!), un artigo de opinión (algo había), unha reportaxe (si oh!), unha columna (xa!) e unha crónica (tócate o c.!) Que triste que os propios rapaces galegos non poidan desenvolver ben a súa educación na súa propia lingua! Entre decretos, leis, ignorancias, torpezas... atópanse con atrancos que a propia sociedade pon no camiño. Pedras contra o propio tellado.

              Café Bran (ex Viena 17) de Ourense. Luns, 28 de abril de 2014

lunes, 28 de abril de 2014

CARRACHOS E BALDROGAS


              Tarsicio Valente Suárez quedou coa boca aberta e un chisco pasmón cando leu nun xornal que o presidente da Xunta de Galicia aseguraba que non tiña cartos para repoñerlle os soldos ós empregados públicos. O Caracol, que é o nome co que o coñecen na vila, mirou de esguello para os clientes que había espallados pola terraza da cafetaría. Cando atopou a un coñecido, non lle importou levantarse e meterlle o xornal nos ollos para que lese tamén a nova publicada. “Iso é todo política”, replicoulle o amigo. Tarsicio Valente rosmou e cuspiulle non sei que das inauguracións que adoitan acometer todos os papamoscas dos conselleiros e de certas personalidades que, de persoas, non teñen in un miolo de entendemento. “Mira, Pantrigo (así lle chamou ó amigo); todos eles son como carrachos que chupan o sangue das nosas mentes alpabardas”. “Non ten cartos, non ten cartos... e para os seus baldrogas ata é capaz de inaugurar un carballo que leva plantado cento e pico de anos”. Cabreado, O Caracol marchou para a súa mesa.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 23 de abril de 2014

sábado, 26 de abril de 2014

BILBAO-NEW YORK-BILBAO




              O mércores, 23-04-2014 rematei o libro “Bilbao-New York-Bilbao” (2008), de Kirmen Uribe. Que marabilla! Así de simple. Así de sinxelo. Que forma de contar a historia dunha familia! E en tan só 190 páxinas! Ameno. Fácil de ler. E aínda que cambie dun tema para outro, non cansa, simplemente emociona. Como me gustou este libro!

CONTRAPORTADA:

Cando Liborio Uribe comprendeu que xa non podía escapar da morte, pediulles ós seus familiares que o levasen a ver por derradeira vez un cadro de Aurelio Arteta. Anos despois, o seu neto Kirmen está diante dese mesmo cadro, disposto a reconstruír, durante o traxecto entre Bilbao e Nova York, a historia da súa familia: unha historia enraizada na terra, e tamén no traizoeiro mar.

SOLAPA DA PORTADA:

Calculamos os anos que viviu unha árbore polo número de aneis que contamos no tronco. Tamén podemos medir a idade dun peixe pola cantidade de escamas, rastro de feridas leves que laceran a súa pel no inverno pola falta de alimento. O home tamén acumula feridas leves cando crece: as súas perdas. E aínda que, a diferenza das escamas, as perdas humanas son invisibles, tamén deixan un rastro, e poden recuperarse simbolicamente a través da memoria e a escritura.
Kirmen Uribe é, ó mesmo tempo, o narrador e o protagonista desta novela que transcorre durante unha viaxe de Bilbao ó JFK de Nova York, na que a súa memoria percorre a historia da súa familia. Cartas, diarios, e-mails, poemas, museos, dicionarios e cadros convócanse para recrear os fragmentos daquela: a vida dun avó nacionalista e franquista ó mesmo tempo, a penosa existencia dos mariñeiros que viven sen casa en medio do mar, as aventuras e penalidades do seu pai José, patrón do “Toki Argia”… teselas que apuntan a reconstruír un cadro devorado polo tempo: a vida da familia Uribe.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


Kirmen Uribe (Ondarroa, Vizcaya, 1970) licenciouse en Filoloxía vasca e cursou estudos de posgrao en Literatura Comparada en Trento. É autor de proxectos multimedia que combinan a literatura con diferentes disciplinas artísticas e participou en encontros literarios en Europa, Asia e América. Colabora en diversos medios de comunicación, entre eles “The New Yorker”, e traduciu a Raymond Carver, Sylvia Plath, Anne Sexton, Mahmud Darwish e Wislawa Szymborska. En 2001 publicou o seu libro de poemas “Bitartean heldu eskutik” (Mentres tanto dáme a man) que os críticos celebraron como unha “revolución tranquila” na ámbito da literatura vasca. O libro traduciuse ó castelán, ó francés, ó inglés e ó ruso. Tamén é autor de seis libros de literatura xuvenil. A Kirmen Uribe galardoárono co premio Nacional da Crítica e en 2007 foi finalista na elección que o PEN American Center fai do mellor libro de poesía traducido ó inglés en Estados Unidos. Por “Bilbao-New York-Bilbao” acadou o premio Nacional de Narrativa.

HEROES POR CERTOS ACTOS


              Sempre culpo ós xogadores en cuestións arbitrais. Por aquilo de que sempre os intentan enganar. Pero tamén xa teño falado de xogadores legais e conscientes dos seus propios erros. Incluso a algúns os teño catalogado como heroes. Hai xogadores que semellan heroes; e non polo seu xogo en si, senón polos seus actos. (Paréntese para outra clase de heroicidade… aquela na que traballan toda unha temporada para cobrar tarde, mal e nunca, caso do noso Ourense e outros tantos). Sigo coas heroicidades por certos actos. Aconteceu na provincia da Coruña, creo que en Boiro, cando Pedro García, xogador do club desa localidade evitou que un da canteira do Dépor se afogara coa súa propia lingua. O xogador do Dépor B rematara a gol de cabeza, pero non por iso evitara chocar coa testa dun defensa rival. Pedro García, tan axiña como se decatou da acción, socorreu ó seu rival para sacarlle a lingua. Iso son heroicidades e o demais (comportamentos exemplares cos contrarios e cos árbitros, coa xente e cos compañeiros, goles de fermosa factura, caneos inverosímiles, chilenas espectaculares…), digo que o demais son trapalladas. Este mesmo xogador, imaxino que en algún lance do partido, tamén intentaría enganar ó árbitro e se eu o soubese ata o criticaría, pero ante o acto narrado non me queda máis remedio que quitarme o sombreiro e esquecer as súas (presumibles) protestas.


              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 25 de abril de 2014

viernes, 25 de abril de 2014

CORES QUE FAN DANO... DE BONITAS


              Cruza o lagarto a estrada a toda velocidade e agatuña polo muro de pedra. Corro coa cámara de fotos en posición e cando estou a piques de chegar, fago que se deteña o tempo. Dou pasos ó ralentí, a cámara lenta para non asustar ó pobre animal. A verdade é que este non se asusta moito. Dáme tempo a que lle dea dous ou tres clic, clic, clic e incluso a ver como lle falta un cacho do rabo. Un coche ou alguén llo cortou. Pobre lagarto! Pero non teño moito tempo para pensar na súa minusvalía, pois as súas cores ata fan dano nos ollos... de fermosas, de bonitas. A súa cor verde mestúrase coa do campo que está á beira da estrada. Antes de colocar de novo a cámara en posición, xa sabía que ía fuxir por culpa do ruído dun coche que baixaba cara ó canón do Sil, polas terras de Sober. Efectivamente, o lagarto liscou como un lóstrego e eu quedei sen a estampa dunha paisaxe ben pintada. Hai animais que non deberían morrer nunca.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 12 de abril de 2014

jueves, 24 de abril de 2014

OS “MUDOS” DOS PLENOS


              Hai novas que hai que contar unha vez… e máis, e máis, e máis. Sempre dixen que moitos concelleiros, deputados, senadores e demais alpabardas asistían ós plenos para tan só levantar as mans para votar e ganar así, sen traballo ningún, uns cantos ou moitos euros. A mellor proba asomou hai uns días nos xornais galegos cando informaron de que (por fin!, aleluia!, loado sexa o Señor!) Jiménez Morán, o alcalde de Verín, puxo a súa voz a dispor no micro do Senado para falar… logo de dous anos de silencio! Dous anos! O que vén significando que algúns compañeiros pensarían que sería mudo. E, coidadiño!, non será o único “mudo”. Os propios xornais informaron o habitual, ou sexa, o que denuncio sempre: que se tirou dous anos a erguer a man para poder cobrar. Pensade agora en centos de concellos, en máis dunha ducia de autonomías, no Senado e no Congreso. Hai ou non hai carrachos que chupan do bote, do noso sangue?


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 11 de abril de 2014

miércoles, 23 de abril de 2014

COSTA DO SOLPOR




              O luns, 21-04-2014 rematei o libro galego “Costa do Solpor” (2013), de Xosé Mª Lema. A ver, o libro está ben, pero creo que a historia, a aventura que conta podía facelo moi perfectamente en pouco máis de 200 páxinas e non nas 660 que ten, que se fan abondo longas. O que pasa é que, claro, coa escusa da trama, mete por medio todos os ruxerruxes, acontecementos, lugares e nomes de persoas da Costa da Morte. Pódese ler pero é demasiado longo.

CONTRAPORTADA:

Unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…- e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. A novela está ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes de angueiras da vida cotiá daqueles anos.
“Costa do Solpor” comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ó punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ó encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa.
“Costa do Solpor” foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.

SOLAPA DA PORTADA:


Xosé Mª Lema (Bamiro – Vimianzo 1950), catedrático de Xeografía e Historia de E. S. e doutor en Historia da Arte. Membro da AELG, de AGOn e correspondente da RAG. Ten publicacións de temática diversa (historia, historia da arte, etnografía, lexicografía e o (1989); A arte relixiosa na terra de Soneira” (Premio Losada Diéguez de Investigación 1993)… É coautor dos dicionarios de Edicións Xerais: o “Xerais da Lingua” (1985), “Pequeno Xerais” (1989), “Gran Dicionario Xerais” (2000) e do Dicionario dos Nomes Galegos” (1992). En 2010 recibiu o Premio Reimóndez Portela por varios artigos a prol da lingua galega. Desde 2005 preside o Seminario de Estudos da Costa da Morte.

lunes, 21 de abril de 2014

POUCA COUSA


              Mentres os xogadores descansan, un servidor colle o bolígrafo e intenta escribir o que se lle veña á cabeza. Pouca cousa. Porque o partido logo volverá ou incluso, ó mellor, chega primeiro Xoel, que tamén está a piques de entrar na cafetaría. Cando chegue, imaxino que me cribará a preguntas sobre o primeiro tempo dos cuartos de final da Liga de Campións entre o Atlético Madrid e o Barcelona. Aínda que el é do Real Madrid, quere ver a segunda parte para, neste caso, animar ó Atlético. Pois mirade, hoxe ata o animo eu tamén. A ver, se son antimadridista o normal sería que animase ó Barça (só para amolar ós merengues), pero este ano o caso do Atlético é especial; leva todo o ano aí, loitando cos “gallitos” do fútbol español, e oxalá acadara o campionato español e o de Europa. Os minutos pasan, o partido está nun tris de empezar e Xoel de chegar. Mais eu xa cumprín. Escribín pouca cousa, pero escribín, que era ó que ía.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 9 de abril de 2014

sábado, 19 de abril de 2014

ESPAÑA É DIFERENTE


              Coa música de fondo que Ry Cooder compuxo para a marabillosa “París, Texas”, escribo. Escribo que en Irlanda xulgaron ós banqueiros que fundiron a economía, mentres en España estamos a pagar 2.300 euros cada español polas axudas á Banca. Tamén é verdade que se dixo sempre que España é diferente. Home claro! Escribo que non hai quen se meta co PP. A proba tena un garda civil destinado en Bande, que como seica “achuchaba” (legalmente) á deputada Ana Belén Vázquez e ó seu marido (alcalde da vila) con multas por mal aparcamento dos seus vehículos, agora está a piques de ser substituído polo Ministerio do Interior. Pobre infeliz!, a quen se lle ocorre meterse coas dereitas. Mentres a guitarra de Ry Cooder se queixa, escribo que un hotel asturiano actuou de mestre ante a madrileña Esther García recomendándolle non incluír o galego como mérito cando se achegou a buscar traballo. Mais o que me choca realmente da noticia é que o medio de comunicación no que lin a nova non puxese o nome do hotel (quizais por iso da publicidade gratuíta?), pois creo que nestes casos é precisamente cando hai que sinalar ós culpables para que así os demais actuemos en consecuencia, que no caso dos galegos sería, faltaría máis!, facéndolle boicot ó “marabilloso” hotel.


              Finca Fierro. Sábado, 19 de abril de 2014

martes, 15 de abril de 2014

FARTO DE ESTAR FARTO


              Estou farto das guerras e das armas, dos xabarís e dos que fozan nas ideas doutros, do Real Madrid, do Barça e do presidente da Xunta. Estou farto daqueles ianquis que cometen matanzas nos colexios. Farto das ditaduras espalladas polo mundo, que aínda hai unhas cantas. Farto de Mariano Rajoy e dos seus ministros coas súas medidas, de Pérez Rubalcaba e de Rosa Díez. Farto do tema Marta del Castillo e do tema Asunta Basterra. Estou farto de que non me paguen ben as uvas e dos aproveitados neste val de lágrimas. Farto do PP e da corrupción, dos que presumen de españois e dos que odian ós nacionalistas. Estou farto dos que critican ó cine español e gaban á industria de Hollywood. Estou farto do espírito maligno e do ordenador cando se apaga porque lle dá a gana. Dos que critican ós árbitros e dos que ven a corcova allea e non ven a que eles levan. Estou farto do bulebule de Esperanza Aguirre e das pensións eternas ós ex presidentes. Ata creo que estou farto de estar farto.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 9 de abril de 2014

lunes, 14 de abril de 2014

ENFRONTÁNDOSE Ó DEMO


              Quixo o demo meter o can na palleira, pero Sadurniño Derivado Saturno non o deixou. Cun garabullo acenoulle ó can e este marchou co rabo entre as pernas e coa fame no lombo. Sadurniño Derivado sabía porque quería entrar o can. Tiña a palleira chea de coellos e unha ducia de pitas. O can deixaba ver unhas costelas das que fuxira a carne e a desesperación era grande. A verdade era que a Sadurniño dáballe pena o can, pero tamén lle daban pena as pitas e os coellos, amais do traballo que tiña que velar para coidalos. Quixo a demo tentalo a el, a Sadurniño, cuns coiros que tiña colgados dun ferro na parede lateral para darllos ó can, pero sabía que se o facía, o pobre animal non lle ía saír de alí en días. E bastante tiña cos seus propios animais. Así é que, aínda con pena e con certa dor, seguiu acenándolle ó can para que largase de alí. Cando o perdeu de vista, Sadurniño Derivado Saturno riuse do demo.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 7 de abril de 2014

sábado, 12 de abril de 2014

300 EUROS CON CHOFER E ASISTENTA


              Dúas noticias tan só. A primeira versa sobre Luis Bárcenas. A segunda vai sobre Rosalía Iglesias, a muller de Luis Bárcenas. Para que todo quede na casa. Imos coa primeira. Chamado de novo a declarar, o ex tesoureiro do PP confesa que había caixa B en todas as provincias. Non sei por que, pero créoo. E tal como está a situación ata case podo confesar que hai caixa B en todos os concellos, ou mellor dito, en todos aqueles organismos que están a chupar do bote. O partido, agora, é normal que diga que é un mentirán. Penso que nin tan sequera é un esaxerado. Ata poida que se quedase curto. Porén, o PP nin caso; seguen ó seu e sen intención de dimitir ninguén.
Imos coa segunda noticia. A muller dese personaxe… “suízo”, tras o embargo que a xustiza realizou nas súas contas, quéixase de que non pode vivir con tan só 300 euros ó mes. A verdade é que iso nin é paga, nin é pensión, nin é nada. Esta xustiza nosa… Pero se ela non pode vivir con 300 euros, moito menos poderán facelo o seu chofer e a súa asistenta. Enténdese que non lles pagará. Con que? Ó mellor tamén pensa que somos parvos e imos crer iso de que vive con tan só eses euracos e que tanto o chofer como a asistenta lles traballan gratis. Inocente! Perdón, de inocentes non teñen un pelo (ela e o seu home); foron listos de raio, que viven á conta dos pombos.


Finca Fierro. Sábado, 12 de abril de 2014

jueves, 10 de abril de 2014

QUE NINGUÉN SE SINTA CULPABLE


              Rebéntame a cabeza con catro ladrillos vermellos e dous paus de castiñeiro. Despois entérrame no cemiterio parroquial de San Emiterio Crisántomo. Non quero responsos. Nin flores. Quero unha inscrición que diga que o espírito maligno déitase no bulleiro dos camiños. Non quero rezos. Nin recordos. Non me desgusta que alguén acougue sentado sobre a miña tumba. Non quero aniversarios nin lamentos. Quero unha lápida do penedo de Suatorre e unha cruz de madeira dun carballo da Costela. Non espantedes ó can que veña mexar á miña beira. Hai necesidades que a un morto nin lle van nin lle vén. Rebéntame o corazón cunha estaca de salgueiro. E que ninguén se sinta culpable de mandarme a un descanso eterno. Que carallo, despois de morto aínda lle darei guerra a algún can de palleiro, cando empece a furgar na procura dos meus ósos... que aínda albergarán veleno. Rebéntame o segredo da saudade. E que ninguén me recorde. Quero ser un morto na conciencia do esquecemento.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 3 de abril de 2014

miércoles, 9 de abril de 2014

O QUE NON MATA, ENGORDA


              Cae o mosquito no prato do caldo. Honorato Sondaxe Sonda afúndeo no líquido abrasante. O que non mata, engorda. E segue mirando a película “Blade Runner” sen pestanexar. O caldo fumega. Honorato súa. Non sabemos se pola fervura da sustancia ou se pola angustia claustrofóbica da película. A muller quere dicirlle algo, mais ó velo tan concentrado (mascando no caldo e contemplando o filme de Ridley Scott), non se atreve. Honorato Sondaxe Sonda ten arranques violentos. A súa dona sábeo. Pero tamén sabe como domalo. Niso, ata o home recoñece, á fin, que quen leva os pantalóns postos na casa é ela. Por moito que el lle berre ou por moito que se alporice. Polas verzas do caldo asoma outro mosquito máis. Morto, escaldado. E comido, como non. Por Honorato Sondaxe Sonda que volveu afundilo para nono ver. Ollos que non ven, corazón que non sente. Honorato sorrí ante os seus propios pensamentos. Que lle roldará pola cabeza, pensa a súa muller. Porén, non di nada e deixa que o seu marido siga ó seu, ou sexa, a comer sen sentir e a ver a Rutger Hauer.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 2 de abril de 2014

martes, 8 de abril de 2014

IDEAS DE ESPÍRITO MALIGNO


              Amargura. Cabreo. Mal día. Bile na boca. Rabia. Desexos de golpear. Non, non son tan parvo para dar testadas contra as paredes. Quixera golpear a alguén. Pero non me atrevo. Igual me revolven un hostión e me deixan pampo. Si, moita broma, pero hai desexos que rebaixan a un ata a mínima expresión. Agora mesmo recoñezo que teño ideas de espírito maligno. Claro está que... están precedidas por accións ou asuntos que te deixan para o arrastre, accións ou asuntos que doen. Non esperas eses golpes. E cando chos dan, se non tes forza física (como é o meu caso), reaccionas co pensamento traballando a xe revolucións por segundo. Cando chos dan descargas a adrenalina dalgunha maneira; no meu caso, cuspindo palabras sobre o papel. Palabras cheas de rabia, de mala fe, de rancor, malsoantes, de bicho noxento. E desexas de corazón que alguén debería de pagar por esa acción ou asunto, aínda que sabes de antemán que non hai volta de folla: que os crucificados apandamos sempre. Para iso nos crucificaron.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 4 de abril de 2014

lunes, 7 de abril de 2014

O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSEN




              E hoxe, luns, 07-04-2014 rematei o libro galego “O derradeiro libro de Emma Olsen” (2013), de Berta Dávila. Menos mal que tan só son 120 páxinas. Pero, ollo!, tampouco está tan mal. Lese ben, incluso de corrido e punto.

CONTRAPORTADA:

Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela, senón unha crónica en primeira persoa dos anos máis importantes da súa vida, os do final da adolescencia. Escribe para revelarnos unha historia de segredos agochados moito tempo. E por iso regresa a Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda, soterrado, un universo de mentiras e conflitos entre os seus poucos e singulares habitantes.

Esta novela obtivo o VII Premio de Narrativa Breve Repsol 2013.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos libros de poemas “Corpo baleiro” (2007) e “Dentro” (Premio Avelina Valladares, 2008). No eido da narrativa escribiu a novela “Bailarei sobre a túa tumba” (Premio Biblos 2008) e o libro de relatos “A arte do fracaso” (2010), traducido para o castelán e para o xaponés. Recibiu a Premio Johán Carballeira de poesía en 2012 por “Raíz da fenda”.

O XOGO DE RIPPER






              Onte, domingo, 06-04-2014 rematei o libro “O xogo de Ripper” (El juego de Ripper) (2014), de Isabel Allende. A estas alturas creo que non descubro a Isabel Allende, unha escritora que creo que lle gusta moito a practicamente todo o mundo. Eu mesmo recoñezo que teño varios libros dela. Pois ben, este último non me decepcionou. É máis, gustoume bastante ou incluso moito. É deses libros que segundo vas pasando páxinas máis te vai enganchando. O suspense vai in crescendo. Ata se fan curtas as 478 páxinas que ten. Bonita historia policial. De verdade.

CONTRAPORTADA:

<<”A miña nai aínda está viva, pero matarana o Venres Santo a medianoite”, advertiulle Amanda Martín ó inspector xefe e este non o puxo en dúbida, porque a rapaza dera probas de saber máis ca el e todos os seus colegas do Departamento de Homicidios. A muller estaba cativa en algún punto dos dezaoito mil quilómetros cadrados da baía de San Francisco, tiñan poucas horas para atopala con vida e el non sabía por onde empezar a buscala.>>

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

As estrelas sempre din a verdade…

SOLAPA DA PORTADA:

Isabel Allende naceu en 1942, en Perú, onde o seu pai era diplomático chileno. Viviu en Chile entre 1945 e 1975, e residiu durante longas temporadas noutros lugares, en Venezuela ata 1988 e, a partir de entón, en California.
Iniciou a súa carreira literaria no periodismo, en Chile e en Venezuela. En 1982 a súa primeira novela, “A casa dos espíritos”, converteuse nun dos títulos míticos da literatura latinoamericana. A esa seguíronlle outros moitos, todos os cales foron éxitos internacionais. A súa obra traduciuse a trinta e cinco idiomas. En 2010 galardoárona en Chile co Premio Nacional de Literatura e en 2012, en Dinamarca, co Premio Hans Christian Andersen pola súa triloxía “Memorias da aguia e do xaguar”.
Outros títulos da autora:

“A casa dos espíritos”, “De amor e de sombra”, “Eva Luna”, “Contos de Eva Luna”, “O plan infinito”, “Paula”, “Afrodita”, “Filla da fortuna”, “Retrato en sepia”, “A cidade das bestas”, “O meu país inventado”, “ O reino do dragón de ouro”, “O raposo”, “O bosque dos pigmeos”, “Inés da miña alma”, “A suma dos días”, “A illa baixo o mar” e “O caderno de Maya”.

MEDO NO SILENCIO


              Ruído de disparo no silencio da noite. Medo na aldea. Quen anda a facer a guerra pola súa conta? Ouleo de cans para seguir coa inercia do estoupido. Corpos que se arrecunchan nas camas e minutos nos que moita xente deixa de respirar. Ninguén quere facer ruído. Anda o demo buscando algo polas palleiras. Quen é capaz de atopar un sedeño para prender os lamentos? Medo no silencio. Emporiso, uns ollos de rapaz son quen de contemplar unha sombra que se move polas rúas empedradas. Ollos que se abren de asombro ante o tamaño da escopeta. As costas do rapaz péganse á escuridade da noite. Quere flotar para non facer ruído. Medo no silencio. Mais non retrocede; segue coa ollada e acochándose entre sombra e sombra ó individuo que, fachendoso, busca algo para romper ese silencio nocturno. Outro ruído de disparo no silencio da noite. Nin o individuo sabe a qué lle disparou. Nin o rapaz colle folgos para fuxir; queda quietiño, respira moi devagarciño e reza para que o medo non faga ruído. Medo no silencio.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 3 de abril de 2014

sábado, 5 de abril de 2014

O AMARGO SABOR DA BILE


              Sóubeno o xoves pola noite, escribo este relato o venres pola tarde e estades a lelo o luns. Pois ben, estou por apostar que ese día (o luns) aínda terei mal corpo, aínda notarei a bile na boca e a angustia na alma. E aínda estou a preguntarme se non houbese sido mellor abandonar a viña cando aconteceu todo aquilo das xuntanzas, peches e manifestacións porque as bodegas non querían recoller a uva do Ribeiro. O xoves souben o que me van pagar por todo un ano de traballo, por todo un ano de loita, de paseos, de angustia incluso (por medo a perder a colleita por culpa dalgunha praga ou treboada) e de gastos e máis gastos. Prometo que ó momento pensei na conselleira de Medio Rural, no presidente da Xunta, no Consello Regulador do Ribeiro e nas propias bodegas e estou por apostar que sabedes cómo serían de “cariñosos” os meus pensamentos. Como se adoita dicir… nin para pipas. E penso no traballo que leva o meu sogro (que é quen realmente mantén en pé a finca) e cabréome aínda máis, claro. Máis quilos co ano anterior, pero nin tan sequera a metade do que me pagaron ese ano. Máis gastos, menos ganancias. Así de simple. A estas alturas, claro, tampouco a vou deixar, porque gran parte do traballo xa está feito. Pero tamén é certo que prometo que como para o ano que vén “o desastre” vaia a máis, non me pillan nun terceiro espolio (ata o sogro recoñece que hai que deixala). Agora tan só queda tragar esta bile e apandar como apanda sempre o labrego galego.


              Café Paco Paz de Ourense. Veners, 4 de abril de 2014

viernes, 4 de abril de 2014

O BULEBULE DUN TANGO


              Aínda penso no escornabois que me escornou de cando o bulebule dun tango me fixo bailar sobre unha aguillada de bidueiro. A aguillada leva no extremo máis delgado un aguillón (que é unha punta de chancas) para picar nos animais cando non queren andar. Eran tempos de cando se xunguían as vacas. Roxe a folla do amieiro no medio do silencio e o sapoconcho chíscalle un ollo á sinal que hai no medio e medio da Pitediña. Anuncia que se entra en Baños de Molgas, a vila que está pero que, hoxe en día, ninguén sabe dela. Pena de interese! Co bonito que sería vela medrar, vela rexurdir das cinzas da indiferenza, do silencio. Ninguén mete ruído. O silencio é o mellor bálsamo para que a calma aniñe na contorna. Polo río Arnoia van as troitas de pé; mais ninguén se atreve a correr. Por Barricobos ouleaban os lobos e croaban as ras para rachar o silencio. Non hai lobos nos montes de Baños de Molgas nin ras nas auganas do Arnoia. Hai cordeiros que balan coa nostalxia deitada nas carrancoñas das Mestras.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de abril de 2014

jueves, 3 de abril de 2014

O CASO É DICIR BURRADAS


              O líder do PPdeG, ou sexa, o presidente da Xunta de Galicia, é dicir, Alberto Núñez Feijoo, afirma que votar ó BNG é facelo a Bildu; que votar a Anova é facelo a IU; e que votar ó PSOE é facelo a Zapatero. Ante esas afirmacións tan categóricas, tamén eu podo dicir (categoricamente) que votar ó PP é facelo a Franco, non si? O caso é dicir burradas. Cando hai medo axiña demonizamos incluso ós máis santos. Certo, na política non hai ningún santo. Pero moito menos no Partido Popular. O caso é desviar a atención da xente. Se ves unha ponte sobre o río Arnoia, os do PP son capaces de aconsellar goldrar o río porque a ponte igual se pode vir abaixo, por exemplo, por culpa da enfermidade do cemento. Ou se non cruzalo pola pasarela de madeira, que para iso a construíu o PP. Se votas ó BNG es da ETA; se votas a Anova es comunista e se votas ó PSOE é fundir o país. Vota ó PP para asentar a corrupción. Por burradas, aquelas, e por verdades, esta, que non quede.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 31 de marzo de 2014

miércoles, 2 de abril de 2014

A MELODÍA SILENCIOSA


              Como che vai? Ah, moi ben; estou aquí sentado, sen facer nada e contemplando o ruxerruxe dunhas follas. A ver, oh!, o ruxerruxe non se contempla; o ruxerruxe escóitase. Que va! Quen che dixo iso! Eu vexo moverse as follas e xa sei que fan ruído, que fan algo así como un ruxerruxe ou como un asubío silencioso. Outra vez! Como un asubío vai ser silencioso! E logo non!; a min chégame con contemplar a postura dos beizos para saber que por aí sae un asubío, unha melodía que ninguén canta, é dicir, unha melodía silenciosa. Para! Para! Para! Non volvas á ladaíña de ser o que non é. Como queiras, homiño; xa sei que non te convenzo cos meus razoamentos, pero, xa sabes, aquí paz e despois gloria. E tan contentos. E tan amigos, non si? Isto, que significa, que chegamos á fin da conversa? Máis ou menos; xa me cansei de estar sentado e non facer nada. Vou deitarme ó sofá... tampouco teño ganas de facer algo. A verdade é que cansei bastante coa conversa.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 27 de marzo de 2014

martes, 1 de abril de 2014

A PERSONALIDADE DUN INDIVIDUO


              Xa sei que é caer na redundancia, pero o tema dos árbitros é algo que me impresiona bastante, por ser os grandes sacrificados, os grandes “energúmenos” do deporte en xeral. Amais, no trato que se lles dá ós árbitros é onde se aprecia tamén a personalidade dun individuo. E se o árbitro é un neno de dezaseis anos? Como se cualificaría a un individuo que ataca a un neno de dezaseis anos? Aconteceu en León, nun partido de prebenxamíns (nenos de seis e sete anos), cando o pai dun dos nenos do equipo do Bosco B agrediu a un árbitro de tan só dezaseis anos. Non caeu na conta de que, ó mellor, dentro de dez anos o seu fillo pode arbitrar un partido. O rapaz tivo que ser hospitalizado. E se non chegaba con esa ruindade, un segundo individuo inmobilizou á vítima para que “o valente” zoupase a gusto, a un neno que podía ser seu fillo. É normal entón que me repita no tema arbitral. Se sempre defendín ós adultos, ós profesionais do chifre, do asubío, do pito, como non vou defender ós que empezan, ós que son nenos aínda!


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 27 de marzo de 2014