martes, 30 de diciembre de 2014

PODE SER…


              Víctor Coyote di que pode ser. O que? É igual. Que máis dá! Pode ser calquera cousa. Pode ser que vivamos nun país corrupto ou que corramos polas corredoiras da ignorancia… aínda que non sexamos ignorantes. Queren facernos ignorantes. Pero non o somos. Á veces disimulámolo. Mais, iso si, sempre apandamos.
              É agora Rita Braga a que nos di que estamos baixo a lúa (Under the moon). Certo. Estamos baixo a lúa vella e contemplámola coma pasmóns, mentres pola súa cara oculta algúns “espabilados” meten man nas nosas faldriqueiras e corren cara ós paraísos fiscais. Pode ser. Por que non?

              Pode ser que non existan nin corruptos nin caciques no noso país. Que tan só sexa imaxinación miña ou “envidia cochina” (para que rime). Pode ser que o verme luceiro lle alumee tan só a aqueles que se senten un pouco cegos. Pode ser que do outro lado da lúa non haxa nada e que os paraísos fiscais sexan pompas de xabón que se dilúen nun soño soñado. Pode ser.

lunes, 29 de diciembre de 2014

NA SALA DO DENTISTA



              Estamos catro esperando na sala do dentista. Perdón, acaba de entrar unha parella máis. Levo xa media hora de espera. E o que aínda me queda, penso eu. Hai un cacho había un completo silencio, roto tan só ás veces polo ruxerruxe dos aparellos da clínica. Acaban de chamar a unha señora. Quedamos polo tanto cinco. Outra señora quéixase da dor que padece na boca. Non obstante, parola co señor de bigote que ten á súa beira. Eu tiven que deixar de ler porque me tentaba o sono. As catro menos cinco da tarde é unha mala hora para ler sentado. Estás coa dixestión, en silencio e, repito, sentado. Isto é o que mais me mata. Se me puxera a andar non me durmiría, pero dáme vergonza: ler nunha pequena sala de espera andando dunha esquina a un recanto, dunha parede ata a porta. A parella que acabou de chegar botoulle, primeiro, unha ollada a unha radiografía que traían consigo e, agora, xa están co móbil a voltas. Acaban de chamalos. Eu sigo esperando.

viernes, 26 de diciembre de 2014

HAI CONDENADOS E CONDENADIÑOS


Que vaia por diante que, aínda que vin na pantalla da televisión a figura do rei, non o escoitei. Porque estabamos de parola familiar e porque non me interesaba. Non me interesaba o que dicía. Para que? Pouco vale que predique se, despois, quen realmente ordena é o Goberno. Pero, ós dous días, non quedou máis remedio que ler os xornais. E seica arremeteu contra a corrupción. Vaia novidade! Quen non arremete hoxe contra esta lacra política (porque, si, é máis política ca outra cousa) Ata o último lacaio está contra eses ladróns. Por certo, o outro día un político do PP tamén arremetía contra os de Podemos ós que acusaba de “pijos disfrazados de progres”. Non sei, poida que o sexan, mais creo que é peor ser ladróns e corruptos. E aínda que destes hai en todos os partidos, hai que recoñecer que a gran maioría son do PP.

Volvo ó discurso do Rei. Falou do Estado do Benestar. De que Benestar? Do deles? Do da súa irmá? Desta non dixo nin mu. Axiña imos saber en qué queda a súa falcatruada. Pois no que se di sempre: que a xustiza non é igual para todos. Vaiche boa! Hai condenados e condenadiños. Hainos que dimiten e hainos que aínda seguen cobrando en B, e estando incluso en algún sumario. Pensarán que, aínda que os imputen… condenados e condenadiños. É dicir, entran pola porta lateral e saen pola principal.

NESE PAÍS TAN CIVILIZADO

 
               Algún lector pensará que xa está ben de tanto neno e de tantas mortes de nenos, dos e das que levo falado, polo menos dúas veces, neste xornal. Pero hai que dicir que o mes de decembro deu para iso e para outras novas sobre cativos que deixei escapar ou que simplemente non vin, pois aínda que intento ler todos os días os máximos xornais que poida, hai días nos que só consigo ler un ou dous, e hai novas que asoman nos que non lin. Incluso nos lidos, ás veces, se me escapan algunhas porque, por unhas ou por outras causas leo o xornal, os xornais con moita présa ou quizais pensando nos biosbardos.

               E todo ese parágrafo caeu aquí, nesta páxina, a causa dun neno negro que o executaron en 1944, en Carolina do Sur, nese país tan civilizado, tan importante e tan líder no que aínda hoxe, e na maioría dos seus Estados, existe a pena de morte. Pero 70 anos despois descubriuse, demostrouse que era inocente. Aí está “a gran vantaxe” da pena de morte. Non é a primeira vez que acontece isto. Non será a última. Pero que máis dá!: era negro. A maioría son negros. Negra vida!

lunes, 22 de diciembre de 2014

AS PESTES QUE COSPEN OS PAIS


               Teño dous fillos de 13 e 16 anos. É dicir, uns cativos aínda. No medio desas idades atópase Guillermo Ávila, outro cativo de 15 anos que se lle deu por facerse árbitro, o que significa que se lle deu por ofrecerse a recibir labazadas de energúmenos que hai espallados pola nosa España, e sei que hai uns cantos, o que tamén significa que hai moitos, pero moitos. Moitos que son pais de familia e que algún fillo deles pode atoparse nas mesmas circunstancias nas que se atopou Guillermo arbitrando o partido  de alevíns entre o Calahorra e o Salvador Allende. Un directivo daquel agrediu ó rapaz, ó cativo. Agrediuno física e oralmente, ameazándoo coa morte e con tiralo ó río como ó do Deportivo. Un home feito e dereito zoupándolle e ameazando a un cativo que podía ser seu fillo. Demostración palpable de que a quen realmente hai que educar nos deportes é ós pais e non ós cativos. Estes bastante teñen con correr e berrar de alegría cando acadan un tanto. Hoxe pasas por calquera campo e ves a realidade: o bo comportamento dos rapaces entre eles e as pestes que cospen os pais. O mundo ó revés.

sábado, 20 de diciembre de 2014

SEGUEN MORRENDO OS MÁIS INDEFENSOS


Non hai moito escribín sobre as mortes dos nenos nas guerras, no gran holocausto que se comete con eles. Certo que é unha bestialidade e que non existe ningunha escusa para rebater tal barbarie. Non obstante, e se alguén quere achar, atopar unha fenda a esa masacre inocente e infantil, pode usar o termo “danos colaterais”, e a ver se así lle queda a conciencia máis tranquila. Pero axiña se atopa un con actos que non teñen nada que ver con danos colaterais e nos que, como non, seguen morrendo os máis indefensos. Como por exemplo, o outro día en Paquistán o terror talibán cebouse coas criaturas. Nunha matanza que levaron a cabo, dun total de 141 persoas, 132 eran escolares, ou sexa, cativos. Semella que seica foi unha simple vinganza. E claro, foron polos máis débiles. Para que lles fose máis fácil.

Tampouco é necesario fochicar nas guerras para seguir atopando mortes infantís. O venres pasado, dos nove inmigrantes que se afogaron cando quixeron cruzar a España, tres eran bebés. Onde si é necesario fochicar é na conciencia de algunhas persoas, e con maior motivo se esa conciencia pertence á propia familia. Tamén o venres, unha nai australiana matou a oito nenos a puñaladas (sete eran seus). Sinceramente, non sei cómo lle podo chamar nai.

viernes, 19 de diciembre de 2014

O MEDO É LIBRE


               O medo é libre. E tanto! Eu de rapaz tirábame as noites cantando ó volver do monte coas vacas por culpa do medo. Se me ía cedo para a casa, medo á nai. Se me ía tarde, medo á escuridade, ó descoñecido. Unha nena de 13 anos, de Curtis, durmiu fóra, nunha canteira, por medo ós exames. Chego a entendela. Eu, por medo ás notas (perdón, por medo á Lola ó saber das notas), pateaba a miña rúa na espera da Pilar do Eligio, a carteira, para que me dese a min a carta e romper a carta. Sabía que subiría por tan só dúas rúas: a da Igrexa ou a do Agro. Ía dunha á outra coma un garda xurado facendo a súa rolda. E rezando, claro, para que aparecese axiña, no momento ese no que eu podía vixiar. Se as notas caían nas mans da nai, e cos suspensos que tiña sempre... ai,. Deus, que malleira! A Lola tiña a man lixeira. O medo é libre. Tan libre como estar máis de media hora enriba do burro na estación do ferrocarril de Baños de Molgas facendo tempo, coma quen que fora ó muíño do Dositeo levar o saco do millo. Pero calquera cruzaba aquela carballeira espesa a iso das dez ou as once da noite. O medo é libre.

jueves, 18 de diciembre de 2014

SOLDOS DESORBITADOS, SOMBRAS INFORMATIVAS


               Hai xa uns días asomou en todos os medios de comunicación habidos e por haber que o Goberno abrira o seu portal de transparencia e aparecían unha restra de cargos políticos co que cobraban. Sinceramente “pasei olimpicamente” de ler esas columnas. Para non cabrearme, claro. Mais o caso é que ma cabreei igual porque ó poñer a radio non quedou máis remedio que oír o que dicían. E non quero pensar nesas sombras informativas que, seica, aínda non están ó noso alcance. Que haberá nesas sombras? En algunhas, seguro que a conxelación dos soldos dos funcionarios! Noutras sombras estarán o IVE cultural, os aforros da Sanidade, e da Educación, e dos Servizos Sociais, e do... Para! Para! Paro. Para que o cabreo non vaia a máis. E sen ler as listas! Ai se chego a lelas! De todas formas anoxa, atufa un chisco que se sintan orgullosos por abrir ese portal. Non caen na conta na dor que lle produce á maioría dos españois o ler esas cantidades desorbitadas. Perdón, si saben o que pensamos, pero impórtalles un farrapo de gaita.

miércoles, 17 de diciembre de 2014

A SRA. PERFECTA E O SR. PASMÓN


               Deixa de enlear a palangre que xa temos problemas abondo, díxolle o Piollo á Piolla cando ían de paseo polos carreiros dos Piuais. O Piollo era Paris Mitos Mixto e A Piolla chamábase realmente Lara Laureana Sacaúntos. Eran matrimonio e vivían na rúa do Agro de Baños de Molgas. Eran aínda mozos pero xa tiñan os seus problemas encima, as súas discusións; coma calquera matrimonio, novo e vello. Falaban das visitas ó colexio onde tiñan os dous cativos, de cinco e sete anos. A Piolla era desas mulleres que levaba sempre a voz cantante en todos os lugares ós que ía ou ós que ían os seus fillos. Mentres que O Piollo era, como dicía ela, un pousón. Todo lle daba igual. Se ós fillos os castigaban no colexio... será porque o merecen. Se chovía no tellado... xa escampará. A Lara Laureana fervíalle o sangue ante a parsimonia do seu home. A Paris Mitos asomáballe un sorriso burlón cada vez que vía ou notaba a desesperación da súa muller. A señora Perfecta, chamáballe el. O señor Pasmón, contraatacaba ela. Cando chegaron ó eido que tiñan no Piual xa se colleran da man. E sorrían.

martes, 16 de diciembre de 2014

COMA SEMPRE. IGUAL CA SEMPRE


               Coma sempre. Igual ca sempre. Desde que o mundo o mundo ten que acontecer unha desgraza para que empecemos a tomar medidas sobre o momento, a forma, o resultado, a acción, o motivo de tal calamidade. Se un coche se vai nunha curva perigosa ensanchamos ou quitamos a curva cando hai un morto. Se o tellado dun colexio ou dun pavillón se vén abaixo, apuntalámolo con boas vigas cando ocorre unha masacre. Agora, todos os policías que patrullen as rúas terán chalecos antibalas a mediados do 2015. Agora que pasou o que pasou no asalto a un banco en Vigo. E se para dentro duns meses se pode, por que non se puido ata agora? Non sairán con iso de que non alcanzaba o presuposto? Ou si? Cómo será que as partidas presupostarias sempre alcanzan para as axudas de custo dos deputados, ou para os parques móbiles aínda que os coches non se usen nunca, ou para os soldos vitalicios daqueles que xa non teñen que realizar o traballo polo que lles pagaban? Para isto si alcanzan. E para máis cousas que non sabemos. Que máis dá!, chega con botar as mans á cabeza cando acontece a desgraza.

lunes, 15 de diciembre de 2014

SE NON É...


               Se non é o pequeno... Se non é o pequeno, será o grande. Digo eu isto. Aquilo dicíano por aquí, polo meu lado, á miña beira. Din que se non é boi é vaca. Claro. E se non é branco, é negro. Mentira! Pode ser rosa, por exemplo. Ou amarelo. Si, ou amarelo. Pero xa dixera por exemplo. Semella que non entendes un carallo. Certo, ó mellor son eu que me explico mal. Nunca tiven moita facilidade de palabra. E iso que non calo un segundo. Son un latricas do demo. Se non é de día, é de noite. Se non é xaneiro, é setembro. Outra mentira. Si, xa sei, pode ser outro mes calquera. Pero, entendiches ou non entendiches? Trinta días ten novembro, con abril, xuño e setembro; vinte e oito ou vinte e nove ten un, que é febreiro; e os demais trinta e un. A lúa é mentireira. Explico. Cando ten forma de C semella que di que está en cuarto crecente, que crece, e se ten forma de D semella que decrece, cuarto minguante. Pois como é mentireira é ó revés. C de crecer, ó revés, decrece. D de decrecer, ó revés, crece. Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. Se non é pe é pa. Ata mañá.

sábado, 13 de diciembre de 2014

AÍ ESTÁ: O GRAN HOLOCAUSTO!



              Guerra. A palabra guerra semella só iso: unha palabra. Pero ten un fondo triste, doloroso, angustioso e, por suposto, mortal. Falar de guerra é falar de calamidades, de destrución, de maldades, pouquiñas veces de heroísmo. Quizais os auténticos heroes sexan os superviventes. Guerra. Que angustia! Guerra. Canta dor! Guerra. Mortos e máis mortos! E xeralmente morren os que non teñen idea de por que se fai, de por que hai tal guerra. A guerra civil siria cóbrase máis de 200.000 vidas, 10.000 delas son de nenos. Aí está: a gran putada!, o gran holocausto! Os máis inocentes. Os máis débiles. É unha cantidade inmensa para unha acción na que nin tosen nin moxen. En todas as guerras sucede isto: morren demasiados nenos. E cando declaramos unha guerra sabemos que van pagar os máis inocentes. É igual; hai que ir á guerra por uns pozos de petróleo, por uns enclaves estratéxicos, por unha mingurria de nada. Temos a alma envelenada. Guerra. Para que caian os inocentes. Guerra. Para que morran os nenos.

viernes, 12 de diciembre de 2014

O ESPÍRITO MALIGNO NON TEN CONCIENCIA


Desde o pavillón do Campus Universitario ata o fondo da Avenida da Habana. Andando. E pensando. Pensei na CIA. Non por saber dela nas películas, senón por asomar nos medios de comunicación cos seus brutais interrogatorios tras o 11-S. Isto xa o intuïamos e agora xa o sabemos seguro. A CIA. Eses que, nas películas, son heroes porque descobren sempre o espírito maligno dos contrarios. Dos contrarios a eles, claro; que adoitan ser practicamente todos porque, eles, os ianquis, son únicos, e honrados, e valorosos, e guapos.
              Pensei nas agresións por violencia machista. Porque o luns pasado houbo cinco mortos por esta causa, entre asasinados e suicidados. Pero por que non se suicidan primeiro, por Deus! A verdade é que esta lacra en vez de diminuír, vai en aumento. Estes machistas de pacotilla si que teñen un espírito maligno dentro.

              Pensei nas críticas do PSdeG do Carballiño cara ó seu alcalde porque seica felicitou o Nadal en castelán. Ai, amigos, es que El Carballino no te es una villa cualquiera. En serio, é moi triste ver cómo estamos tirando pedras contra o noso tellado. Esta semana pasada mesmo saíu un informe sobre o “afundimento”, sobre o retroceso da lingua galega. Ante actitudes coma as de Marnotes é lóxico que a nosa lingua retroceda. Os concellos e os colexios deberían ser os grandes defensores do galego, e non sei se non serán precisamente os que máis en contra están do seu uso. O espírito maligno non ten conciencia.

A XENTE DAS ALDEAS


               Chora o silencio bágoas de pan centeo para que un escornabois se meta por entre uns fentos da Tapada Nova. Pero logo de andar uns cantos metros, o escornabois sente que está só e chora bágoas de toxo rozado. A campaíña, a choca dunha vaca soa na distancia e axiña asoman uns cornos por entre unhas silveiras. Brúa a Garbosa, ornea o burro e oulea o can. No outro lado do río, ou sexa, en Portugalego berra o fillo da Pita, a muller do Raposo, e dúas rulas que aniñan entre catro paus de salgueiro foxen espavorecidas cara á Outeiro Barbeiro. O fillo da Pita chámase Olegario, segundo a partida de nacemento, pero, fóra da familia, ninguén o sabe porque sempre foi O Poleiro. Hai que recoñecer que a xente das aldeas é mala de verdade: Pita, Raposo, Poleiro. Hai que ver!

               Baila o silencio ó son do asubío de Olegario, O Poleiro. Asubía ben o rapaz. Está sempre asubiando. Todos pensan que é para correr o medo. Pero... coidado coa maldade da xente das aldeas.

jueves, 11 de diciembre de 2014

CON MÁIS FOLGOS CA UN SAPO


               Antes, durante e despois da derradeira fin de semana de novembro non se falou doutra cousa nos medios de comunicación que non fose do “Black Friday”, que seica vén significando algo así coma “unhas rebaixas loucas” en tan só un día ou dous. A súa tradución real, se o meu pobre inglés non me falla, é “venres negro”. Pois ben, nin real, nin imaxinaria, nin de ningunha maneira conseguín ler algún comentario de Galicia Bilingüe, esa asociación á que lle amola sobremaneira (por non usar outra expresión) que o castelán perde forza en Galicia. Aínda nunca lin un comunicado de Gloria Lago na que recoñeza que, na realidade, quen está fundindo ó castelán é o inglés e non o pobre galego. Penso que si sabe do asunto, pero como o idioma británico é “máis internacional” ou “máis culto” dálle igual que o castelán perda forza. Outra cousa é que a perda por culpa dunha pobre lingua morriñosa, lírica e que ten o diminutivo máis riquiño de todas as linguas. Unha lingua que ten que loitar con máis folgos ca un sapo contra dous monstros, como son o castelán e o inglés. Certo, non tardaremos en loitar tan só contra este último.

miércoles, 10 de diciembre de 2014

TRANSFUGUISMO CON CONCIENCIA


               Achéganse as eleccións municipais e como o poder é tan cobizoso, os tránsfugas saen ata debaixo das pedras. Que teñan conta; igual lles pasa o que lle sucedeu a un, que pensou que ó cambiar de chaqueta a festa tería outro baile. E, hoxe, pobriño, vive un pouco no esquecemento. Agora outro socialista tamén cambia de chaqueta para “recibir axudas da Xunta e da “Deputación”. Con isto está dito todo: que a súa nugalla é monumental por non acadar nada por si mesmo para o seu concello. Se todos esperamos por subvencións... apañados imos! Penso que quen o peor o tivo foi, hai anos xa, Anxo Quintana, que era do BNG e en todas as institucións gobernaban os contrarios e, aínda así, conseguiu levantar Allariz. Traballe, señor alcalde, traballe e non busque os cartos baixo as faldras do PP. Este partido non tardou un telexornal en “fichar” a outra alcaldesa. Esta era fácil de fichar: quería fuxir canto antes do radicalismo do BNG... e largou para o radicalismo das dereitas. Ai, neniña, como se che vía a plumiña! Agora Cortegada terá novos postos de luz e A Bola vivirá tranquila sen terroristas. Transfuguismo con conciencia.

martes, 9 de diciembre de 2014

OS NERVIOS... Á FLOR DE PEL

 

               Mans de manteiga. O balón que se perde. Volta a empezar. Corren para recuperalo. Suor nas frontes. Berros nas bancadas. Silencio ante o ruído. Corren para adiante. Corren para atrás. Canastras que se fallan. Puntos que soben ó marcador electrónico. Tempo morto. Debuxos nun encerado. Xestos de rabia. Xestos de comprensión. Berros de ánimo. Palmas que ferven.

               Ruído na cancha. Moito ruído. Falta persoal. Tiros libres. Silencio. Alegría ou decepción. É igual; os nervios seguen á flor de pel. Descanso no partido. Calma nas ansias dos pais. Ruxerruxe na afección. Comentarios sobre tal ou cal xogada. Recordos sobre momentos que puideron cambiar o resultado. Pero aínda queda outro tanto de partido. Quecemento suave. Probando tiros. Fallos. Acertos. Risas. Árbitros conversando. Tensión no novo inicio. Suor. Faltas. Perdas de balón. Mans de manteiga. Tripla que fai rebentar a gorxa dun pai, dunha nai. Rebotes. Mates. Berros. Final do encontro. Corazóns que se calman. Saúdos amigables. Ata a próxima tensión.

lunes, 8 de diciembre de 2014

SOBRE FONTES E PASEOS



              Case sempre me poño a andar porque me dá a gana. E cando algo sae das entrañas, o mellor é deixar que flúa. Tamén flúe a auga dunha fonte. Aínda que hai fontes que secan; ou ben porque non chove ou ben porque tampouco lles dá a gana. Hai uns meses fixen varios intentos para afondar unha poza existente á beira dunha pequena fonte, e esta condenada deixaba de fluír porque, penso, que lle daba a gana. Debeume ver con ansias de cavar, de afondar e de poñerme coma un divino cristo, que era como se dixese: ai si, pois hoxe seco e, ale, que afunda máis. Por certo, por onde andaba cando inicie o relato? Xa lembro… que me puxera a andar porque me dera a gana. E estou andando. E cruzo vales e montañas, valados e aramados, leiras e lameiros. Sigo andando. Creo que xa percorrín uns non sei cantos quilómetros. Moitos. Porque un val non se percorre así como así. E non digamos xa unha montaña, coas súas subidas e baixadas. Normal. Ó subir hai que baixar e ó baixar hai que subir; non si?

viernes, 5 de diciembre de 2014

COMA QUE NON OEN


              Aquí Radio Macuto. Desde os estudios da clandestinidade informamos que: Rajoy seica exculpa á ex ministra Ana Mato e nega que exista corrupción xeneralizada. Puxémonos en contacto co correspondente que temos máis alá da realidade e soltounos un exabrupto: que dixo que!. Vale, ten razón; non é xeneralizada: ti e máis eu e catro máis non somos corruptos, pero para de contar, vale? O correspondente preguntounos se Rajoy dixera iso con cara seria ou se se rira polo baixiño. Nós, claro, dixémoslle a verdade: rírase polo baixiño. Xa me parecía a min…!
              Radio Macuto no seu dial. Unha maldición está a perseguir ó BNG do concello de Ourense. De un tempo para acá dimitiron xa varios dos seus compoñentes por ser ou estar imputados nunhas ou noutras causas. Mais, segundo as novas que coñecemos, ningún deles foi aínda culpado de algo. Contactamos agora co correspondente que leva os asuntos dos concellos de toda España. Aí, aí, aí é onde se demostra a categoría duns e doutros. Os do BNG, ante a menor insinuación, dimiten; mentres que os dos outros partidos fan coma que non oen. E mira que hai unha morea e un cento máis de imputados!

              E para que non se nos alporice máis o correspondente, pasamos a unha cuña publicitaria. Aquí paz e despois gloria. Para que imos revolver a feira política?

A RESPONSABILIDADE DOS REXEDORES


               Ante os afogamentos intentamos buscar coma sexa unha táboa salvadora e agarrámonos, se non a atopamos, incluso á orellas. O caso é salvarse das augas. E as augas, na política, sempre andan revoltas e, hoxe en día, asoman torrencialmente. O candidato do PP en Petín quere entrar, sen mollarse, na alcaldía do seu concello. Paréceme moi ben. Pero que tampouco intente empapar ós demais. Culpa ó ex presidente Aznar da alta débeda municipal, e por aquilo de que este é do seu partido, intenta lavar un chisco a imaxe culpando tamén a Felipe González (xa choveu) e a Zapatero, ós que acusa por non controlar os concellos. Quen xestiona os concellos? Quen gastou de máis para acumular tal débeda? Imaxino a todos os alcaldiños gastando a todo tren, principalmente nos períodos electorais, porque despois xa nos axudará o Estado. Ti incha os presupostos. Incha as facturas. Xa sairán dalgún lado; ó mellor incluso debaixo das pedras. É certo que todos os presidentes teñen a súa responsabilidade, pero tamén os rexedores teñen a mesma co seu concello.

jueves, 4 de diciembre de 2014

DEITARSE CO SOL


               Idalia Sol Querubín di todos os días que se deita co sol porque, seica, tamén todos os días, madruga moito. Iso é o que di ela. Eu nunca a vin antes das once da mañá. Tamén é verdade que eu érgome sempre a esta hora. Idalia Sol Querubín naceu por enriba dunha corte, moi preto da igrexa parroquial de Baños de Molgas. Hoxe a tal corte non existe. Ela non quere dicir a idade, pero toda a vila sabe que anda máis cerca dos sesenta que dos cincuenta. Agora, en Baños de Molgas, practicamente non queda ningunha corte, tal como se entendían antes as cortes. Agora seguirá habendo, iso si, algúns cortellos. Idalia Sol Querubín, cando chegan as nove da tarde do verán e as oito da noite do inverno dille a todos que se vai durmir. Si, xa sei que me deito co sol, pero é porque madrugo moito, adoita dicir sempre. Tampouco o seu veciño Naftalí Loito Compresas a viu nunca antes das once. Pero é que este nunca se levanta antes da unha do mediodía. Lacazán! Son as oito menos cuarto da noite de finais de novembro. Idalia Sol Querubín prepárase para ir á cama.

martes, 2 de diciembre de 2014

BERRO QUE RACHA


               Berro seco. Ouleo de can. Pasan as nubes devagariño e o silencio na pedra do outeiro vólvese ruído co estrondo dun trono. Ninguén pode presumir de correr polas cores do arco da vella; tan só deixamos que os ollos debuxen un verso sobre, por exemplo, a cor rosa. O poema enteiro acouga na flor do toxo.. A novela asenta na cama da carqueixa.

               Berro forte, e longo. Carreira de coello. Parsimonia da tartaruga. Cando miras para arriba e ves o lóstrego na distancia, pensas que o asubío do vento viaxa ata a cara oculta da lúa. Quen puidera ser astronauta nesa película que se rodará en tres dimensións para que as estrelas non se acochen detrás dunha luz sideral.

               Berro que racha. Berro que é berro. Berro que mete ruído. Berro que rompe o silencio. Berro de rabia e de compromiso, de envexa e de ineptitude. Berro político. Berro deportivo. Berro social. Berro que berra para rachar o silencio. Berro que queda escrito entre as corredoiras da nostalxia e os camiños da infancia. Berro por entre os piornos do monte Medo. Berro que racha o silencio.

lunes, 1 de diciembre de 2014

QUE SE ZURZAN AS BACTERIAS!


               Un bico longo, máis ou menos duns dez segundos, transfire 80 millóns de bacterias. Aí é nada! E alá vai o burro coas noces! Non se pode mexar porque en cada pinga de urina seica asoman máis de 100 enfermidades. Agora non podemos “darnos o lote” porque as bacterias acirran, empurran por todos os lados. E digo eu: se en vez de ser un bico longo “morreamos” tan só cun biquiño? Que serían, 40 millóns de bacterias? Aínda son bacterias de carallo! Castidade, xentiña! Moita castidade! Pero que é a vida sen un bico? E non me refiro ás mostras de cariño, senón a eses bicos longos coma os días de maio. As neuronas ínchanse, o sangue bule, e a autoestima aumenta. Guerra ás bacterias con “longos” desexos de felicidade! Dentro de nada algúns quererán meternos o medo no corpo con tantas pestes no seme que, claro, aniquilarán os espermatozoides. Vaiche boa! Sería o que nos faltaba! Co bonito que é o sexo! E este empeza, como non, cuns bicos longos. Así é que... que se zurzan as bacterias! Por non dicir outra palabra sexual.