domingo, 31 de mayo de 2015

PROBANDO O NOSO GRAN ERRO


Hai unha semana que pasou. O gran cambio, para uns. A gran perda, para outros. E a gran éxtase, para uns poucos. Hai unha semana que pasou, mais aínda corren ríos de tinta (o meu é un simple regato) sobre os resultados das eleccións municipais. Nunca houbera tanta competencia, ou mellor dito, tanta repartición de votos, de poder para sentarse na poltrona municipal. Aclaro: para uns si será unha poltrona, pero para outros será un auténtico quebracabezas. Algúns seguirán estando a velas vir e outros buscarán saídas a eses concellos medio mortos.

Moita xente desconfía deses partidos novos que asomaron á vida política coma enxames. Aquí estivo e está o noso gran erro: a desconfianza, o medo. Por esta desconfianza, por este medo non os votamos e incluso os poñemos a parir antes de que fagan nada. Non lles deixamos probar a súa valía. E co sinxelo que é: soben arriba, que o fan mal?, a tomar vento!; que veñan outros. Así de simple. Imos ter a proba nesta lexislatura. Están aí. Que en catro anos desfan en vez de facer… fóra con eles! Así de sinxelo. E se o fan ben, serán os hoxe criticadores capaces de recoñecelo? Tanto a favor como en contra, sempre lles buscaremos un pero.

viernes, 29 de mayo de 2015

AXIÑA REXURDE O MAMÓN!



 
               Dóeme o pé esquerdo. Por culpa do calo. Férveme. Teño ganas de sacar os zapatos, pero aínda me queda case unha hora para facelo. En total botarei unhas 14 horas con eles postos. Maldito calo! Maldita canseira! O caso é maldicir. Pois si, maldito pé! Xa sei que algún listo soltou aquilo de “córtao”. O pé, claro. Pero como vou cortar o pé! Eu sei que algúns teñen pensamentos malignos, pero tanto... Por Deus, non lle fixen mal a ninguén! Penso eu. Vai ti saber. Próeme a planta do pé esquerdo. Xa dixen que me fervía. A muller sempre me di que por que non vou a un calista. Para que?, se dentro dun mes ou dous xa volve estar o desgraciado proendo e proendo. Eu vou ó tradicional, ó plan besta. Collo unha almofía, abrando un chisco o pé en auga quente e coa punta da lima do cortaúñas, zas!, furga que te furga. E a base de berros e furgados, de fochicas e berros, o moi cabrito, acaba saíndo. Quedo coma os anxos: aliviado. Pero por poucos días. Axiña rexurde o mamón! Procuro sacalo eses días nos que teño que andar moito pola viña: sulfatando, dando a herbicida, etc. Polo menos ese día non sufro tanto.

jueves, 28 de mayo de 2015

NA PELÍCULA DOS SOÑOS


 
               Ai silencio, que non fas ruído! Ai penedo, que escribes a historia dunhas tardes de cando os asubíos eran cartas para o can que tornaba as vacas e de cando as cancións brotaban nunha noite pecha... para domar o medo. Ai remedio, que xa non ten remedio! Nin tan sequera a broulla, o abrocho do repolo se libra da ruta que vai da leira ó cesto e do traballo á fartura. Quere o silencio ser niño de cuco e que o ruído se desborde polas canles da indiferenza. Pero ninguén pensa que unha infancia volverá. A infancia, agora, tan só serve para recordala. Ou non. Algúns deixan que morra. Ai tempo, que corres pola pista dunha cociña de ferro. E nela ferven as ideas entre os catro puntos cardinais dunha vida que aínda se está a facer. Non todas as ideas verten para o mesmo río e non todos os ríos van dar ó mar. Ai sorriso, que te quedas conxelado nuns beizos fríos por culpa dun bombardeo escrito polo espírito maligno dun esperpento. Queda o tempo amoucado na película dos soños. Queda o silencio tratando de convencer ó ruído.

miércoles, 27 de mayo de 2015

BOTAR PARA ABAIXO


 
               Campio Reprobo Legal está sentado na mesa do restaurante xunto á porta de entrada. Come ás présas. Din que unha persoa, cando come moi de présa, non lle presta ben a comida e que non engorda. Ese dito debe ser mentira, porque Campio, O Gordo, bota para abaixo de carallo. Ou sexa, come a Deus! A algúns o alcume nos lles cae do ceo pola arte do birlibirloque. A algúns o alcume vailles como anel ó dedo. A Campio Reprobo Legal chámanlle O Gordo e con razón. El sabe do alcuño pero non lle importa; el mesmo confesa que cada vez lle gusta máis botar para abaixo, comer a cachón. É o que está a facer mentres espera pola súa dona, coa que se citara desde a oficina. A súa dona axiña aparece e cando se senta á súa beira deixa a todos os demais comensais pampos. Porque a súa dona Raíña Sobrado Alambique, A Fraca... Vaia, xa está dito todo!; xa se entende por que os comensais quedan coa boca aberta. Estraña parella. Emporiso, Campio pasa das olladas e segue botando para abaixo.

martes, 26 de mayo de 2015

PUNTOS DE SUTURA XA!


 
               Houbo cambios políticos. Moitos cambios. Incluso naqueles sitios que nin o máis optimista imaxinaba. Sinceramente, eu, con todo o nacionalismo que levo dentro, nunca imaxinei tal cambio en Baños de Molgas. E mira que o desexaba lexislatura tras lexislatura. Agora aconteceu. E aínda que levo xa moitos anos fóra do lugar no que nacín, no lugar que me criei e das airas e montes nos que gocei, ata chego a sentir ese cambio como algo meu. Non sei, pero notaba a Baños de Molgas tan parado, tan inepto que me doía de corazón ver como todo un potencial turístico era auga de bacallau. Tampouco sei se imos despegar coma foguetes (espero, confío e desexo que polo menos intentemos despegar), mais sei seguro que non se pode ir a peor porque o pozo no que estamos xa non ten máis fondura. Non me importa confesar, incluso me sinto orgulloso de facelo, que me levei unha alegría inmensa ó ver os resultados. Non é bonito contemplar toda unha vida o suicidio lento dunha vila que nin tan sequera merecía unha rabuñadura. Mais o buraco da ferida é demasiado grande. Hai que empezar a meterlle puntos de sutura. Pero xa!

lunes, 25 de mayo de 2015

SE TIVERAN CONCIENCIA DE PAÍS



               Debido ó ocupado que me atopo ultimamente, non adoito ler moitas opinións longas dos xornais e dedícome, como se adoita dicir, ás letras grandes e a algunha que outra entrada das noticias. Mais houbo aí un día no que me chamou algo a atención (agora mesmo xa non lembro se foi o mesmo titular ou se foi ó ver as siglas do BNG) unha opinión de Roberto L. Blanco Valdés en La Voz de Galicia. E lina enteira. E comprobei que esbardallaba a mares contra o BNG. Porque era un partido minoritario e marxinal. Porque sempre quere levar a razón (quen, o BNG ou el?) Porque seica os nacionalistas puxeron a caer dun burro ó noso presidente Feijóo por utilizar o castelán na campaña das municipais. Pero, alma cándida!, como non se vai poñer a caldo! Vemos todos os días cómo se marxina á nosa lingua e o deber do presidente da Xunta de Galicia debería ser o de defendela con unllas e dentes! Se tivera conciencia de país, tanto el coma vostede, ó día seguinte debería pedir perdón e ate incluso dimitir. E, señor badulaque, os minoritarios e marxinais temos o mesmo dereito ca vostede a opinar e, si, tamén, incluso a esbardallar. Coma vostede.

sábado, 23 de mayo de 2015

POLO CAMIÑO QUE CHE MARCAN


Non quero falar de política porque entre a escritura e a lectura deste relato celebráronse as eleccións. Non quero falar de fútbol porque entre o venres e este luns resolveuse toda unha liga, se exceptuamos o título do Barça e a baixada de categoría do Córdoba. Sería unha hipótese falar de resultados políticos e futbolísticos. Tería que analizar tan só supostos. O que si sei seguro a 24 horas do remate do fútbol e a 48 da solución electoral é que uns estarán máis contentos ca outros. Perdón, na política estarán todos contentos, incluso os perdedores, pois sempre lle buscarán un pé á banqueta que coxea; ou ben porque sacaron máis votos dos que pensaban, ou ben porque derrotaron a tal ou cal partido. No fútbol, emporiso, non haberá consolo para o que baixe.

Non quero falar de política. Tampouco de fútbol. Pero, arre demo, levo máis de medio relato latricando sen parar. É igual, as dúas noticias, tanto o venres (escritura do relato) coma o luns (lectura do relato) mandaban e comandan a nosa vida. Aínda que non queiramos, temos que apandar co momento, coa situación, coa realidade. O mellor exemplo acabo de telo eu mesmo. Non quería falar, pero… Pero sempre hai algo ou alguén que se che incrusta na asadura e que incluso te obriga a ir polo camiño que che marcan. Non temos forza de vontade. Deixámonos ir coma pombiños. Deixeime ir. Agora xa está.