viernes, 31 de julio de 2015

POLO SEU VALOR SENTIMENTAL



 
               Hai noticias que impresionan polo seu realismo, polo asunto político ou económico ou social ou deportivo... A min, hai uns días, impresionoume unha polo seu valor sentimental. Despois de 128 anos pechou, en Madrid, o Café Comercial. Quizais non tiña a categoría do Café Gijón, pero si máis ou menos o mesmo significado. Pódese dicir que durante nove anos foi “o meu Café”. Alí metíame practicamente todos os días, máis dunha vez ó día e ata creo que unha vez estiven nove horas seguidas nel. Alí escribín, lin, parolei e ata me aburrín. Todo o que teño escrito (fóra das colaboracións neste xornal) fíxeno alí. Escribín tanto e tan a gustiño naquel Café, que a un dos meus libros de relatos non quedou outro remedio que titulalo “Gloria no Café Comercial!”. Nove anos nos que os camareiros xa eran como da familia. Lendo a nova, atopeime con que o máis veterano, un tal Felipe, era o que vin eu iniciar a súa andadura alí como camareiro e o que me puña a maioría dos cafés. Recoñezo que levo uns días que non me sae da cabeza o peche do Comercial. Foron moitos sentimentos espallados polas súas mesas de mármore.

miércoles, 29 de julio de 2015

ALGÚN DÍA CHEGARÁ



 
               Estoupa o globo que viaxa polo espazo sideral daquel país que quixo ser independente. Non o deixaron. Pero os habitantes fretaron autobuses para que os levasen ó estado da conciencia. Non houbo maneira! Manifestáronse polas rúas da realidade e cantaron o himno da liberdade sen sacrificio ningún. Os corvos do imperio disolveron as manifestacións con grallas de incompetencia e con varas ditatoriais. Non hai loitas sen mártires nin liberdades sen heroes. Uns cantos romperon as cadeas e espallaron polo mundo adiante a mensaxe de que ninguén se pode mover no país dos parvos de espírito. Moi poucos leron as mensaxes porque o país que non quere ser escravo sigue vivindo baixo unha ditadura inmortal. Ou non quixeron entender o que leron coa esperanza de converterse algún día en corvos para grallar ás súas anchas, coma un rei na súa cesta e co bandullo cheo. Cheo de miseria intelectual e de baballas que salpican ós pobres habitantes dun país preso que, como non, seguirá loitando pola súa liberdade, pola súa independencia. Algún día chegará.

lunes, 27 de julio de 2015

TRABALLAN OS POMBOS



 
               Cada vez que o penso sóbenseme os bemoles ás entrañas. Cada vez que penso que o suor do noso traballo vai todo para os políticos é como para clamar ó ceo. Estamos a pagarlle a cinco administracións! Concellos. Deputacións. Xunta de Galicia. Goberno Central. E Comunidade Europea. Antigamente nin tan sequera cobraban os alcaldes. Agora cobra todocristo. Desde o concello máis despoboado ata un conxunto de estados membros de non sei qué. Algúns pensarán: eran outros tempos, agora hai outras responsabilidades (que xeralmente se lle pasan a empresas privadas) Pero aínda así, quen os mandou presentarse? E se queren un soldo por elo, hai a opción de facer unha oposición. Concellos de menos de 2.000 habitantes e cobran practicamente todos! O das Deputacións xa non ten nome. Iso si que é sangrante. Para que serven? Eu sei ben para que existen. E vós tamén. Pero... Pero traballan os pombos para que unha boa morea de políticos de todas as clases vivan como Deus á nosa conta. Algún día todo isto rebentará. Seguro! E oxalá rebente. Xa estou ata os...

sábado, 25 de julio de 2015

DEIXADE ÓS ANIMAIS EN PAZ!



Cada vez soporto menos ver eses vídeos nas redes sociais nas que algúns animais, principalmente cans e gatos, fan cousas ou son obrigados polos seus amos ou adestradores (o de adestradores é un dicir) a facer cousas que pensan que son simpáticas ou tenras ou sentimentais ou divertidas, cando, na realidade, dan un pouco de pena. Polo menos a min danme pena. Porque para facer todo iso, imaxino as horas e horas, os días e días que teñen que vivir medio escravizados obedecendo unhas ordes ridículas para que, logo, un cantos se divirtan ou choren de melancolía. Non entendo por que a xente non deixa ós animais en paz! Eu vexo ós meus cans todo escarranchados no chan, coa vida tan a gustiño que levan, e non me entra na cabeza o molestalos para que lle ensinen a catro pasmóns cómo se levanta unha pata, ou cómo se colle un periódico e se lle leva ó dono, ou cómo fan o pino, ou cómo baixa unhas escaleiras co cu arrastro. Entendo perfectamente que a un animal se lle ensinen dúas ou tres cousas imprescindibles… onde facer as necesidades, como comportarse, non morder, etc, pero fóra diso, paréceme ridícula a actitude dalgúns cando optan por gabarse ante a xente. Deixade ós animais en paz! Que corran cando queiran correr ou que chouten cando queiran choutar. Eles tamén teñen a súa vida. Deixádella vivir a gusto, por Deus! Logo, para máis aquel, asoma na televisión un programa titulado “Vaia fauna!”, que vai de todo iso. O que significa incitar á xente para que sigan domando ós animais. Horas e horas de doma, de escravitude, de animaladas. Certo, que se espera de Telecinco.

O CONTO QUE NON SE CONTOU



              Remata o conto que non se contou. Ninguén soubo de que ía. Pero catro paspáns escribían sobre unha folla en branco que non conseguiron encher. Hai ideas que algúns non saben plasmar nun papel. Como se pode plasmar aquilo que non se pode contar? Quédalles a opción, entón, de contalas de palabra. E empezan a barullar de tal maneira que o primeiro insulta ó cuarto e o segundo peléxase co terceiro. Semella un play-off de segunda división. E como tal, case sempre sae ganando o que menos conta, o que menos baralla. Case é lei de vida. Sábese que moita forza vaise pola boca. Entre rifas e pelexas remata o conto que non se contou. Aínda que pareza unha incongruencia hai contos que non se contan, pero, mirade por onde, non acaban nunca.  O mesmo que o da boa pipa; que non se conta nada e non ten fin. Neno, queres que che conte o conto da boa pipa? Non! Eu non che digo que non, dígoche se queres que che conte o conto da boa pipa? Boh, déixame en paz! Eu non che digo…

jueves, 23 de julio de 2015

LOITANDO A MANGA DESPREGADA



 
               Racha o soño co latexo dun tema musical e os ruxerruxes da noite aniñan entre as sabas brancas dun concerto. Adianta o reloxo para que o sono chegue nun suspiro. Pero non chega. Hai novas que rompen a harmonía da realidade, e hai realidades que doen. Queda a opción de apertar os puños e seguir. A vida é algo máis que un instante malo, que un momento amargo. A vida é unha bágoa e dous sorrisos. Racha a lúa vella as nubes negras que a arrodean. E por esa físgoa penetra a luz, a esperanza duns seres que loitan a manga despregada para que ninguén pense que todo remata nunha meta marcada. Hai vida máis alá das estrelas. Haberá recordos nun futuro que ten que alcanzar o infinito e máis alá. Que ninguén pense que unha soa bágoa forma unha lagoa. Volve adiantar o reloxo para que o sono se vaia acomodando no pensamento. Cando queda durmido ábrense todas as nubes, acougan os soños e a harmonía déitase por fin nunha realidade que non é tan mala, que non será tan mala. Só o amencer o espertará do sono.

miércoles, 22 de julio de 2015

EN TODOS OS SITIOS COCEN FABAS


 
               No país da liberté, égalité, fraternité tamén cocen fabas. Francia é como España, como Arxentina, como Estados Unidos, como Sudán e como Mongolia. Ni máis nin menos. Se hai que lle bicar o cu a algún poderoso, bícaselle e punto. Nin liberdade, nin igualdade, nin fraternidade, nin rabo de gaitas. Resulta que, así, polo bóbilis-bobis, os franceses pecharon toda unha praia para que gozara dela, para que pasara, moi comodamente, as vacacións un rei saudita. E non contentos, mediron 300 metros mar a dentro e dixeron: ata aquí chegamos! E logo!, a pasta é a pasta, o poder é o poder. Os veciños de Vallauris, lugar que queda moi preto de Cannes, que se despracen a outra, e que non rosmen. Se rosman igual lla expropian todo o ano. Que un xeque árabe non é moco de pavo ou cagallóns que se encamban. Trae moitos cartos e con eles mércanse moitas fabas. En todos os sitios cocen fabas. En Francia tamén. O de liberté, égalité e fraternité queda moi bonito para a galería e para a publicidade francesa, pero en realidade... poderoso cabaleiro é don diñeiro.