jueves, 31 de agosto de 2017

SEMPRE OS MILAGRES



            É o último día de agosto. Xa van dous días de novenas. Nos Milagres de Baños de Molgas, onde vai ser! Non sei cando poderei ir. Moitos anos nese lugar. Toda unha vida en min. Desde cativo, de cando ía ós domingos visitar os irmáns que estaban estudando. Lembro que entraba naquela explanada e xa algúns rapaces empezaban a berrar “aí vén o Rivas pequeno”. Notaba o cariño nas súas voces. Imaxino que nos anos 60, naquel ambiente pechado dos Paúis, calquera novidade lles debía caer coma auga de maio. Supoño que se alegrarían de romper a rutina. E ver a un cativo de cinco ou seis anos debíalles alegrar os ollos. Axiña se achegaban e dábanme cousas: lambetadas, xoguetes que facían eles, etc.
Despois, cando xa me tocou a min estudar alí, cando inaugurei o colexio novo, os domingos axiña deron paso ás fins de semana e xa podiamos durmir nas nosas casiñas (eu xa volvía o domingo pola tarde para poder ver o cine). Alí me tirei oito anos. Pero, estando ou non estando, moitos domingos e todas as novenas era un lugar de peregrinación. Ata cando andabamos coas vacas no Medo, deixabamos estas e iamos xogar ó frontón. Os Milagres. Sempre Os Milagres.

            Finca Fierro. Xoves, 31 de agosto de 2017

martes, 29 de agosto de 2017

HOXE TOCA UN CONTO



            Cae un lóstrego sobre a conciencia dun piollo e a saragana golpea na inocencia dunha gata en celo. E non é o mes de xaneiro. Tampouco é inverno. Non importa a estación para que os soños se peneiren, se abalen, floten sobre o firmamento. Ou sobre o universo. Ó mellor será Sting o que nos arrole con “It´s Probably Me”.
Cae unha pinga de auga, ou mellor dito, miles de pingas de auga sobre a pluma seca dunha laverca e quere nadar sobre o bulleiro dun charco unha lagarta. Quizais non todos os regos dunha leira marcan o camiño a seguir. Quizais algúns saen torcidos e non hai arado que os endereite. Vai ti saber! Poida que a solución estea nunha nugalla pousada sobre o lombo dunha vaca. Aínda que é difícil subir a ela, hai galbana nunha simple ollada. Que difícil é bailar sobre a punta dunha vara! Pousemos entón sobre o corno dun boi e escoitemos o jazz de Art Tatum e Ben Webster. Así de sinxelo. Así de tranquilo. Cae un raio de sol sobre a morriña dun conto e o tictac dun reloxo anuncia a noite pecha. Hoxe toca un conto que se desenvolva á calor dunha lareira.

            Finca Fierro. Martes, 29 de agosto de 2017

lunes, 28 de agosto de 2017

COMO UN PORCO Ó MILLO



            Buxán Vilamelle Prieto sentou á mesa da partida das cartas e pediu, a berros, como se pide sempre no noso país, un café cortado e xa case lle obrigou ós seus tres compañeiros a que pedisen tamén; “que despois andades sempre a parar a partida”, remachou. E Buxán Vilamelle, O Cogorzas, era de pouco aguante e amoláballe que a partida non tivese fin.
El quería ganar canto antes. Porque, “eu só xogo para ganar!”. Claro que, ás veces, moitas veces, perdía. Pero un día detrás doutro volvía coa mesma leria. Cando perdía sempre lle dicía ós contrarios que lles daban as cartas como un porco ó millo. Esa era a súa sentenza ó perder. Cando ganaba el, faltaría máis, era porque xogaba ben. Pois iso, o típico de todas as partidas das aldeas e non aldeas. Era raro o día no que non denunciaba un renuncio. Case nunca tiña razón, pero anoxáballe perder! Emporiso, se algunha vez o pillaban a el, axiña se desculpaba con que fora un erro, que quería coller unha carta e resulta que collera outra. Tamén o típico de moitos. Onte contemplei como xogaba e era a el a quen lle daban como un porco ó millo.

            Finca Fierro. Luns, 28 de agosto de 2017

ERAN COMA CANTAZOS



            Xa dera unhas cabezadas logo de xantar. Xa lera un pouco. Xa estaba vendo a etapa da Volta Ciclista a España. E xa levaba un tempo en que, ó lonxe, o ceo metía ruído. Pouco a pouco ese ruído foise achegando e os alustres asomaban, deixábanse ver pola ventá da habitación. Está chegando, está chegando, pensei. Naquilo caín na conta de que deixara un chisco as xanelas do coche abertas, por iso de que, como había sol cando aparquei pola mañá, correse o aire para non afogar ó meterme nel pola tarde. Baixei entón coma un lóstrego para cerrarllas. Que ben fixen!
Axiña os ruídos eran cada vez máis potentes e os relampos máis luminosos. Nun amén, saltaron os automáticos da luz. Alá se foi a etapa ciclista! E naquilo, semellou que o ceo se viña abaixo. As pedras eran coma cantazos, que axiña cubriron a rúa e que me fixeron compadecerme dos coches aparcados. A verdade é que parecía que perigaban. Aínda que o meu pensamento máis profundo estaba dirixido cara á viña: como isto caia por alá, adeus colleita! Máis tarde xa souben que, por agora, aínda está en pé. Menos mal.

            Finca Fierro. Domingo, 27 de agosto de 2017

sábado, 26 de agosto de 2017

AS LACRAS DE HOXE EN DÍA



            Xa o dicía eu. Que o atentado de Barcelona manteríanos ocupados durante moito tempo, que é o que os terroristas querían. E nós, veña, a darlle pábulo. O sábado houbo unha manifestación que empeza xa a traer cola, algo que se vía vir. Teño dito xa moitas veces que cando nos bombardean cunha noticia, esta acaba cansando. A min xa hai días que me cansou. E recoñezo que desconecto axiña. Aínda que hai veces que case non me queda outra que opinar, porque escoito moitas burradas. Non obstante, controlo. Porque sei que a maioría non estaría de acordo cos meus pareceres. Certo, ó mellor son eu o que erro. Pero non me sae da cabeza que aquelas barrabasadas traen estes bulleiros.
            Outra eiva: 36 vítimas por violencia machista no que vai de ano. Non me cansarei de repetilo: levamos o demo dentro. Moitas desas vítimas puideron evitarse. Pero a xustiza, ai a xustiza! E algúns veciños. Quen máis quen menos sabe o que acontece ós seus arredores. E como somos como somos, non queda outra que denunciar. Pero non denunciamos. Logo, pasa o que pasa.
            Outra lacra máis: os incendios. Todos os anos o mesmo. E todos os anos seguimos sen tomar medidas; sen apagar os lumes no inverno, sen encher os montes de animais que poidan pastar. Eu alucino cada vez que os grandes políticos asoman polos medios para dicir que son intencionados. Dino de tal maneira coma se descubriran a pólvora. Se 99% son intencionados!. Iso ata o sabe xa un cativo de oito anos. Non tomando as medidas correspondentes en épocas concretas, tamén habería que castigar máis ós pirómanos. Os incendios, hoxe en día, xa case ou sen case están á altura dun crime, dun asasinato.
            Última lacra: a seca. Lacra este ano, claro. Porque a cousa xa pasa de castaño escuro. Concellos tomando medidas xa contra o malgasto, contra a dilapidación das augas. E que dicir deses lugares nos que se abastecen as cuadrillas para apagar os lumes; xa non teñen de onde absorber o líquido elemento. Estamos perdidos!, como diría aquel.

            Finca Fierro. Sábado, 26 de agosto de 2017