Fotos. Apuntamentos. Retratos. Obxectos. Notas. Informes. Memorias. Ditames. Manuais de uso. Marcos con fotos. Cadros sen fotos. Recordos. Nostalxia.
Recordos dunha fervenza, dun canastro, dun hotel ou dun hostal, dunha cidade, dunha vila ou dun lugar perdido. Recordos do mar. Recordos de paseos, de rutas, de viaxes e de aventuras. Recordos de perdas, de présas, pero tamén de calma e de sosego.
O tempo pasa. As imaxes quedan, permanecen. A memoria voa. E a nostalxia acaba por facerse dona e señora dunha vida enteira.
En cada imaxe agóchase un recordo. En cada recordo, un verso breve unhas veces e longo outras; unha estrofa, un poema completo, pura poesía. Dicía aquel, e repítoo eu: a poesía es ti, é ela, son as lembranzas que permanecen.
A nostalxia é un caixón cheo de recordos; e os recordos multiplícanse cando os caixóns son varios. Dicía Jeanne Moreau que a nostalxia nace do desexo de que as cousas permanezan sempre iguais. E as imaxes axudan. Axudan moito.
Retratos. Amigos. Familia. Igrexas. Ríos. Santuarios. Montes. Lagoas. Áncoras. Vestixios dunha vida compartida. Recordos dunhas horas, dun día, dunha fin de semana, dunha semana enteira ou de quince días. Quizais non existan os recordos dun mes completo; as circunstancias laborais raramente o permitían.
Mais dá igual. Chega unha foto. Chega un recordo. Chega unha imaxe. Para que a nostalxia aniñe nas entrañas da melancolía e da morriña. Entón decátaste de que, ás veces, o tempo se detén, os pensamentos permanecen quietos e os sentimentos... os sentimentos afloran, emerxen, manan, xorden de novo, unha e mil veces... en cada fotografía, en cada lembranza.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 9 de xuño de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Martes, 9 de xuño de 2026








.jpg)