Sacrifiquei o tempo non facendo nada. Nada fixen. Quedei quieto desde un certo momento ata que eu decida en que latexo me erguerei. Estou sentado no mazadoiro da burga de Baños de Molgas, e canto me custa levantarme. Tanto, que nin sequera me preocupa o paso do tempo.
Desde aquí observo os veciños e decátome de que ningún deles se dedica xa a apañar caldeiros e cubos de auga quente para as vacas ou para facer a calda do pote. Xa non hai vacas, e xa ninguén cocerá así para os porcos.
Aínda que hoxe sacrifique o tempo, houbo un tempo no que acontecían esas cousas, e moitas máis. A auga quente da burga servía para todo. E cando non se levaba para as casas, eran as mulleres as que se apropiaban do lavadoiro con bañeiras ateigadas de roupa. Ás veces eran ata as propias vacas as que baixaban, como podían, as escaleiras para meter naquela auga quente, rica en bicarbonato e sodio, os pés feridos polas rellas dos arados.
Tamén houbo un tempo —e semella que, por sorte, aínda o hai— no que o famoso mazadoiro da burga era o confesionario de toda unha vila, o mellor psicólogo posible cando aínda ninguén sabía o que era a psicoloxía. Non podo dicir que aí se declarasen ou se derrubasen imperios, porque non chegamos a tanto. Mais si se confesaron segredos, se fixeron promesas, se declararon amores, se removeron as conciencias e se trazaron medidas, plans e proxectos; en definitiva, falouse de todo canto había na viña do Señor.
Porque no mazadoiro da burga, quen máis quen menos, sacrificaba o tempo e, sobre todo, as ceas. Valía máis unha parola, unha xuntanza sentados nesa pedra, toda unha santa Biblia.
Cafetaría La Cabarela. A Valenzá. Domingo, 7 de xuño de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Luns, 8 de xuño de 2026


No hay comentarios:
Publicar un comentario