Hai uns días, escribindo uns sinónimos referentes á alegría, á simpatía, quixen escribir “pavero” e tiven que facelo como acabo de facer, entre comiñas, porque a Real Academia Galega non admite tal vocábulo. A verdade é que me estrañou moito porque é un termo que, polo menos antes, usabamos cando nos referiamos a que alguén era moi simpático, moi divertido.
Buscando, buscando atopeime cun artigo de Francisco Ríos, no que tamén reivindicaba a palabra pavero e pavera, e no que poñía de exemplo o uso dese adxectivo por diversos escritores galegos, desde Camilo José Cela ata Torrente Ballester, desde Antón Villar Ponte ata Otero Pedrayo, pasando por Neira Vilas, Blanco-Amor e Méndez Ferrín, que non é moco de pavo.
Ante iso, non entendo como a RAG non recolle ese vocábulo cando se ve que foi de bastante uso. Os dicionarios deberían de recoller todas as palabras que se usan algunha vez, aínda que, por exemplo, se empreguen mal. O propio dicionario faría constancia disto: de que é unha palabra mal usada e debería dar outra opción. Hai que lembrar que hai zonas nas que, ó mellor, só se usa aí tal termo, pero estando á orde do día nesa contorna, a Real Academia debería ter en conta ese detalle.
Que pavero non existe en galego? Vale, moi ben. O dicionario da RAG que o poña, que o tache (como sei que fai con algunhas palabras) e que recomende, por exemplo, pándego, ou simpático, ou divertido. Eu teño dúas máis que tampouco aparecen, pero que usamos moito de rapaces: goldrar (pasar un río descalzos) e carrancoña (raíz das árbores).
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 23 de marzo de 2025
Tampouco o Estraviz a recolle, cousa rara!
ResponderEliminarAlgúns collen a palabra, pero co significado de coidador de pavos.
Eliminar