Falar
hoxe de David Ferreiro é fácil. Todo consiste en botar man do San Guguel para
que lle pegues un repaso á súa vida nos últimos anos. Porque, hoxe, David
Ferreiro Quiroga é bastante coñecido na provincia de Ourense e no mundo do
fútbol (que este adoita ser universal). A súa ligazón a este deporte fai
posible que o sigan a moreas. E aínda que ó principio era algo difícil seguir
os seus pasos (por pertencer a varios equipos), agora parece que está asentado
en Lugo, é dicir, máis que achegado ás nosas vidas. É como aquilo de “canto
máis prima máis se arrima”. Pois el, canto máis cerca máis se lle quere, non
si?
Por
querer xa se lle quería antes. Por veciño. Por ser fillo dun amigo. E polo
motivo que sae nesta reportaxe: por bulebule, por pillabán, por fuxefuxe, por
inquieto. Pero traste en plan cariñoso, en plan cativo. Non sei, pero a min,
polo menos, sempre me gustou máis un neno inquieto que un paradiño. E de cativo
había que ver a David. Perdón, o de ver quizais estea mal expresado; porque
David era visto e non visto. Cando pensabas que estaba detrás de ti, zas, xa o
tiñas que ir buscar á burga. (A burga era por antonomasia, e creo que aínda é,
o lugar de encontro de todos os veciños de Baños de Molgas: cativos, mozos e
adultos. O seu mazadoiro de pedra ten máis segredos que todos os petróglifos
xuntos de toda a contorna). Cando pensabas que podías botar man del para
facerlle tal ou cal pregunta, ale, xa o tiñas que ir buscar á Aira do Pombal,
ou por detrás da ponte vella, ou á Aira de Arriba, ou xogando en calquera rúa
ou praza.
Cada
vez que o nome de David se me vén á cabeza, aseguro que non penso nel como
xogador de fútbol xa bastante coñecido, senón que o seu nome debuxa na miña
mente a imaxe dos seus avós, principalmente do seu avó Inocencio que, logo, nas
xuntanzas ou nos bares falaba e falaba do bulideiro do seu neto. Era visto e
non visto. Recordo cando falei de Moncho Borrajo que dicía que era un cu
inquieto; e agora teño que rectificar un chisco, pois Borrajo ó lado de David
Ferreiro era un santiño, incluso un nugallán. David era e creo que aínda é
nervio puro. Incluso os ollos e toda a cara o delataban: tiña unha cara de
pillabán que te desarmaba ó momento. E, non obstante, hoxe, a timidez semella
que impera no seu ser. Xa se sabe aquilo de que o tempo pasa e todo cambia.
Incluso as persoas.
David
Ferreiro Quiroga naceu o 1 de abril de 1988 (vai para 28 anos) en Baños de
Molgas e xa de pequeniño (era pequeniño de estatura) despuntaba co balón nos
pés (normal; aquel nervio e aquela picardía tiñan que valer para algo). A proba
é que axiña se deu a coñecer nas categorías inferiores do Pabellón Ourense. E
como os observadores futbolísticos non son parvos pasou nun santiamén ó Club
Deportivo Ourense. Foi a partir de aquí cando, un rapaciño, empezou a percorrer
media España detrás dun balón. E foi a partir de aquí cando, un rapaciño, se
volveu home porque, a convivencia, faite bulir a marchas forzadas. Por iso
moitas veces penso que a vida de moitos futbolistas non é tan bonita como a
pintan. O que máis e o que menos ten que pasar pola etapa da desconfianza, do
descoñecemento, do afastamento dos seus. Aínda que tamén é certo que a causa
disto, un faise home. A vida dá voltas coma un balón. David correu e aínda
corre detrás dun balón polos equipos de Lorca, Zamora, Granada, Cádiz,
Santander, Hércules e Lugo. De cativo driblaba, caneaba ó seu avó Inocencio por
entre os palleiros e os canastros das airas de Baños de Molgas.
Cafetaría
O Pabellón de Ourense. Luns, 4 de xaneiro de 2016
Publicado en La
Región o venres, 12-02-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario