Quixo a
pinga de orballo ser aire na contorna de Sudalomba, pero a laverca que planaba
pola Chaira de Pinouzos picou nela e espallouna polo Río Vello adiante. Tan só
o ruxerruxe dun suspiro foi quen de alzar a voz para que as tres vacas de
Nicanor, O Pailán, outeasen o horizonte e, unha delas, a Garbosa, erguese o
rabo e fuxise dos tabáns que zoaban á
súa beira. “Patas, para que vos quero”, pensaría o animal. E nun santiamén
abeirou cara a Baños de Molgas deixando ó Pailán a velas vir. Menos mal que
puido xunguir ás outras dúas para levar o carro dos toxos que collera en Barricobos.
Quixo a Garbosa meterse na leira dun veciño para comerlle as verzas que tiña
por entre as patacas. E meteuse e comeu as verzas. Axiña lle chegou o recado ó
Pailán de parte do dono da finca, Román, O Piolloso. A aquel tan só lle quedou
o desculparse, meterse logo na corte, coller a tranca da porta carral e... A
imaxinación é libre, querido lector.
Quixo
outra pinga de orballo ser luz na noite escura na Aira de Arriba, pero o son da
campá da igrexa de Baños de Molgas pegoulle tal susto que a pinga saíu
esparexida polos terreos da Cortiña, tras o cemiterio parroquial. “Hai que ver,
anda revolta a feira”, pensou o orballo que abrolla de mañá cedo ante tales
adversidades. O Pailán e O Piolloso chegaron a un acordo; aquel pagaríalle a
desfeita da vaca en especies. Os tempos!, que diría aquel.
Finca
Fierro. Martes, 6 de setembro de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario