jueves, 22 de septiembre de 2016

LEVABA VELENO NO SANGUE


 
               Chámome Flanagan O´Reidy e nacín no oeste americano. Nacín alá porque a miña nai optou por tombarse entre unhas matogueiras dun monte pelado de Arizona. Tombouse para parir pero tamén para descansar. Levaba máis de seis horas andando por terreos inhóspitos e fuxindo do seu propio home. Eran as tres da tarde. O sol era un inferno.
Cando saín todo enguedellado unha serpe de crótalos mordeume o calcañar dereito. Hai que ter mala sorte nesta vida acabada de nacer! Non obstante, ós tres segundos, a serpe exhalou o seu último suspiro. Aí caín na conta xa de que eu levaba veleno no sangue. Era malo. Son malo. Desde que puiden cun Colt 45 xa quixen matar ó primeiro veciño que asomou pola porta da chabola na que viviamos, pero o maldito revólver atrancouse e cando fun buscar o coitelo de matar os porcos, o veciño xa batera cos pés no cu. A miña vida delituosa seguiu por todo o oeste americano e só consistía en ir de aquí para alá para matar a alguén, pero o deserto no que viviamos non tiña fin. E non atopei a ninguén.

               Maceda. Xoves, 22 de setembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario