Nas
primeiras reportaxes que escribín para estas Testemuñas da Memoria falaba das
heroicidades de certas persoas ante cometidos que se saían un pouco do común:
xente que arriscaba incluso a vida na posguerra, persoas que loitaban soas e
sen axudas ante obstáculos ou atrancos que se lles poñía polo medio para que
tropezasen unha e outra vez...
Pero
tamén hai xente que, con axudas ou sen elas, están aí loitando contra os elementos
máis diversos e adversos cos que alguén se pode atopar no camiño. Porque, deixándome
de andrómenas: é unha auténtica heroicidade traballar, orientar, conducir,
dirixir e aconsellar a un grupo de persoas cunha discapacidade visual grave,
tan grave que algúns actores están cegos por completo. E hoxe en día, os adaís
de todo isto son Melania Cruz (actriz) é Tito Asorey (director e actor) que fan
de chantón, de guía, de puntal do Grupo de Teatro Muxicas de Ourense.
Como
dixen, este grupo está formado na súa maioría por actores e actrices cegos ou
practicamente cegos, polo que, ó momento, me fan pensar nesa heroicidade a
partir dos seus ensaios e das súas representacións, nos seus bandazos, nos seus
cabreos ó non atinar nas colocacións, nos disimulos que levarán a cabo para que
non se lles note moito a discapacidade. Heroicidade porque resolven todo iso
con sacrificio, traballo e, iso si, moita ilusión. E despois está o propio ser,
a propia personalidade que, segundo confesión de Tito Asorey, dá gusto compartir
eses momentos de ensaio, de traballo, de semente con ese grupo de xente que son
fabulosos e que queren seguir e seguir, logo de tropezar e de engarrar, ata que
acadan o froito que, unha pena, non ven, pero si senten. E isto é o máis
importante.
Certo,
hoxe os heroes son Melania Cruz e Tito Asorey, pero antes destes houbo tres
heroínas máis encargadas de levar a bo porto a este taller de teatro da
delegación da ONCE de Ourense, que empezou a funcionar no ano 1998 da man da
actriz e directora teatral Sabela Gago, que tamén estaba, e aínda está,
vinculada á compañía Sarabela Teatro, e que sempre realizou unha importantísima
labor de pedagoxía teatral, destacando a Aula de Teatro Universitaria de
Ourense.
Desde o
momento da creación da compañía Teatro Muxicas, un pequeno pero moi fiel grupo
de actores e actrices estiveron vinculados ano tras ano a esta experiencia.
Sabela Gago cedeulle a encomenda a Matilde Vázquez durante catro anos, do 2001
ó 2004, onde o grupo puido continuar a súa formación e poñendo en escena varias
montaxes. No 2005 é Mónica Sueiro (pedagoga teatral cunha ampla experiencia no
teatro afeccionado) a que se encarga de guiar a eses actores que, aínda que non
ven ben, si viven os seus soños e as súas realidades a través duns personaxes
que lles serven de guía.
Rematado
o período de Mónica Sueiro, é, no 2007, Tito Asorey o que se fai cargo da
dirección do taller, axudado por Melania Cruz. Con estes a compañía logrou unha
maior solidez e consolidación, tanto a nivel de número de integrantes como a
nivel de alcance dunha liña estética propia. O nivel podo asegurar que é
grande, moi grande. Polo menos así mo demostraron cando os vin actuar na
Valenzá coa obra “Arsénico por compaixón”. Axiña pasas de pensar que a están
representando uns actores con discapacidades visuais fortes. Grazas ó seu
traballo, ó seu bo facer (e por que non, á súa dirección) empezas a ver a uns
auténticos actores profesionais e, o que é mellor, que pouco a pouco, vaste
esquecendo desa súa discapacidade. Aí está o seu valor, a súa importancia:
facerche crer que son auténticos, que están aí por méritos propios, porque
souberon choutar a barreira, o atranco que se lles puxo no camiño. Ante isto,
non queda outra que metelos no recuncho ese dos heroes anónimos (a eles e á
dirección) que, en silencio e á modiño, fanlle cambiar o pensamento ós demais
mortais.
Así, da
man para o pé, levan representadas as obras “Círculo vicioso”, de Antonio
Martínez Ballesteros; “A zapateira prodixiosa”, de García Lorca; “Baby Boom no paraíso”,
de Ana Istarú; “A voda dos pequenos burgueses”, de Bertolt Brecht; e “A visita
da vella dama”, de Friedrich Dürrenmatt, entre outras. O que demostra que
traballan e que saben moi ben o que fan. Eu, sinceramente, xa teño ganas de
velos noutra.
Café
Brétema da Valenzá. Domingo, 7 de agosto de 2016
Publicado en La
Región o venres, 02-09-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario