domingo, 18 de septiembre de 2016

O VAIVÉN DOS RECORDOS


            Xa corre a nostalxia por entre os millos da Pedradarca e os pardais da memoria aniñan nos codesos da Pillamadoira. Non sempre o tempo é quen de facer esquecer o que se viviu. Non sempre a distancia vai máis alá duns cantos pasos. Ás veces nun centímetro colle toda unha vida. Quen entende o vaivén dos recordos? E aí está a memoria preñada de Baños de Molgas que, co tempo, son sentimentos paridos nun papel en branco ou nunha conversa ante un café cortado.
Aí, nesa vila, prendeu a semente dun soño para que a colleita da lembranza se plasme na redacción de toda unha emotividade. Xa suspira o lagarto desde un penedo de Barricobos e as bolboretas viaxan no ascensor das herbas do Pedregazal. Quen entende o abaneo dos recordos? Ás veces é verdade que son difíciles de entender, pero aínda así, sempre son bonitos. Os recordos son coma o brote, coma o bertón dunha melancolía que vai e vén polas corredoiras da morriña, da señardade, da vida.


            Finca Fierro. Domingo, 18 de setembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario