viernes, 27 de agosto de 2021

A FOTO

Sento a tomar un café e contemplo o horizonte. Tal horizonte non vai máis alá dos quince metros, como moito. Porque o edificio que hai en fronte non deixa ver máis. Aí remata o horizonte. E algún dirá: para o que hai que ver... Pois ó mellor ata ten razón; para o que hai que ver. Por se aquel nin tan sequera penso imaxinar que pode haber máis alá. Case prefiro contemplar unha foto que hai nunha revista que teño aquí á beira. É un autorretrato dunha muller (agora seica é máis profesional ou queda máis bonito chamarlle selfie). Dunha muller guapa. Con gafas. Cun sorriso moi aberto. E cun fermoso colgante que pendura desde o pescozo ata uns dez ou quince centímetros do seu “canalillo”.


Pouco máis se distingue na foto. Aínda que o suficiente para ver que semella que a muller está tomando algo nunha terraza. Non é no interior, porque, detrás dela, hai como unha porta ou ventá de cristal no que se reflicte o edificio de en fronte. Non obstante, vaia pallasada a miña, o de fixarse ou describir todo o que arrodea á muller. Cando toda a vista se vai, se dirixe cara á ese sorriso branco, dentífrico. Nin tan sequera os anteollos son quen de distraer, de esfumar a fermosura da muller.

Para non caer na tentación de quedar de pasmón mirando para a foto, pecho a revista e volvo contemplar o horizonte. É dicir, o edificio que teño en fronte, no que a miña ollada choca cun súper, un café, unha panadaría, unha libraría e unha farmacia. Agora, como rematei de tomar o café, deixo de contemplar o horizonte e penso na foto. Marcho.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 26 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario