martes, 17 de agosto de 2021

ESFORZO Ó LÍMITE

Rapidiño e correndo para ver se aínda chego ó final da etapa da Volta Ciclista a España. Frase perfecta para deixar caer unhas pingas de orballo sobre certos esforzos humanos. Deica agora sempre puña de exemplo ós ciclistas cando subían portos de primeira categoría ou de categoría especial. E creo que sempre levei razón gabando esa fortaleza, ese esforzo, ese sacrificio. Pero tamén é porque nunca vira a carreira do maratón ou a de 50 km. marcha enteiras, ou case enteiras. Vía sempre aqueles típicos resumos de cando chegaban á meta os tres ou cinco primeiros, e nada máis.


Este ano, nos Xogos de Toquio, vin o que é realmente un esforzo deportivo e físico. Vin a corredores en plena carreira frear en seco e caer sobre o asfalto ou sobre os beirís das beirarrúas. Vin a corredores que tiñan algunha medalla xa colgada no pescozo (como pensabamos que lle acontecería ó español Marc Tur), pero nos últimos 150 metros, zas, quedaban sen recompensa porque os seus corpos dixeron basta. Ver como chegaban os atletas (os que chegaban) á meta era como botar as mans á cabeza e pensar que o imposible é posible. Mirade se debe ser descomunal o maratón ou esas carreiras tan longas, que cando ves chegar a algúns nos postos sesenta e pico e ves como levantan os brazos como se acabaran de ganar a medalla de ouro, é porque a súa conclusión, a de completar o percorrido xa é en por si un auténtico éxito. Aí si que é un éxito simplemente con chegar. E non digo xa nada sobre todo o que acontece logo de cruzar a meta; que a algúns xa os teñen que sentar directamente nunha cadeira de rodas. Esforzo ó límite.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 17 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario