Algunha que outra vez dáseme por falar. A ver, non son calado; pero é que agora levo dúas semanas seguidas falando case sen parar. Creo que só deixo de falar cando durmo; e como durmo pouco... Eu entendo (e sei) que falar moito cansa, mesmo esgota. Cansa e esgota ó que ten que escoitar, claro. Pero non podo evitar falar. Falo incluso cando estou calado! Porque noto como a miña cabeza traballa e traballa e traballa.
Falo coas lagartiñas que asoman polo atallo e coas cirolas que hai á beira do camiño. Falo co paisano ó que non coñezo de nada e falo sentado ante unha roda de carro e tamén desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Falo cara ós balcóns mirando para arriba e fálolle baixiño á flor do toxo. Quero cubrir a boca coas mans, a ver se así calo, mais non hai maneira. Sigo coa verborrea aínda que non haxa ninguén á miña beira. Vaia por diante que nunca me preocupou falar só. Moitas veces falo só.
Falo baixo o influxo da lúa vella e durante o ruxerruxe das mareas. Falo por Cristo bendito e polos confíns do universo, pola hipotenusa do triángulo dos carballos das Mestras e pola altura dos piñeiros que se erguen cara ó ceo dos Castros. Falo co can da tía Aurora e coa ducia de ovellas que pacen pola Tapada Nova. Falo co reflexo espido dun espello e co sorriso aberto e vermello de quen retratou o momento. Falo en primeira persoa do presente de indicativo e multiplico os segundos que levo falados desde que o mundo é mundo. Unha eternidade de tempo. Unha verborrea de trapalladas.
Café Kibu. A Valenzá. Martes, 10 de agosto de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario