Quero ser a estrela errante de Lee Marvin para buscar polos océanos a Perla Negra de Johnny Depp. Pero son Olegario Saldrán, O Afeitado, que estou de pasmón ou de paspán ou de bocaaberta (que é o mesmo) e á espera de que me caian os pans cocidos do ceo. Mentres espero, penso; e mentres penso, escribo. Escribo que no silencio non hai ruído e que o ruído, case sempre, molesta e incomoda. Escribo que o triángulo inscrito nunha circunferencia é unha figura xeométrica na que vexo o ollo de Deus, que todo o abarca pero que non ve nada. Escribo que a relación dunha cascuda cun sapoconcho non ten nada de sentimental; así como que as troitas do río Arnoia, en vez de nadar, corren. E baixan de pé deica o muíño do Dositeo.
A xente é mala en por si. Puxéronme O Afeitado cando eu sempre tiven barba, e nunca me afeitei. Nin penso afeitarme. Por iso fixen da barba un feixe para que non me chegase ós pés. Segundo a Sabina lle gusta levantarlle a faldra á lúa, a min gústame baixarlle os pantalóns ás mulleres. Creo que é máis sexy. Pero non son nada mullereiro; son un simple sentimental que escribo catro versos románticos e deixo caer tres amén cando vexo que algún tanga baila ó ritmo de “aquí te pillo, aquí te cepillo”. Ou te esfolo.
E aínda que non sexa nin Lee Marvin nin Johnny Depp, eu seguirei soñando coa estrela errante para buscar con ansia, con cobiza, con fervor, con devoción a Perla Negra e navegar con ela polos mares do meu universo. Algún día deixarei escrito que Olegario Saldrán, O Afeitado, sucou os océanos no camarote dos sentimentos.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 23 de agosto de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario