Quixen nacer entre nubes de algodón e miña nai pariume sobre un xergón cheo de follas de millo na habitación que estaba xusto por enriba do pesebre dos becerros. Se nacera ó anoitecer faríao enriba do cortello dos porcos, na cociña. Ás cinco da madrugada, por lóxica, cadrou que estaba na habitación.
Quixen nacer nun día da semana normal e corrente, ou sexa, laborable, pero non, miña nai, sendo bastante católica, apostólica e galega, preferiu o domingo, é dicir, desde o pesebre dos becerros xa fun directo á igrexa parroquial de san Salvador de Baños de Molgas, que está xusto á beira. Tan á beira que, nun punto dado, haberá tan só metro e medio. Creo que aprendín a Ave María e o Nosopai antes de dicir papá e mamá.
Quixen nacer para sereno e quedei en pobre labrego que, iso si, ó volver do monte coas vacas, anunciábame ben anunciado a base de berros polas rúas molguesas. Daba perfectamente as horas nocturnas.
Quixen nacer para vivir ben, pero as miñas circunstancias, a maiores de andar detrás das vacas, arados, carros, sachos e fouciños, leváronme por pesadelos que, agora, non procede contalos.
Son o fillo da Lola da Amparo e do Manolo da Lola que quixen nacer dereito e seica saín torto. Gústame asubiar máis que cantar, os nacionalismos máis que as dereitas, os esperpentos máis que as realidades, as sombras máis que as claridades, o reverso máis que o anverso. Gústame o toxo máis que a rosa. E gústame berrar en silencio, en completo silencio.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 13 de decembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario