martes, 28 de enero de 2025

SOBRE A INERCIA DE ESCRIBIR


Como chove, opto por meterme nun café a escribir. Podo escribir sobre a inercia de escribir, que todo consiste en empezar cunha palabra, cunha frase. Ás veces sae todo de corrido. Ás menos, cómpreme unha eternidade para deixar caer pingas de orballo que, para máis aquel, caen mal, sen sentido, sen significado. Porén, díxeno sempre: hai que andar ás duras e ás maduras.

Escribo sobre o orgullo dunha carracha e dun piollo; aquela alardea de tomar posesión do pescozo dun can e, o piollo, presume de bailar un valse sobre a cabeza dun neno. Non tardan en learse, en retarse a duelo na carreira dos Poulos, alá por Baños de Molgas.


Escribo sobre un espello no que se reflicte a ansia dun desexo. Certo que tal desexo está algo esfumado, apréciase con pouca nitidez, pero a imaxinación é libre e a ansia aínda se fai máis eterna.

Escribo sobre o bambán da Perla Negra que suca os océanos na procura dunha calma sentimental, ou esperpéntica, ou xenuína, ou musical, ou xeográfica. Unhas ondas son máis grandes que outras e os impulsos das mesmas levan á Perla Negra ó país da melancolía.

Podo escribir sobre as pingas que intúo que caen fóra e que mollan conciencia dun pardal e a alma dunha tartaruga. Aínda que, o sapoconcho, coa súa coiraza acubilla os sentimentos baixo a alfombra da señardade.

Escribo azul, escribo con ruído e, ós cachos -poucos-, en silencio. Escribo fino, escribo groso, escribo mal. Xa miña nai me dicía que escribía fatal (pola letra, digo), e unha nai sempre ten razón. Escribo versos, escribo prosa, escribo acentos e escribo o punto final.


Café Rooster. Ourense. Luns, 27 de xaneiro de 2025


Foto: Carreira dos Poulos (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario