jueves, 27 de febrero de 2025

IMAXES


Deixo caer a cabeza sobre a almofada e vexo como pasan imaxes que me obnubilan, que me asombran, que ansío. En cada imaxe vai un recordo, un tempo que foi, un sorriso, unha queixa, un xogo, unha carraxe. Algunhas mesmo se acumulan nos músculos ou tendóns que unen o pescozo cos ombreiros producindo unha tensión que case manca, que case doe. Hai imaxes nas que liberas unha guerra interior, como as hai que te elevan máis alá das estrelas ou ó sétimo ceo.

Coa cabeza sobre a almofada cantaruxo un tema musical para poñerlle banda sonora a esas imaxes que van e vén, que se mesturan, que se xonguen formando unha colaxe sentimental ou romántica ou filosófica ou social ou laboral ou deportiva. E do recanto da memoria sae o instante no que... No que sobre o visor estaba todo un momento, un lapso, un intervalo, un intre. Tamén un vestido, un sorriso, un gorro, un pantalón, un peito, unha coleta, unha garavata, un sombreiro, un inicio de movemento, unha ollada fixa.


Hai imaxes polas que se baila un tango sobre o arco da vella ou sobre a galla dun loureiro. Como as hai nas que pingas de orballo humedecen o clixé da ocasión, do silencio na paisaxe, do berro na pose, na postura. Hai imaxes que deixan coa boca aberta e co desexo de non seguir mirando. Tamén as hai das que non se aparta a ollada ata que doe a meniña do ollo, a pupila; esas que deixan a un cego... para ben e para mal.

Coa cabeza sobre a almofada pasan as imaxes con rapidez, con lentitude, pero sempre coa ansia de, algunhas, velas unha e outra vez. Porque as hai que abraian, que pasman, que marabillan.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 27 de febreiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario