E que tal se son o xerundio do verbo andar? Hoxe case que non. Mellor quedar quieto. Por moito que me chamen o rápido de Bouzas, ou a locomotora, ou o acelerado; hoxe non quero andar. Co ben que estou aquí, tombado, ó sol, na herba verde das Mestras, contemplando os vellos carballos, recios, marabillosos, impoñentes, e escoitando o canto da rula e do pombo, mesmo das pegas e corvos, e, como non, o suave murmurio da corrente do río Arnoia. Mira que estou parvo; semello un paiolo con todas esas descricións. Semello un principiante gramatical. Que si a luz da lúa, que se as cores do arco da vella, que se os latexos dun corazón, que se o brillo no iris dos ollos. Paiolo por completo!
Si, certo, agora mesmo, quieto estou mellor. Nestes momentos son máis ben unha ringleira de adxectivos da galbana: desde galbán e baleigán a zolado e vago, desde calaceiro e camanduleiro a truán e preguizoso, desde folgazán e gallofeiro a preguiceiro e paduán, desde gandulo e lacaceiro a nugallán e moulón, desde lampantín e lerchán a loubán e langrán. Como para non exclamar sobre a riqueza da nosa lingua! Dunha simple galbana!
Definitivamente, hoxe non quero ser o xerundio do verbo andar. Hoxe son case un obxecto que non se move das Mestras, aínda que, iso si, a mente corre detrás das avespas na busca do néctar das flores e na procura dos ovos dos niños das carrizas, ou das azulentas, ou das lavercas. A mente empeza outra vez a apaiolarme a cabeza para que solte aquí pensamentos ou ideas melosas, sen sentido. Case me tenta ser de novo o xerundio do verbo andar.
Café Rooster. Ourense. Luns, 24 de febreiro de 2025
Foto: Parque das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario