martes, 18 de marzo de 2025

CORRER


Corrín detrás dunha rula porque me gusta correr detrás de algo. O outro día corrín detrás dun coche branco e perdino na distancia. Como corría, o condenado! Cando corro súo pouco, pero súo. Para suar moito teño que correr moito. Son de pouco suar. Algunhas veces, cando súo, súo pingas de orballo. Outras veces súo guizos de carballo. Seguro que moitos non saben o que son os guizos. Eu, de rapaz, aínda andei a eles. E miña nai non calaba con que nos seus tempos nin había guizos. Cousas miñas e de miña nai.

Corrín detrás dun avión e perdinme entre as nubes de algodón; esas, as brancas. Tiven que alugar un traxe de astronauta para seguir o seu ronsel. Deume algo de carraxe, pois, no faiado, tiña colgado o meu propio traxe. O día que se me dea por desaparecer, buscádeme máis alá das estrelas. Penso poñerlle ás á Perla Negra e marchar deica o infinito e máis alá.


Corrín detrás do eco das badaladas das campás da igrexa de Baños de Molgas e choquei contra o outeiro de Brandín. A miña intención era ir para o outro lado, para o outeiro do Corno ou o santuario dos Milagres. Semella que o aire zoaba con destino a Salgueiros, a Ourense e para alá se dirixiu o eco.

Corrín de noite detrás da lúa vella para poñela ós pés de quen correspondera. Non tardei en decatarme de que estabamos en cuarto minguante, que xa non é o mesmo. A lúa vella é moita lúa vella; é cando algúns lobos oulean con máis ansia. Corrín de día detrás dun toxo verde para ulir, para cheirar a súa flor amarela e unha gavela de codesos non me deixou seguir... para que non suase moito.


Café Rooster. Ourense. Luns, 17 de marzo de 2025


Foto: Campanario da igrexa de Baños de Molgas (Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario