viernes, 18 de abril de 2025

BRUTOS COMA ARADOS


Mirei para adiante e alá estaba; na distancia, lonxe, firme coma un carballo recio. O Pego estaba máis teso que relaxado. Pelo longo, nariz afiado, ollos negros, alto, delgado. O Pego chámase realmente Eugenio Cañizares Ruiz, fillo da Clotilde e do Nemesio, Os Paspallás.

Tanto o fillo coma os pais nunca foron ben vistos polos veciños. Brutos coma arados e... malfalados. O de malfalados non vai por esas palabras groseiras ou pecados veniais. Os Paspallás e seu fillo tampouco é que usasen os pecados mortais; eles son máis de insultos de menosprezo, de abuso, de carraxe, de mala sombra, de vilipendio. Os pecados, tanto veniais como mortais, é certo que están á orde do día, pero as sentenzas desa familia eran e son das que fan tremer o mundo.


O Pego, cando me ve, nin tan sequera me mira de esguello. El vai ó seu, ou sexa, a soltar a sentenza: “Non se che ocorra pasar a menos de dez metros de min ou ábrote en canal”. Non dixo nada máis. Ante tal situación nin as boas tardes lle dei. Metín o rabo entre as pernas e marchei coas orellas gachas por outro lado, a moito máis dos dez metros sinalados. Sabía da fama desa familia e non quería meterme en liortas.

Non é que sexa eu covarde, pero ás veces é mellor non buscar as desgrazas; as del e as miñas. As del porque tampouco son un miña xoia e non saberemos en que podería acabar a cuestión, e as del porque podía levar unha tunda ou malleira ou ben porque lle acontecera un infortunio comigo. E xa se sabe que, despois, a benemérita non é parva.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 17 de abril de 2025


Foto: Carreira cara ós Lameiros de Arriba (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario