Como se está poñendo o panorama político! Tanto o español coma o mundial. Tanto é así que non vou esperar a que me manden ó desterro ou a algún lugar peor. Voume exiliar eu mesmo. Sen falta.
Marcho correndo, definitivamente, ó faiado para descolgar o traxe de astronauta. Souben desde hai tempo que tiña que gardalo e telo en boas condicións. Non son político nin me gusta a política, pero hai cousas que se ven vir.
Como vía vir a historia, tamén hai tempo que lle roubara un mísil ós ianquis cando, por un casual, pasaron por Baños de Molgas. Co fouciño pincháralles as rodas dun dos camións do convoi e, mentres foron buscar outro, eu, peza a peza, roubeilles o mísil. Para que despois digan que os ianquis son listos, que son a máxima potencia en armamento. E un paspán labrego fódelles un mísil.
Escondino entre unhas toxeiras de Sudalomba e, agora, nun amén, xa o teño listo e disposto para que saia coma un foguete, coma os que se botan na procesión de san Salvador. Cun sedeño átome ó proxectil. Malo será que ó alcanzar certa altura ou segundos antes de que estrale o mísil, non sexa capaz de desatarme para flotar polo espazo sideral.
Nin realizo a conta atrás nin rabo de gaitas. Disparo o mísil e despídome da vila, do país, da Terra ó mesmo tempo que berro, que bramo: “agora bicádeme no cu que teño paxariños”, como me dicía miña nai cando corría detrás dela. Desde as alturas, a Terra é bonita e a política podre.
Café Brétema. A Valenzá. Venres, 13 de xuño de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario