Levaba tempo sen que o concello de Baños de Molgas acudise na miña axuda para que lle quitase as castañas do lume, como noutras ocasións en casos de investigación, de espionaxe, mesmo de “execución”. Acaban de chamarme porque seica levan dous ou tres días vendo uns cantos intrusos roldando pola vila. Semella que teñen o cuartel xeral nas Mestras. Collo ó momento o coche e marcho a fume de carozo. Coas mans baleiras. Na palleira da vila molguesa teño todo o que necesito.
Antes —porque non quero pecar de arroutado—, bótolle unha ollada ó recinto para saber ben que pasos teño que seguir... e que armas teño que usar, se é que hai que usar algunhas. A verdade é que As Mestras están cheas de —nótaselle ás leguas— gardacostas, o que, e aínda que a miña intelixencia é das pobres, dáme a entender que alí algo se coce, que nas dúas tendas de campaña afastadas uns metros das 10 ou 12 usadas polos escoltas, hai algo máis que uns simples intrusos. Máis ben, os líderes dos intrusos. Se se me poñen farrucos, penso que co fouciño me chega.
Volvo á palleira, poño unhas polainas (nunca se sabe como poden reaccionar os gardacostas), collo o fouciño e baixo de novo, con calma, pero con algún, iso si, latexo do corazón algo máis forte do habitual. Xusto cando empezo a dialogar cos primeiros gardacostas que me saen ó paso, vexo que dunha das dúas tendas citadas saen Donald Trump e Benjamín Netanyahu. Nin diálogo nin hostias; fago unha desfeita co fouciño.
Ante a prensa confeso que a eses dous elementos os confundira tamén cos escoltas e que, agora, xa non había volta de folla. Aquí paz e despois gloria.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 8 de agosto de 2025
Foto: Parque das Mestras (Baños de Molgas)
No hay comentarios:
Publicar un comentario