sábado, 30 de agosto de 2025

AS NOVENAS SON AS NOVENAS


O normal é que este Recuncho, hoxe, fose un pouco cultural debido ós pasamentos de dous actores e un cantante: Verónica Echegui, Eusebio Poncela e Manuel de la Calva. Pero... Pero é que desde o sábado xa estamos coas novenas d´Os Milagres. Estas novenas, para un servidor, xa son palabras maiores. E iso que non hai moito, nun dos meus escritos, confesei o meu ateísmo, máis tamén é verdade que recalquei que era un ateísmo estraño. Porque, é certo, cada vez creo menos, pero as novenas d´Os Milagres e o san Salvador de Baños de Molgas son outra historia, outra devoción.

Tamén sempre teño confesado o meu apego por ese recinto debido ós oito anos que me tirei aí estudando. Sei seguro que aínda que non estudase nese colexio, as novenas seguirían sendo as novenas. Porque xa o eran antes de iniciar a miña andaina estudantil. Desde ben cativo non perdía un día deses dez (os nove da novena máis o día grande) sen ir ó santuario; ben porque me era unha pequena diversión, ben porque... a narices había que ir baixo o mandato de miña nai!


O ano pasado, por circunstancias, non puiden ir ningún día. Este ano, en principio, xa fun onte. E a pesar do meu ateísmo estraño, de que estou alí e poida que non lle faga nin caso á misa, algo, un algo dime que aquilo é outro sentimento. Non sei se de devoción, se de tradición, se de costume, se de que. Pero o caso é que entro, por exemplo, ó templo e miro para a maioría das imaxes relixiosas, e miro, por suposto, para a santiña e, á miña maneira, pídolle. Mesmo adoito achegarme ó sitio no que están as velas e acendo algunha ou algunhas. O meu “presunto ateísmo” faime dicir que as acendo para a axuda do mantemento do recinto. Ide vós saber cal é a realidade.

Hoxe en día, as novenas d´Os Milagres penso que xa van máis alá da devoción, pero aínda así, á xente nótaslle algo. Algo así coma un sentimento de refuxio espiritual e coa confianza de que unha axuda divina flota no ambiente. Porque todos os que imos ás novenas, hai que recoñecelo, é tan só para pedir, para vencer o medo que nos atenaza. Pedimos pola saúde por medo a poñernos enfermos. Pedimos traballo para as familias por medo a que vivan no paro. Pedimos polos estudos dos fillos por medo a que suspendan ou sexan uns burros. (Paréntese para dicir que nesta última petición a virxe si produce milagres, pois cando eu aprobaba, miña nai sempre dicía que era grazas á virxe d´Os Milagres. Iso si, cando suspendía, a culpa era miña). Seguirei coas novenas o luns que vén porque, para máis aquel, é O Día 8. Falarei do Día 8.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 30 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario