domingo, 17 de agosto de 2025

O OBXECTIVO


Localicei o obxectivo. Estaba máis alá das estrelas. Era unha nave espacial que tiña forma de canguro. Seguro que a tripulación era das antípodas ou de por alá. A min dábame igual. Tiña a misión, a encarga de destruír todo o que se movese máis alá dos astros.

Armei os aparellos e puxen o reloxo para iniciar a conta atrás. Xusto cando marcaba o oitavo segundo dos dez programados, vin saír da nave canguro a un cativo de pouco máis alá de cinco anos. Que pintaba un neno nesas inmensidades galácticas; tanto de tempo coma de espazo? A solución era sinxela: unha tripulante tivera relacións sexuais con outro tripulante e empreñara. Así de fácil. E parira. Así de simple.


Foi a partir dese momento cando me entraron as dúbidas de cumprir ou non cumprir as ordes, a encomenda, o recado. Un adulto é un adulto, pero é que un neno é máis que un neno, que, neste caso, sería a pura inocencia galáctica ou cósmica.

Sabía que se non cumpría o mandado, eu mesmo, desde aquel momento, pasaba de cazador a presa. Non pola tripulación, entendo que australiana, senón polos propios mandos, polos meus propios colegas, camaradas, compañeiros. A partir de aí eu era o obxectivo. A partir de aí era eu o que tiña que perderme polas galaxias descoñecidas e por máis alá do infinito.

Encomendeime a Deus e ata ó diaño e iniciei unha fuga cósmica cun final incerto. Ora que, mentres non chegue tal final... a vivir que son dous días! Aínda que, por estes lares, o tempo é o de menos.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 12 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario