viernes, 8 de agosto de 2025

POESÍA


Quixen inventar un verso que canalizase todo o poema. Xa estaba inventado. A poesía é un mundo sinxelo cun fondo fráxil, aínda que, por veces, a dureza, a protesta rime sen rimar. A poesía é bailar con moito sentimento sobre un arame de espiños. En cada puga pode haber un verso ou... un lamento.

Inventar o que xa existe é complicado. Como moito pódese axustar, ou mellorar, ou empeorar, pero inventar... hoxe xa está todo inventando: verso a verso, estrofa a estrofa, poema a poema.


Queda a ilusión de inventar a temática poética, o estilo poético, a forma do poema. Despois que cada quen lle sume ou lle reste versos. Poesía en movemento. Di Sabina que a poesía foxe, ás veces, dos libros para aniñar extramuros, na rúa, no silencio, nos soños, na pel, nos cascallos, incluso no lixo, na sucidade... E dixo Octavio Paz que o erotismo é unha metáfora da sexualidade, mentres que a poesía é o erotismo da linguaxe. Eu digo que a poesía é tamén ese berro, ese ouleo que se espalla polo tempo da inocencia (xa dicía León Daudet que os poetas son homes que conservaron os seus ollos de neno) e que se esparexe polo universo dos soños.

Facer versos malos depara máis felicidade que ler os versos máis fermosos. Iso dicíao Hermann Hesse. Quen non fixo malos versos nese tempo da inocencia?, onde cada rima era un latexo e cada poema toda unha vida. Quen non quixo inventar un verso, aínda sabendo que xa estaba todo inventado? A poesía é un recordo dos mellores e máis felices momentos, dos mellores e máis felices enxeños, segundo Percy Bysshe Shelley. A poesía é todo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 3 de agosto de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 8 de agosto de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario