viernes, 12 de septiembre de 2025

BAIXO O PRISMA DOS OULEOS


O aire levanta da beirarrúa a bolsa de plástico... baleira. O ceo está nubrado. O reloxo marca unha hora concreta da tarde. O son dunha acordeón na distancia. E moito máis alá o ouleo do lobo. Os lobos adoitan oulear en soidade. Algunhas persoas viven a soidade nun bambán cheo de silencio, pero con agarimo.

Un neno que tropeza e cae. Medio ri, medio chora. Ergue e segue coa inocencia subindo a todos os obstáculos. A inocencia dun neno non é a mesma que a dun adulto, por moita ausencia de malicia e picardía que haxa. A inocencia é o estado da alma, do espírito limpo de culpa.


Unha rula que voa. Un coche que pasa. Un pequeno ruído que asoma. O silencio que volve. O tempo que semella que se detén, aínda que o lobo siga ouleando. Ouleo triste, melancólico, solitario, eterno e marabilloso. Todos os lobos oulean mirando para a lúa vella.

Unha ollada perdida. Un medio sorriso que se mostra. Un verso que cae do poema. E o poema que se enche cos berros que se lanzan desde un outeiro. Semellan ouleos. O lobo compón unha estampa na que rima a señardade coa arrogancia, a morriña coa inocencia. Hai ouleos que forman poesía cando o aire se espalla polo universo, polo noso universo.

O ceo pasou a gris. O neno volveu caer. A rula asentou no seu niño. O silencio rachou co ruído doutro coche. E o poema arrastrou sentimentos baixo o prisma dos ouleos. Hai ouleos que esconden ou descobren todo un poemario sinfónico.


Café Rooster. Ourense. Xoves, 11 de setembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario