Porque teña tose, non significa que estea enfermo. Porque me pique ou me rasque a gorxa, tampouco significa que estea enfermo. Porque teña a cabeza coma un bombo, non significa gran cousa. Porque me tremelique o corpo, aí xa empezo a dubidar algo. Porque non poida coa alma, aquí si xa que tornan as tornas. Porque non teña ganas de escribir, nin de ler, nin de ver unha película; máis que enfermo, é que xa estou nas últimas: agonizando. Aquí é onde si sei seguro que non son eu; que un mal se apoderou do meu corpo e estou a velas vir.
Máis ben, estaba. Porque noto melloría e a mellor proba é que xa estou escribindo. Sempre tiven como termómetro da miña saúde esas tres cousas, principalmente a de ver películas. Porque, escribir, ás veces, non apetece, non por falta de saúde, máis ben por falta de tema, de inspiración, ou por a simple galbana. Porque, a lectura, e aínda que sempre teña un libro á miña beira ou dentro da miña mochila, podo, quizais, ler algún que outro parágrafo ou algún que outro capítulo, pero tamén chega o momento no que todo cansa e, con maior motivo, se o corpo non está para troulas, para rexoubas. Pero o cine, as películas, ese xa é outro cantar. Sempre as vivín tan intensamente que me esquecía do mal que puidese ter.
Cando a outra noite non puiden ver a película porque nin ganas tiven de buscala, porque o que me pedía o corpo era tombarme e durmir, foi aí cando si souben realmente que eu non era eu. Que non necesitaba, que non precisaba poñer ningún termómetro baixo a axila para saber que o asunto estaba fodido. Por sorte, só foi un día coa súa noite. Agora mesmo, os tres termómetros marcan a temperatura perfecta da miña saúde, da miña vida.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 2 de outubro de 2025
Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 8 de outubro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario