De camiño, e baixo un sol outonal que mesmo me obriga a ir pola sombra, planifico a miña propia morte. Para cando queira morrer. Hoxe aínda non; aínda son moi novo. Ante esta directa confesión, alguén ata pode pensar que ese sol comentado me está a danar a cabeza. Nada diso; é unha planificación auténtica e racional. Porque a todos nos chega a nosa hora. Porque todos temos que pasar pola pedra, choutando da claridade á escuridade, do ruído ó silencio nun simple amén.
Que mellor entón que deixar todo ben planificado. Para axudarlle ós que lles interese. Miña planificación é máis que sinxela: como despois de morto todo me dá igual —de nada me decato—, que fagan comigo o que queiran. Un dos meus gustos é que me deixen tirado en Sudalomba, alá no monte Medo de Baños de Molgas, para proveito dos lobos. Se pode ser, no mesmo lugar no que “pelexei” cun, para demostrar que non lle tomei a mal que me quixera levar a única ovella que tiña.
Se non me tiran e queren gastar comigo un cadaleito, que este sexa o máis económico posible. Como nós somos de carballo e castiñeiro, nun destes que leva anos no chan e medio podre para que saia barato. Enriba da tapa do féretro, que poñan un CD de Morricone e outro de Milladoiro. Como a miña intención é a de que me queimen, ante o crematorio, que alguén faga sonar a “Negra sombra” de Rosalía, en versión de Luz Casal e Carlos Núñez. Nada máis.
Rematada a incineración, as cinsas, e aínda que estea prohibido, alguén, con disimulo, que as solte no lameiro dos Lamas, no río Arnoia e en Barricobos, no monte de Pinouzos. Cando morra. Aínda non decidín morrer. Sigo pola sombra para que a cabeza non ferva de mais.
Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 25 de setembro de 2025
Foto: Lameiro dos Lamas (Baños de Molgas - Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario