Raio de rapaz! Quixo que
descarrilase o tren. Para elo puxo tres pedriñas no raíl esquerdo. Acochou
detrás duns salgueiros e esperou a que pasase o cabalo de ferro. Cando oíu ó
lonxe o asubío da máquina, o neno deixou escapar unha risiña polo baixiño e
contou os segundos nos que tardaría en chegar o tren. O seu corazón bambeaba
latexos ó compás do ruído das rodas de ferro daquel tren que xa asomaba no
horizonte. O rapaz deixouse ver un chisco e axiña cambiou de expresión. Puxo
cara de susto. Non imaxinaba unha mole tan grande a aquela velocidade. Un novo
asubío aínda o asustou máis. Xa non controlaba os latexos do seu peito. Apertou
o cu e os nervios leváronlle as dúas mans á petrina para, alí, apertar con
forza e non se mexar co medo. Pensou no que podía pasar se descarrilase o
tren... a aquela velocidade! O cabalo de ferro pasou e o neno tan só viu po
onde puxera as pedriñas.
Café Oren Express da Valenzá.
Mércores, 4 de xuño de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario