jueves, 21 de noviembre de 2024

O LÁZARO RESUCITADO


Son o Lázaro resucitado. Estaba morto pola indiferenza duns individuos, pero falei, por medio dunha conferencia ou parladoiro, con Xesucristo e pedinlle no idioma arameo que me resucitara. Hai máis ou menos unha semana que o fixo, que resucitei. De entre os mortos, si. Xa non pertencía ó mundo dos vivos.

Agora son outro, nótome outro. Sen menos medos. Con máis ansias e soños. Con ideas máis arroutadas e disposto a comerme o mundo. Penso coller a eses individuos e rillarlles os ósos. Porque me mataron con desdén, coma se eu non fose nada, ou como moito, unha poeira. Pensarían que non volverían saber de min. Aquí estou, resucitado e con ganas de armar o esperpento.


Chámome realmente Lázaro e procedo das profundidades do inferno. Do meu. Ou do deles, que tamén o teñen. Agora, cando me vexan, seguro que lles mancará e doerá a conciencia. Esa que, é certo, para min, non teñen. A miña, hoxe, está limpa. Cando os aniquile, seguro que tamén me remorderá. Porén, ó feito... feito.

Nacín na seguinte aldea ó pasar Belén. De aí que coñecera ó home que me resucitou. Bo tío, un pouco idolatrado de máis, pero alá cada quen cos seus ideais. Eu, agradecido; que me resucitou. De entre os mortos. Aínda que, no momento en que o fixo, estaba eu só. Case sempre estiven só; no mundo dos vivos e dos mortos. Agora xa son outro e moitos están arredor de min. Porén, sigo a sentirme só. Ou non. Depende do momento, do instante.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 19 de novembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario