viernes, 22 de noviembre de 2024

HAI QUE MOVERSE!


Cansei de estar cansado. Solución: hai que moverse! Movo a cabeza, movo os pés, movo as pernas, os brazos e as mans. Movo todo o esqueleto. Xa semello outro. Máis lixeiro. Máis contento. Vou de aquí para alá e de alá para o outro lado. Tamén fun á caldeira de Disoutrolado, alá en Baños de Molgas, e ós Castros de Toén e de Cartelle. Por ir ata fun polo vento e vin polo aire. Así, tal cal. Ou tal como.

Se movo o ollo esquerdo, convértese nun chiscar de ollo. Se movo o dereito, noutro chiscar. Se movo o peito, débese, por suposto, ós latexos. Os latexos deste corazón que latexa. A boca prefiro, en principio, non movela. Canto menos se fale... En boca pechada non entran moscas. Aínda que, cada vez que a abro, en vez de entrar moscas, saen sentenzas e arroutadas e quimeras.


Comigo tamén se moveu a esperanza, que estaba medio apoucada e bastante acovardada no baúl da inxenuidade. E moveuse a ilusión dunha primeira vez. Primeira vez en todo; nos anhelos, nos devezos, nos desexos, nos berros e no sétimo ceo. Comigo moveuse a inocencia e, despois dun tempo, a propia inercia.

Xa non estou canso. Xa esparexín os movementos a base de pensamentos, e os pensamentos co bambán do tempo, e o tempo para empregalo contento. Ou polo menos medio contento. Estaba cansado de estar cansado e agora xa perdín a noción do tempo que levo movéndome. Seguro que non tardarei en cansar de andar tanto, de moverme sen acougar. Pero, mentres, seguirei deica que non me queden máis folgos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 20 de novembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario