Vexo na distancia un pombo. Ó mellor é u gaio. Non se move. Eu si me poño en movemento. Non tardei en saber que era unha rula. A vista, ás veces, falla. Ou desexamos que falle. Por veces vemos o que non queremos, e viceversa. Sempre quero mirar ben para ver mellor. Mais a idade... A idade sempre acaba poñendo a cada un no seu sitio.
Vexo ríos e montañas e sei que vexo natureza. Vexo nubes brancas que, pouco a pouco, se volven negras e iso é como ver que a tormenta se acerca. Vexo o sol, vexo a lúa e vexo o universo sen fin. Vexo esperpentos bambeando sobre gallas de castiñeiro e desexos bailando un tango sobre os outeiros do peito. Vexo luz e escuridade, vexo leiras e marcos, vexo sachos e arados, e vexo bicos lanzados. E tomados. E saboreados.
Vexo, agora si, a rula que segue sen moverse e dándome a intuír que algo quere. Meto a man no peto para sacar uns grans de millo e quedo a medio camiño. O que pensaba que era unha rula, era unha pedra. Unha pedra con forma de paxaro. Maldita sexa, como nos engana o desexo, a ansiedade, a ilusión, o soño!
Vexo unha azulenta no niño e un avión no ceo. Vexo o toxo e vexo a aguillada. Vexo a penumbra e vexo a cama. Vexo a seca en Lindoso e vexo a riada en Baños de Molgas. Vexo o mar e o seu ruído é coma se o vira. Vexo a canella e vexo o carreiro. Por ver ata xa vexo algúns mortos e a santa compaña no seu peregrinar. Vexo un triángulo equilátero e tatuaxes sobre unha pel branca. Vexo o traxe de astronauta no faiado e a un cometa mandando a este mundo ó carallo. Agora si que xa non vexo nada.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 21 de novembro de 2024
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 24 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario