viernes, 22 de noviembre de 2024

OUTRA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Hoxe é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta data implantouna a Asemblea Xeral da ONU o 17 de decembro de 1999, aínda que en Latinoamérica xa se conmemora desde 1981, na honra de tres irmás dominicanas asasinadas o 25 de novembro de 1960 polo réxime de Trujillo. As irmás Mirabal (Patria, Minerva e Mª Teresa), tamén coñecidas por As Mirabal ou As Bolboretas, foron unhas dominicanas que se opuxeron á ditadura de Rafael Leónidas Trujillo. E como acontece en calquera ditadura e con calquera ditador, iso non gusta nada, polo que, como se adoita dicir, quen as fai págaas. Pagárono tal día coma hoxe de hai 64 anos.


Porén, eu quería pillar este día doutra maneira, con outra perspectiva porque, creo, que cada vez que oímos ou lemos iso de Violencia contra a Muller, sempre se nos vén á cabeza as malditas labazadas, as miserentas malleiras e os ruíns maltratos. Emporiso, era violencia contra a muller o trato habitual que se lle dispensaba, por exemplo, á muller labrega? Non había labazadas, ó mellor nin berros, pero tampouco existía aquel acougo, aquel descanso merecente de calquera ser humano. Todo era baixar o carrelo, o lombo, o raxo e tirar para adiante. Sen dar un chío, unha queixa, un laio.

Poño o exemplo de miña nai (como de calquera muller labrega). Era a que primeiro se levantaba, a que nos acompañaba nas tarefas agrícolas ata a mesma hora de xantar, a que chegaba á casa e púñase a facelo, pero, antes, atendía primeiro ós porcos, ou mentres fervía a potaxe, o caldo, o que comésemos. A que fregaba os cacharros, mentres os catro homes se tombaban a durmir a sesta, a que non durmía a sesta porque tiña que fochicar con algunha roupa (coser, remendar, lavar, dobrar, etc.), a que volvía coa aixada ó lombo para os eidos, a que cavaba deica a noitiña, a que, ó chegar á casa, a voltas coa cea e cos porcos e coas demais tarefas domésticas. O domingo, que é cando a maioría dos seres humanos descansan algo, ela era cando máis traballaba: limpeza da casa, pasar o ferro (certo que este pasábase pouco porque, naqueles anos, non cambiabas a roupa a diario), lavado de roupa na auga quente da burga para aclarala na auga fría do Arnoia (os cambios bruscos de temperatura eran o cabalo de batalla nas noites a causa da reuma, da artrose...) Sempre confesou odiar os domingo. Quen non, nesa situación. Isto non será aínda máis violencia que a que temos en mente? Merecen máis que monumentos e recoñecementos!


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 22 de novembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario