martes, 17 de diciembre de 2024

EN TENSIÓN


Primeiro rañei na cabeza, despois rabuñei nunha perna e acabei dándolle masaxes ó ombreiro dereito. A tensión empezaba a facerme dano no fondo do pescozo. Tal tensión mesmo a notei no propio ambiente. Había tensión na miña cara, había tensión nos meus xestos, había tensión na miña mirada e había tensión no silencio. Non tardei en ter medo de que tal tensión rebentase en calquera momento.

Os pés semellaba que bailaban claqué e as pernas tremían ó ritmo dos pés. Refachos de pensamentos ían e viñan polos raís torcidos da indiferenza, da calma, da pachorra, da melancolía. A melancolía é o pracer de estar triste. Eu o único que estaba era en tensión.


Movín o corpo para un lado. Esvarou o corpo para o outro. Tirei dunha orella. Fixen sangue na lingua de tanto morder silencio. Rasquei o nariz. Sen querer, iniciei un tic de chiscar o ollo esquerdo. A tensión preñaba na ansiedade e a angustia podía parir demasiado estrés; unha reviravolta completa de congoxa. As mesturas de pensamentos, sentimentos e soños estaban a formar un vulto de truques e retruques que mancaban, que doían, polo que non lles quedaba outra que estoupar.

Mentres, a noite fixo acto de presenza e a escuridade fíxose máis negra, como o silencio aumentou con máis soidade. A tensión xa me furgaba no peito. Os propios latexos saían con demasiada voltaxe. Non quedaba outra que moverse. Estaba a custarme un mundo. A tensión era moita. Cun esforzo supino conseguín erguer do sofá. Canta tensión acumulei para erguer. Custoume horrores levantarme!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 17 de decembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario