lunes, 20 de enero de 2025

O SINAL


Vin o alustro. Escoitei o trono. Botei a correr. Non foi por medo; foi coma un disparo, coma un tiro de saída. Quería correr e non sabía como empezar. Botara un bo cacho esperando un sinal. O alustro púxome en posición e o trono foi o que me impulsou cara á adiante.

Porén, o gran problema chégame agora: como deter a carreira. Eu sen sinais non sei facer nada. Teño que buscar un sinal e non sei cal. Outro trono non procede porque leva tronando un bo cacho e tampouco quero deixar de correr tan axiña. Podo buscar de sinal o famoso touro de Osborne, pero vou por estradas polas que sei que non hai ningún. Podo buscar un toxo solitario, mais, agora mesmo, xa ando por Castela.


Empezo a suar. Non sei se é polo esforzo da carreira ou pola angustia de non saber cando vou deixar de correr. O esforzo da carreira hai que recoñecer que xa é moito; levo xa medio día dándolle ós pés. A angustia... a angustia, aínda que sexa pequena, é coma un nó que se pon na boca do estómago ou no medio da gorxa e non me deixa respirar.

En Castela podo volver á opción do trono, porén non hai ningún signo de treboada. E se tarda esta en aparecer? E se cada vez que fago máis camiño, o bo tempo vai a máis? Definitivamente, teño que buscar outro sinal. Tan axiña como vexa un picouto nos Pirineos? ¿Cando vexa a torre Eiffel?

Case choro de carraxe ó caer na conta de que levo música sobre os meus oídos e aí pode estar o sinal: cando asome o tema “InThe Ghetto”, de Elvis Presley, deixo de correr. Entre 12.674 cancións, espero que apareza axiña. Mentres, sigo correndo.


Café O Liñar. A Valenzá. Venres, 17 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario