martes, 21 de enero de 2025

PERDIDO


Entrei no coche. Acendín o coche. Arrinquei o coche. Marchei co coche. Levo non sei cantos quilómetros e xa ando perdido. Dá igual. A algún lado chegarei. Sempre me perdo e sempre acabo chegando. Oriéntome pola intuición. Outras veces polos propios sinais das estradas, aínda que, estes, ás veces, confunden máis que axudan.

Ando perdido, pero como vou só, pouco me importa. O caso é escoitar a música e loitar cos pensamentos. Por veces mesturo uns con outros; xa non sei cales son as cancións e cales os pensamentos. De cando en vez, baixo a ventá, boto a cabeza fóra e berro.


Berrar desde un coche é bonito, é glorioso, é purificador e é moi liberador. Se alguén me escoita, que máis dá; sen vergonza ningunha, ninguén saberá quen son. Como van saber se ando perdido, ando fóra da miña zona, da miña contorna.

Aínda que cruzo con xente, non pregunto onde estou. Para que? Gústame saber por min mesmo por onde ando. A ver se levo algunha sorpresa; se por un casual cheguei a algún sitio que nin imaxinaba. De cando en cando paro para examinar ben o lugar. Aproveito para facer o que haxa que facer. Se me coincide pararme ante algunha toxeira deixo que os meus ollos brillen ante a flor do toxo. Porque é bonita, é rechamante, e o toxo tamén é o gran símbolo de Galicia, da miña Galicia.

Xa perdín a conta dos quilómetros que levo e dos lugares descoñecidos polos que pasei. Porén, sigo. Coa miña música e cos meus pensamentos. Cos meus berros e, si, tamén cos meus silencios. Nestes, nos silencios, é dicir, cos pensamentos empezo a preocuparme polo regreso. Como ando perdido xa veremos se sei volver.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 19 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario