Díxenlle a Valeriano que o universo era infinito. Nun primeiro momento abriu a boca nun claro xesto de asombro, pero non tardou en mirarme de esguello. Eu reboteille a súa mirada con outra miña, chea de picardía, de candidez e de inocencia.
Meu amigo Valeriano é fillo da Louca de Tras os Montes e de Rafael, O Aparecido. A nai, por suposto, realmente non se chama así. Ela é Eudosia Lucero Estrella. Non é que brille moito, pero... pero ten que cargar co apelido. Porén, Valeriano confía máis nos seus avós Eladio e Dominica, que foron os que realmente o criaron. Seus pais, os de Valeriano, marcharon a facer as Américas tan axiña como bautizaron ó neno. A pena foi que, logo de case corenta anos, e como se adoita dicir, volveron co rabo entre as pernas.
Tiveron que seguir dedicándose á labranza. E arrastraron consigo a Valeriano, porque, este, pobre, e como fixo dos avós un pandeiro, non tiña máis luces no seu vivir: nin traballo, nin estudos, nin ganas de acometer uns e outros. Agora, xa con case corenta anos, aguanta a súa vagancia e, si, de cando en vez, non lle queda outra que botar man da aixada para cavar as leiras e do fouciño para rozar os toxos. A estes vai contento. Confesoume un día polo baixiño, que lle gustaban pola súa flor. Eu tamén o mirei cunha ollada pícara, lagarteira.
Logo de dicirlle o de que o universo era infinito e non me crer moito, empecei a contarlle as estrelas. Cando eu xa cansaba de recitar números e el se aburría de oír a miña ladaíña, aceptou que si, que o universo era infinito. Rimos os dous ás gargalladas.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 22 de xaneiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario