sábado, 25 de enero de 2025

POLOS CONFÍNS DO TEMPO


O silencio está a marcar o ritmo do tempo. Este non corre. Está en calma. A señardade bica nos pensamentos e estes empreñan unha tarde anubrada pero quente. Aínda así, ela deita no sofá e el cóbrea cunha manta. Non falan. Non din nada. Só se miran. E as olladas paren sentimentos que se cruzan por entre a penumbra do salón.

Ela queda durmida e el sae para buscar o barullo da acción. O silencio estaba a angustiarlle o peito. No primeiro cruce de camiños xa se atribula, xa se atormenta porque non sabe por cal coller. Como non é un home de dereitas, colle polo camiño da esquerda mentres debuxa na súa mente a loita de catro estrelas polos confíns do universo. Para non pensar nela.


Mentres el desenvolve unha pequena guerra contra seres galácticos, ela soña coa melancolía bailando sobre uns posibles versos que, sabe, lle escribirá el. En cada verso deixa un alento e en cada poema un desexo. O soño dela bifúrcase en catro tarefas a realizar, das que, tres, vólvense pouco a pouco pesadelos inconexos. A cuarta aboia sobre o ricto dos seus beizos, que se moven nun xesto melancólico e cun medio sorriso a aflorar.

El, cando cae na conta de que nunca vencerá ós seres galácticos, volve sobre os seus pasos coa intención de rachar o silencio do salón e de alumear a penumbra co brillo dos seus ollos... por vela de novo. Ela, esperta xa, escoita como chega el, retira a manta e abrázase ó silencio. Míranse de novo e un pequeno ruxerruxe rompe por fin ese silencio. Xuntos espallan a señardade polos confíns do tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 24 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario